"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







miércoles, 31 de mayo de 2017

Crónicas dunha viaxe a Israel. Por Carlos Casares


Carlos Casares no Muro das Lamentación (Xerusalén)

No mes de novembro de 1998 Carlos Casares viaxou a Israel. Desde alí, enviou as seguintes crónicas diarias “Á marxe” (La Voz de Galicia).

ISRAEL

Hoxe escribo desde a cidade de Tiberíades, en Israel, á beira do Mar de Galilea, un lugar que está situado a trescentos metros por debaixo do nivel do Mediterráneo. Hai pouco aínda, cando viña para o hotel, ás seis da tarde, as rúas estaban desertas e as tendas todas pechadas. Desde que se puxo o sol e saíron as tres primeiras estrelas, a iso das cinco e media, empezou o “shabbat”, día de descanso para os xudeus. Durante vinte e cinco horas non poden facer nada, nin sequera acender unha luz. A cidade, non obstante, vese iluminada. A tecnoloxía resolveu o conflito. Abonda con dispoñer dun reloxo programador para que non falte a luz nas casas.

Hai cidades, non obstante, onde os xudeus ortodoxos son minoría, como Tel Aviv ou Haifa, nas que estivemos onte e nas que non se cumpre a norma do descanso: abren os comercios e as discotecas, e a xente pode cociñar e acender as lámpadas. Por iso teñen a categoría de cidades impuras. Curiosamente son tamén os lugares onde conviven sen problemas os árabes, os xudeus e os cristiáns.

Por certo que no avión israelí que nos trouxo desde Madrid despois de pasar un control de seguridade que para min xupuxo un interrogatorio de case media hora, a unha amiga miña presentóuselle un problema inesperado: un mociño ortodoxo, con kipa na cabeza, pediulle que cambiase de asento, pois a súa relixión non lle permitía viaxar ao lado dunha muller. O incordio resolveuse coa intervención de outro xudeu, este sen kipa, que lle botou unha bronca ao mozo intransixente polo seu rigor. O mozo fixo a viaxe enfurruñado. Seguro que se tivo que purificar ao chegar á casa. Tampouco era para tanto: é normal ducharse despois dunha viaxe.

Sábado, 14 de novembro de 1998.


UN CONSELLO

Nesa terra de Galilea, en pequenos lugares situados á beira do lago transcorreu un anaco da vida pública de Xesús de Nazaret. Confeso que a maior parte deles non me dixeron case nada. No monte Tabor, onde tivo lugar a Transfiguración, todo se botou a perder cando un frade nos amosou a marca do pé de Cristo. Na colina do Sermón da Montaña, parece un sarcasmo que o templo que conmemora un dos discursos máis fermosos da Historia fose construído por Mussolini. No río Xordán, venden botellas de auga a tres dólares, mentres centos de turistas americanos vestidos con túnica branca se bautizan por inmersión entre aplausos.

Cafarnaúm é diferente. Esa foi a aldea na que viviu Xesús. Por fortuna, ninguén pretende coñecer cal era a súa casa aínda que está sinalada a que pertenceu a Pedro. Abonda con entrar no que queda da sinagoga, onde el falou, para deixarse levar pola emoción. E sobre todo, mirar arredor: os camiños, as vistas sobre o lago ou os perfís das montañas que o rodean, incluídos os célebres altos do Golán.

Ese monte simboliza en parte a traxedia deste país. Por certo que, entre os meus compañeiros, vexo a algúns deles preocupados coa crise de Iraq, sobre todo desde que se soubo que as autoridades de Israel repartiran máscaras de gas en prevención de calquera ataque de represalia. Esperemos que non pase nada, pero en todo caso, se pasase o peor, haberá que seguir o consello que lle deu unha nena pequena, filla dunha amiga miña, á súa nai: “Mira, mamá, se hai guerra, ti mantente á marxe”. Son palabras dunha sabedoría apabullante, moi difíciles, polo tanto, de cumprir. Mentres tanto, o mellor será gozar do presente. Mañá escribirei desde Xerusalén.

Domingo, 15 de novembro de 1998



XERUSALÉN

Para achegarse ao Muro das Lamentacións, en Xerusalén, hai que levar kipa, é dicir, esa especie de solideo que os xudeus practicantes poñen no cocote. De maneira que, cubertos con ese adminículo, alá nos fumos un grupo de amigos a mesturarnos cos xudeus ortodoxos, todos vestidos de negro, que naquel momento facían as súas oracións. Un destes últimos, vello de barbas brancas con aspecto venerable, foinos collendo un por un para darnos a bendición mentes cantaba impoñéndonos a man sobre a fronte. Pareceume un detalle simpático, incluso algo emotivo. Eu non sabía que o home facía aquilo a cambio duns dólares, que cobrou feliz.

