Pedro Gómez-Valadés
Faro de Vigo-06.09.08
Faro de Vigo-06.09.08
O vindeiro domingo e ao abeiro do Día Europeo da Cultura Xudía, celébrase na vila ourensá de Ribadavia un acto que a pesar da súa sinxeleza e inexplicable case anonimato, será sen dúbida un día moi especial para moitas galegas e galegos. O vindeiro domingo será o día de Lola, Amparo e Xulia, "As de Ribadavia".
Tres pequenas grandes mulleres que nestes tempos confusos reconcíliannos con nós mesmos na nosa condición humana. Pequenas pola extrema sinxeleza e humildade coa que viviron e coa que foron auténticos anxos da garda de centos de seres humanos que fuxían da tolemia hitleriana. E grandes pola súa firme e valente militancia a prol da vida en tempos e lugares nos que a vida non era precisamente un ben intocable. Lola, Amparo e Xulia, salvaron da gadaña nazi a centos de xudeus que fuxían á desesperada da Europa, da nosa Europa, arrasada pola barbarie e o asasinato planificado e industrial. Na cultura xudea, na relixión mosaica, hai unhas oracións moi especiais, os Kadish, para recitar na lembranza e na homenaxe dos finados. Antón Patiño Regueiro no capítulo que no seu fermosísimo libro "Memoria de Ferro" dedica a Lola, Amparo e Xulia, compón de certo o mellor e maís fermoso Kadish que poideramos recitar na súa memoria.
Con tristura non podo deixar de preguntarme que pensarían hoxe Lola, Amparo e Xulia da vergonzosa actitude do BNG ao negarse en xaneiro do ano que andamos, a subscribir no Parlamento de Galiza unha declaración institucional de Lembranza das Vítimas do Holocausto nazi. Que centos delas foran galegos republicanos non importou inexplicablemenmte ao BNG que preso da intolerancia propia do fundamentalismo de non sei que, vetou na casa común das galegas e galegos un texto de honra e lembranza. Un kadish que era tamén por Lola, Amparo e Xulia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario