"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







viernes, 21 de septiembre de 2012

El franquismo, cómplice del Holocausto...

As investigacións do periodista Eduardo Martín de Pozuelo nos arquivos de Estados Unidos, Reino Unido e Holanda desvelan que Franco deixou morrer a milleiros de xudeus que tuvo na súa man salvar. O autor avanza nestas páxinas a información que detalla no seu novo libro, El franquismo, cómplice del holocausto, publicado por Librosdevanguardia.
Podes ler na seguinte ligazón un adianto do libro

martes, 18 de septiembre de 2012

O neno que rompía os xoguetes...



It's still the same old story
the fight for love and glory
a cause of do or die
The world will always welcome lovers
As time goes by
Sam no bar de Rick, en Casablanca, 1942.

Por Xoán Salgado

Sam, o pianista do Bar de Rick en Casablanca, non era Sam e non viñera de París. En realidade era Dooely Wilson, un actor secundario que nacera en Texas, cantaba e tocaba a batería pero nunca soubo tocar o piano. Do mesmo xeito Beiras non é Vitor Laslo, non lidera ningunha oposición nin está fuxindo máis que das súas pantasmas. E, desde logo, non vai facer cantar ao bar enteiro, en pé contra a "ocupación española" por moito que soñe e aínda que el saiba tocar, seica, o piano.

Xosé Manuel Beiras Torrado acaba de cometer outro grave erro político ao preferir unha alianza con IU en vez de con Compromiso por Galicia.

Pero a cousa non estraña, porque, realmente, Beiras non é un político, é unha estrela, unha grande estrela mediática, un divo, unha vedette histórica, pero non un politico.

Como ideólogo é pobre, non ten corpus producido que alimente aos seus seguidores máis alá da paixón cega polo lider. Nin constituiu unha escola de economistas, nin é recoñecido alén das nosas fronteiras. Segue coa renda d'O atraso económico de Galicia e a definición intoxicadora de "colonia interna" (poderíase substentar tal cos datos socioeconómicos de hoxe en día?). Nin chegou a entender a trascendencia que podía significar a administración única propugnada por Fraga e presentou para contrarrestala, disparatado brindis ao sol, unha iniciativa parlamentaria para incluir a autodeterminación na constitución española.

Como estratega, sempre escolleu o máis beneficioso para o seu brillo, pero en xeral o máis ineficaz para o país. Falamos de 1977 cando os socialistas da FPS se integran no PSOE e son hexemónicos e marcan politicas nos seus territorios, como o PSC de Reventós e Pallac. El non quixo facer tal e logrou que o PSG baixase ao inferno da marxinalidade. E el con el. Falamos de 1984 cando o nacionalismo leva uns anos anovándose con Esquerda Galega para fuxir da marxinalidade antisistema, e en vez de apostar pola anovación, incorpórase ao BNG liderando -só ouropel- esa dura alternativa. E brillando el, como deputado, no medio do ermo. Falamos dos anos seguintes no seo do BNG onde é incapaz de liderar ningunha alternativa de cambio eficaz á hexemonía da UPG e chega a ser expulsado da súa organización, daquela Esquerda Nacionalista, por ir por libre. Falamos do período de cogoberno nacionalista 2004-2009 onde se mantivo ostentosamente á marxe, dedicado aos altermundismos e á defensa da independencia do pobo mapuche entre outros temas trascendentes para o futuro de Galicia. Falamos da súa ruptura despois de ter perdido o congreso de febreiro. Falamos de como en vez de propugnar unha unión entre os escindidos que optase pola anovación do galeguismo e nacionalismo incorporando a moitos sectores dispersos nos que gurgullaba a esperanza, opta por achegarse aos que o deixen brillar máis.

Non, non é un estratega. Terá, si, un alustar final -non hai moito percorrido politico por diante dun home seis anos máis vello que Fraga cando asumíu a primeira presidencia en Galicia no 1990- pero deixará moita terra queimada ao redor.

Pero tampouco un xestor. Nos seus 74 anos, e vivindo en democracia desde os 41, nunca tivo responsabilidades de xestionar ningún nivel de poder no que puidesemos contrastar a súa brillantez coa súa eficacia. Non sabemos como gobernaría un poder, pero si sabemos como fixo nas súas casas políticas. Terra Queimada. Estamos ante unha estrela que brilla, como os vellos iconos bizantinos. Pero nós somos iconoclastas.