Polo demais, a Xerusalén histórica é unha cidade moi fermosa, aínda que os lugares relacionados coa vida de Xesús resultan un pouco decepcionantes, o mesmo o Monte das Oliveiras que o Horto de Xetsemaní. O máis atractivo, polo menos para min, é a convivencia que se dá entre as relixións, aínda que non puidemos visitar as dúas mesquitas situadas na esplanada do Templo, que onte pecharon sen avisar.

Comimos en Belén, unha cidade que está sendo remozada de arriba a abaixo, hoxe convertida en territorio autónomo palestino. Nela conviven sen problemas, palestinos cristiáns e musulmáns, que residen en Israel, pero non teñen a condición de cidadáns do país. Polo que se pode deducir, os seus habitantes viven en parte do turismo e as peregrinacións que acoden a visitar a cova na que, segundo a tradición, naceu Xesús de Nazaret. Hai bos restaurantes e tendas de calidade. Por certo que entramos nunha delas para comprar algúns recordos e, de repente, o dono, un palestino que falaba español, berrounos: “¡Viva don Manuel Fraga!”.

Luns, 16 de novembro de 1998.


UN CREGO

Para chegar á igrexa do Santo Sepulcro, edificada sobre o que antigamente foi o Monte Calvario, normalmente sóbese a chamada Vía Dolorosa, que se inicia no palacio do procurador romano Poncio Pilatos e prosegue despois ata o alto a través do barrio árabe, cheo de tendas para turistas. A igrexa pertence hoxe a sete comunidades relixiosas diferentes, que a reparten entre si: etíopes, armenios, coptos, gregos, sirios, católicos e musulmáns. A parte máis importante, é dicir, o lugar onde se atopa a tumba de Cristo, é dos ortodoxos gregos, que son os encargados de organizar e encarreirar a riada enorme de peregrinos de todo o mundo que acoden ata alí.

Non me estraña que algúns destes sacerdotes teñan mal xenio. Onte, por exemplo, na porta do sepulcro estaba un noviño duns trinta anos, bastante desagradable. Rifaba por calquera cousa, ademais de que falaba cunha voz imperiosa, máis mandarica que cristiá. Confeso que ao pouco de chegar, mentres faciamos unha longa cola eu xa coñecía a antipatía que me inspiraba o personaxe.

Pouco despois, saíu como disparado do seu sitio, dirixiuse berrando cara a nós e botoulle unha bronca a unha parella de amigos meus, marido e muller, porque el tiña a man apoiada sobre os ombros dela. Pareceume tan mal, que non puiden evitar dicirlle que aquela actitude dos meus amigos era correcta e que non tiña dereito a berrarlles daquel xeito tan pouco cristián. Coa mesma voz dura de home intransixente, respondeume: “¡Si, pero isto non é un dormitorio!”. Só me quedou a dúbida de saber se, no caso hipotético de que a parella, en vez de apoiarse un no outro, discutise en voz alta, o creguiño rabudo tería actuado coa mesma dilixencia.

Martes, 17 de novembro de 1998


ORGULLO

Para ir de Xerusalén a Petra, a mítica cidade situada no veciño reino de Xordania, hai que seguir un camiño bastante absurdo. En primeiro lugar, vaise en dirección norte, deixando o río Xordán á dereita, logo atravésase a fronteira, sobre o río, e iniciase a volta en sentido contrario, desandando unha boa parte do longo percorrido feito a través do deserto de Xudea. O incordio débese a razóns de tipo militar, pois a comunicación entre os dous países, a pesar de que as relacións entre eles son hoxe moi boas, non resultan, con todo, fáciles. Entre os ríxidos controis de seguridade duns e a ineficacia burocrática dos outros, botamos na fronteira arredor de dúas horas.

Antes, ao atravesar a cidade bíblica de Xericó, convertida agora nunha pequena vila de aspecto pobre, emprazada nun oasis, ao pé do Monte das Tentacións, atopámonos cunha caravana de coches oficiais, con periodistas, motoristas, unha ambulancia e militares protexendo a ruta. Era o encontro entre Arafat e o presidente de Alemaña, que se encontraban alí. Oxalá a entrevista fose para ben.

En Xordania, todo parece moi pobre, o cal se percibe na amabilidade e na dignidae da xente. Nunha tenda, a un amigo desapareceulle a carteira cando a tiña posta sobre a mesa do caixeiro. Houbo consternación nos xordanos que nos acompañan, entre eles un policía de uniforme que vén con nós no autobús. Pouco despois chamaron polo móbil dun dos guías para avisar de que a carteira estaba alí e que todo se debera a unha confusión. Os xordanos detiveron o autobús para avisar polo altavoz cun tono épico, digno de quen acaba de descubrir un continente. Nas súas caras había orgullo. E nós, todos contentos.