É parte da nosa historia. Beiras foi mimado ate o extremo polo vello galeguismo. Era fillo de Manuel Beiras, fundador da Dereita Galeguista con Vicente Risco e Filgueira Valverde. Pero de algún xeito proxectaban nel a esperanza de que fose Vitor Laslo ou Castelao outros galeguistas sen fillos como Ramón Piñeiro e Francisco del Riego. Mimo de francés, piano, misas galeguistas, presenza nos actos dos cincuenta, coñecemento directo do panteón de vivos e adoración dos mortos rosalianos... logo estudos en Compostela, París, Londres...Coñecedor das terrazas de Saint Germain e dos paseos por Bloombsbury... e non, por sorte para el, da suor de arrincar das patacas, do manexo da coitela nas vendima, da xestión da supervivencia na cotidianeidade gris das cidades galegas, dos barracóns de emigrantes en Xenebra...

Beiras é unha estrela. E as estrelas teñen luz e lume. E antes de consumirse, arden e queiman. Se cadra, pola súa coidada estética de descoidada luz imperial sobre o resto dos mortais precisaba, como Xulio César cando entraba en Roma triunfante de mil batallas, un escravo ao seu lado que lle fose repetindo, Respice post te, hominem te esse memento. Ou sexa, "Olla detrás de ti e lembra que só es un home".

En fin unha vez máis a Vanitas vanitatis que pexa o avance do país. Sairemos adiante, pois tamén dicía Sam, "The fundamental things apply, as time goes by". 

viernes, 7 de septiembre de 2012

Sábado de Primarias en Santiago...


Certamente algo novidoso por estes lares como é a posibilidade de escoller os candidatos que logo buscarán o refrendo nas urnas.

Unhas Primarias abertas á participación de todo o mundo. Sexa militante ou non. Sexa afiliado ou non. Abonda só con ter interese cívico en participar e dar a nosa opinión para este vindeiro sábado á tarde achegarse polo Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela



domingo, 2 de septiembre de 2012

O tempo non redime a un pobo sen historia...

Recupero aquí nos Blues un magnífico é lúcido artigo escrito por Miguel Barros, a quen considero un verdadeiro referente hoxe do galeguismo (con certeza non lle gustará que diga isto) e que foi publicado no seu momento no número 14 da revista ENCLAVE que editaba a fundación do mesmo nome. Revista que tiña eu a honra e o pracer de dirixir e da que fican para as hemerotecas e historiadores algúns números de calidade excepcional con colaboracións de altísimo nível. En concreto aquel número 14 fora dedicado cun amplo especial ao debate da reforma do Estatuto que finalmente non foi. A pesar dos anos (2006) continua a ser un texto magnífico e actual. 
Miguel Barros no Parlamento de Galicia a carón de Ramón Piñeiro

 O tempo non redime a un pobo sen historia
(T.S.Eliot)

Por Miguel Barros

Estamos embarcados nun proceso de cambio político cualitativo. A Constitución do 1978 armonizou moitas insatisfacións pero obviamente non podía encher ningunha, porque se tal ocurrira o desequilibrio resultante faría inviable a transición da dictadura á democracia.

A secuencia de prioridades facía daquela urxente a superación da dictadura e ó servicio de tal obxetivo, moitos entendemos necesaria a batalla política en defensa da Constitución. A cidadanía recuperaba a libertade política. Os partidos republicanos e de esquerdas cedían na forma de Estado. Os nacionalistas periféricos renunciaban á organización federal e a dereita ideolóxica tivo que aceptar as reformas fiscal, educativa, e política do Estado. Na circunstancia en que vivimos aqueles feitos o balance semella racionalmente aceptable.

Se avaliamos a conducta colectiva da época podemos concluir con esperanza que a maioría é razonable. Hasta eiquí o tributo debido á historia. A experiencia da organización territorial da administración do Estado en dezasete autonomías non sumeu ó país no caos. Non arruinou as finanzas públicas. Non fixo dos presupostos pesebres de políticos irresponsables e avaros – aínda concedendo a existencia de casos puntuais e vituperables-. O sistema foi quen de mobilizar as enerxías dos territorios auntónomos, endereitar o rumbo do país cara o futuro civilizado, entendendo por tal: o empeño de superar os desequilibrios internos de renta, a construcción de un espazo político europeo e a participación nos asuntos punzantes da humanidade a traveso da presencia nos foros mundiais. Ademais mantívose a necesaria alternancia na responsabilidade política de conducción dos asuntos públicos. Concedámonos así o mérito da explotación produtiva do sistema en beneficio do interese xeral. Deitamos eiquí tamén os xuros debidos á virtude cívica dos pobos de España.