Mércores, 18 de novembro de 1998


BEDUÍNOS

Supoño que Petra debe de ser unha cidade única no mundo. Situada no deserto de Edom, en Xordania, está totalmente esculpida na roca, o mesmo os templos que o teatro ou as vivendas. Penétrase naquel recinto fantástico a través dun longo camiño escavado na pedra, empotrado entre muros laterais que miden máis de cen metros de alto. Foi centro de comunicacións, cumpriu funcións relixiosas e serviu de necrópole e almacén para as caravanas que viñan de Oriente. Hoxe está convertida nun lugar turístico moi visitado, sobre todo despois de que o cine descubrise o seu engado en películas tan populares como Indiana Jones.

Para volver a Xerusalen hai que viaxar durante tres horas polos desertos sen horizontes de Edom e de Moab. Por certo que o deserto non está tan deserto como se podería pensar. Hai bastantes casas, incluso pequenas aldes, pero sobre todo vense con frecuencia as tendas rectangulares dos beduínos, habitantes naturais desas terras, que van con frecuencia dun lado para outro cos seus camelos e os seus rabaños.

Falando de beduínos, onte atopamos un deles preto do noso hotel e convidounos a media ducia de amigos a entrar na súa tenda. Ofreceunos té, que tomamos sentados no chan, e cantou para nós, acompañándose cun instrumento dunha corda. Tiña unha voz triste e melancólica, case de tópico, e uns ollos amigables, de boa xente. Conmoveunos a todos pola súa hospitalidade. Debía ser un bo tipo, pero tamén un excelente home de negocios, porque ao rematar a canción ofreceunos alfombras para comprar. Tiña un amplo surtido. A verdade é que acabou vendendo unhas cantas, especialmente cando se correu a bóla.

Xoves, 19 de novembro de 1998


O PORCO

De todas cantas cousas me chamaron a atención nestes días que pasei en Israel, as máis sorprendentes teñen que ver cos preceptos relixiosos e os formalismos destinados a burlalos, o cal non quere dicir que os xudeus sexan hipócritas ou cínicos. Polo contrario, deume a impresión de que son cumpridores, incluso aqueles que seguen os mandatos por razóns de tipo cultural e non por motivos relacionados coa piedade. Por exemplo, nos hoteis só se serve comida “kasher”, como din eles, ou “kosher”, como din os ingleses. Iso significa, por exemplo, que resulta imposible tomar café con leite, porque este último produto está prohibido mesturalo con carne.

Onte mesmo, cando viñamos no avión, nunha compañía de Israel, á hora de xantar, coa bandexa da comida entregáronnos un certificado no que se nos aseguraba que toda a comida era “kasher”, é dicir, que a carne procedía dun animal de dobre pezuña e rumiante ou de peixe con escamas e aletas, sacrificados ademais en presenza dun rabino, seguindo unhas determinadas regras e normas.
Por non ser rumiante, o porco queda excluído da dieta. Hai unha lei, aprobada no seu día polo parlamento de Israel que prohibe que se poidan criar porcos sobre solo israelí. País democrático, non obstante, as súas autoridades tiveron que aceptar a burla que atoparon nun buraco legal os habitantes dun “kibutz” ou granxa colectiva, que montaron unhas enormes plataformas de madeira, nas que se dedican desde entón a criar porcos, iso si, tendo en conta que non críen sobre “solo” de Israel, pois iso iría contra a lei. Naturalmente, en Israel hai moita xente laica que quere seguir a normas eloxiosas e que quere comer xamón.

Venres, 20 de novembro de 1998.


NORMAS

Onte falei aquí desa trampa que atoparon os habitantes dun “kibutz” de Israel para criar porcos, a pesar de que a lei o prohibe. O porco ou “jazir” é o animal máis impuro para os xudeus, non se sabe moi ben por que, aínda que a razón oficial ten que ver con dúas frases do Talmud. Unha delas afirma: “É impropio criar porcos”. A outra di: “Maldito sexa o que cría porcos”. Hai quen asegura, non obstante, que o motivo real procede dun feito histórico, cando os asirios, que daquela dominaban a terra de Israel, quixeron obrigar aos seus habitantes a sacrificar porcos no Templo. Sexa como sexa, o certo é que un xudeu observante nunca comerá carne dese animal.

O pragmatismo xudaico permite, a pesar do dito, excepcións, pois na súa cultura o ser humano é o centro da creación e todo existe para el. Iso explica que, por prescrición médica, por exemplo, se poida comer calquera alimento, aínda que non sexa “kasher”, é dicir, puro, incluido o porco; ou que as válvulas do corazón deste, tan repugnante e despreciado, se aproveiten para facer un transplante.
Pasa o mesmo coas leis referentes ao traballo no día de descanso, que son moi estritas, pero que teñen as súas trampas. Como xa dixen, durante o “shabat” non se pode traballar nin se pode mandar traballar a outro, aínda que sexa un xentil. Está permitido, non obstante, un contrato chamado “cablanut”, entre xudeu e xentil, segundo o cal, o primeiro pode encargarlle a construción dunha casa ao segundo, e este adminstra pola súa conta que días traballa, sábados incluídos, e que días non. Esta norma non vale, en cambio, para a construción dunha sinagoga, polo que os xudeus chaman o “marit ayin”. Disto falaremos no artigo de mañá.

Sábado, 21 de novembro de 1998.


APARENCIAS

Diciamos onte que un xudeu pode contratar a un xentil para que lle faga unha casa e que este, por medio dun subterfuxio formal, non está obrigado a seguir o precepto que prohibe traballar no “shabat”. Iso non vale, en cambio, para contruír unha sinagoga. A explicación é moi sinxela. No primeiro caso, alguén que observe os operarios en pleno traballo non ten por que saber se a casa que se está levantando é para un xudeu ou para un xentil. No caso da sinagoga, unha persoa que vise os traballos feitos en sábado podería tirar a conclusión de que os dirixentes xudeus incumprían a lei facendo traballar a outros.

A norma que rexe este comportamento chámase “marit ayin”. No fondo, trátase de non dar a entender o contrario do que sucede, de xeito que a xente non tire conclusións equivocadas respecto do cumprimento das leis. Esa é a razón de que os xudeus ortodoxos non estean de acordo, en xeral, coa práctica que seguen algunhas mulleres xudías de levar perruca en vez de tapar o propio cabelo cun pano.

Un xudeu practicante raramente pora margarina na mesa, a pesar de que se trata dun produto vexetal, sen leite, admitido, polo tanto, nunha comida na que haxa carne. A razón é a mesma dos exemplos anteriores. Alguén que observase desde lonxe podería confundir a margarina con mateiga, que por ser produto lácteo, queda excluído do xantar. Desta maneira sacaría a conclusión equivocada de que se estaba violando a lei. Nestes días pasados en Israel, foime imposible tomar café cortado despois das comidas, pois non se serve leite baixo ningún cocepto. A razón está nunha cita da Biblia: “Non cocerás o cabrito no leite da súa nai”.

Domingo, 22 de novembro de 1998


A MEZUZA

Estes días pasados, cando estaba en Israel, todo o mundo andaba moi intrigado cun pequeño detalle que non podía pasar desapercibido, tendo en conta que se trataba dun obxecto moi visible, estendido por todas partes. Nas portas dos hoteis, o mesmo en Tel Aviv que en Xerusalén ou en Tiberíades, había unha figura en relevo, duns dez centímetros de longo, cravada sobre o lintel, parecida a un raio. Alguén descubriu logo que ese signo aparecía en case todas as portas do país, nos restaurantes, nos cafés, nas sinagogas e incluso nos portais das casas privadas. Hai, segundo teño entendido, unha lei que obriga aos xudeus de Israel a usar ese signo.

Chámase a “mezuzá” e ten un significado baseado na Biblia, como ocorre case sempre coas normas dos xudeus. A súa orixe remóntase á historia da morte dos primoxénitos, tal como se conta no Éxodo, que antes se estudaba nas escolas, cando había a materia de Historia Sagrada. A “mezuzá” recorda o sangue que sinalou as casas dos xudeus para que o anxo exterminador pasase de largo.

A utilización desta marca está sometida a certas regras. Cando un xudeu cambia de casa, por exemplo, debe retirar as “mezuzot” (plural de “mezuzá”) dos linteis das portas para evitar a súa posible profanación, sobre todo cando o novo inquilino sexa un xentil. Hai, non obstante, unha excepción a esta norma. No caso de que este último puidese sentirse molesto ou ofendido porque lle quitasen o obxecto citado, o anterior quedaría autorizado a deixar as cousas como estaban. Non debe esquecerse que no xudaísmo hai un principio que di que cómpre evitar tensións entre xudeus e non xudeus. Contrariamente ao que di o tópico, os xudeus son tolerantes.

Luns, 23 de novembro de 1998.

Á marxe, 1998: obra xornalistica VII
Biblioteca Carlos Casares, Carlos Casares
Literaria (Editorial Galaxia)
ISBN  8498651352, 9788498651355
N.º de páxinas 251