Pero, si na opinión dos máis, esta xeira ofrece un balance equitativo entre as expectativas acariñadas e as realidades conseguidas, agora temos diante un novo desafío. O reto consiste en mover novamente a arquitectura xurídico-constitucional na medida precisa para se axeitar ós novos obxetivos. Primeiro, recuperar a singularidade das nacionalidades históricas, segundo, proceder a unha atribución de responsabilidades fiscais en función das responsabilidades políticas e competenciales asumidas, en terceiro lugar dar cauce institucional á dinámica xerada pola nova concepción do Estado Plural.

O primeiro dos obxetivos implica unha aceptación realista da diversidade e pluralidade nacional do Estado, feito político recoñecido polo propio socialismo na declaración de Santillana. O segundo dos obxetivos ten que ver coa capacidade real de autogoberno, e en terceiro lugar a gobernanza dos territorios demanda unha cámara axeitada para o debate das coletividades políticas resultantes.

Situados xa no nivel do debate políticamente puro, esto é na disputa nuda, aínda que democrática do poder, procede agora xustificar a nosa posición como defensores da participación de Galicia na xestión da responsabilidade xeral do Estado, así como no ámbito da responsabilidade propia, rendida somentes ante a suprema autoridade do corpo eletoral. Resulta indispensable salientar a importancia que ten retomar o concepto de “nacionalidade histórica” como fórmula de singularizar a Galicia como comunidade diferenciada. E compre tamén ter en conta a historicidade do concepto de Nación na medida en que é construible no tempo. Porque a homoxeneización das dezasete comunidades autónomas puido conseguir a igualación administrativa ó equipara-las competencias, pero non resolveu nin resolve o problema político da singularidade nacional de Galicia, Euskadi e Catalunya.

A banalización do feito diferencial por parte da dereita adiou o problema político, pero non o arranxou. Na medida en que a Constitución diferenciaba, o poder central nivelaba, en consecuencia, o único que se conseguiu foi pospoñer un debate medular na futura evolución do Estado Español, porque, non o olvidemos, tanto o Estado como a soberanía tamén son igualmente conceptos históricos. En resume a Constitución do 78 circunvalaba a concepción federal do Estado que goza de tanta tradición no pensamento da esquerda en España como pode ser tradicional a concepción unitaria no pensamento político da dereita.

Como afirma Martín Pallín o núcleo duro da Constitución radica no Título I que consagra as libertades públicas dos cidadáns. Xa que logo o recoñecemento das diferencias colectivas non soio non merma nada os dereitos individuais senón que acepta que o dereito colectivo que implica o concepto político de Nación, ven a ser en última instancia un dereito individual máis dos cidadáns do Estado dacordo con seu ámbito de pertenza territorial e cultural.

Os constitucionalistas xa buscarán as fórmulas técnico-xurídicas pertinentes, pero dende o punto de vista político o Estatuto Galego renovado ten que definir a Galicia como Nación. Porque, en primeiro lugar, esta é a realidade histórica e fáctica, e en segundo lugar, porque unha vez anulada a virtualidade constitucional de nacionalidade histórica da que Galiza goza na Constitución, as forzas políticas galegas incurrirían na responsabilidade de facer deixazón da súas funcións na defensa do interese coletivo do País que representan.

Resulta indispensable afirmar a capacidade de autogoberno equilibrando responsabilidade política e suficiencia financeira real para facer efectivo o poder institucional. A defensa de tal obxetivo ten que ver co concepto de xustiza distributiva da riqueza estatal para a cohesión económica e social dos territorios e ten que ver así mesmo co proceso de consolidación da autonomía política real.

Proclamada eficazmente a Nación, garantida a suficiencia financeira e a responsabilidade fiscal acorde co poder político efectivo, queda aínda un obxetivo común para a construcción do Estado plurinacional, obxetivo que demanda nesta instancia o acomodo constitucional do Senado como cámara representativa dos poderes territoriais e este obxetivo común implica axeitar á segunda cámara á realidade política resultante.

A tradición política conservadora co seu inmovilismo tenta pechar a porta da historia pero os homes somos vontade libre e actuante e os séculos tempo amortizado. Mentres exista a libertade ninguén pode pechar a porta da historia

O tempo non redime, agarda. Con verso aspaventoso expresouno Eliot. Na bigornia eterna o tempo espera a que a vontade dos homes lles de forma ós soños dos pobos.

Vigo, inverno de 2006