"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







jueves, 28 de abril de 2011

Symmetry...

Symmetry é unha curtametraxe que non deixa os nosos ollos en paz, lévaos de esquerda a dereita buscando o punto de unión entre as imaxes que vemos. Sinxelo e perfecto...


Symmetry from Everynone on Vimeo.

domingo, 17 de abril de 2011

O soldado galego que vendía nazis...


A vida de Ángel Rodríguez Leira supera calquera película sobre os heroes da Segunda Guerra Mundial. Este percebeiro de Cariño foi un dos primeiros combatentes que, o 26 de agosto de 1944, liberaron París tras tres anos de ocupación nazi. Integrante da Compañía La Nueve, formada por 144 exiliados republicanos españois baixo o mando do xeneral Leclerc, Ángel Rodríguez xogou un papel crucial. Foi condecorado coa Cruz de Guerra polo mesmo De Gaulle por destruír cinco tanques alemáns nun só día. Nesta lendaria división blindada do exército francés, onde a lingua oficial era o castelán, militaron outros dous galegos: o coruñés Víctor Lantes e Antonio Yáñez, tamén natural de Cariño. A odisea deste home comezou na súa vila natal co estoupido da Guerra Civil Española. Pertencía a unha CNT que naquel momento “mobilizaba á maioría da clase traballadora”, lembra o historiador Dionisio Pereira. Ao non ser un dos membros destacados do anarcosindicalismo, foi chamado a filas e obrigado a combater do lado do exército sublevado xunto ao seu compañeiro Antonio Yáñez. En canto tiveron oportunidade desertaron e uníronse á causa republicana. Tras a vitoria do bando nacional fuxiron desde Alacante nun bote a remos xunto a outras cinco persoas, poñendo rumbo cara o descoñecido. Encheron de laranxas a embarcación, que foi o seu salvoconduto cara a liberdade, xa que conseguiron chegar á Arxelia francesa tras 17 días de travesía. Aínda que as autoridades galas quedaron abraiadas pola xesta, o seu destino foi o de tantos outros exiliados das colonias francesas: un campo de concentración.


SOLDADOS “ANTIMILITARISTAS”


Os exiliados galegos bautizaron o seu barracón do campo de concentración de Camp Suozzi, no interior de Arxelia, como Villa Cariño. Pero Ángel Rodríguez como Antonio Yáñez tentaron fuxir a través do deserto non unha, senón dúas veces. Ameazáronos cun forte castigo que só poderían evitar alistándose na lexión estranxeira. E así é como estes dous veciños de Cariño acabaron enrolados na famosa división, coñecida polos seus vehículos half tracks e temida polos seus inimigos. E é os seus compoñentes tiñan sona de “idealistas, arroutados e individualistas”, asegura a xornalista alacantina Evelyn Mesquida, autora de La Nueve. Os españois que liberaron París. Segundo Raymond Dronne, capitán desa compañía, aqueles homes “non tiñan espírito militar, eran incluso antimilitaristas”, que decidiron combater pola liberdade. Foi nese momento cando Ángel Rodríguez Leira se pasou a chamar Cariño López, adoptando o nome do se lugar de orixe, como era habitual na lexión francesa. O capitán Dronne, elixido para comandar esa milicia porque falaba castelán, definiu a este galego como “un home de gran sangue frío” que salientaba pola súa “perseveranza”. La Nueve tiña como misión a avanzada de tropas e sempre era enviada a primeira liña. Os seus homes tiñan a orde de non retroceder nin un palmo de terreo. E abofé que o cumpriron. “Non hai que esquecer que eran mercenarios, eran homes de carácter curtidos no combate, por iso os elixiron para liberar París”, lembra Andrés Modesto Alonso Rodríguez, o neto de Ángel Rodríguez Leira, residente en Cariño. O percebeiro metido a artilleiro que intercambiaba soldados nazis cos americanos por “tabaco, botas novas e mesmo un jeep”, di Andés. E é que os combatentes americanos eran ascendidos se presentaban un prisioneiro alemán ante os seus superiores. E o heroe de guerra galego non se achicaba nin sequera ante os seus mandos...in ante o mesmo xeneral Charles De Gaulle. “Cando De Gaulle o condecorou fíxolle dano co pincho da medalla e meu avó díxolle: ‘Vai conseguir vostede o que non conseguiron os alemáns en todo este tempo’”, engade Andrés. “Tiveron moitos collóns para facer o que fixeron, combatendo en primeira fila contra os alemáns cando só tiñan entre 20 e 30 anos, loitando pola liberdade da que todos gozamos hoxe”, di o neto do valente soldado. E é que a compañía acoirazada, que se preparou en África e Inglaterra, desembarcou en Normandía, liberou Estrasburgo e, por suposto, París. Ademais, penetrou incluso no Niño de Aguias de Hitler, o santuario do Fürher. O lugar, cheo de simbolismo para o nazismo, situado preto da cidade austríaca de Berchtesgaden e escavado na rocha, era punto de encontro dos altos xerarcas das SS. Alí, os homes de La Nueve fixéronse con diversos obxectos que pertenceran ao ditador alemán. “Ademais das sabas de Hitler, meu avó colleu un reloxo de ouro dos nazis”, sinala Andrés, que recoñece que a súa avoa “pasou moi malos momentos acusada de estar cun roxo cando el era antimilitarista e actuou movido polas circunstancias”. Ángel Rodríguez refixo a súa vida en Francia, onde tivo dúas fillas, Mar y Luz e Anita, ante a imposibilidade de poder regresar á súa terra cos seus, Ángel e Marina. “As dúas ramas levámonos moi ben”, precisa Andrés, fillo desta última.


HOMENAXE EN CARIÑO


“Buscáronse a vida xa que tiveron que abandonar o seu país”, explica Andés, que participará este sábado en Cariño nun acto organizado pola Comisión pola Memoria Histórica da Coruña e o Concello de Cariño en recordo destes feros combatentes. Robert Coale, profesor de Historia Contemporánea Española na Universidade de París ofrecerá unha conferencia sobre o papel dos soldados galegos de La Nueve na casa da cultura ás 18.00 horas. Un día antes, o Círculo de Artesáns da Coruña acollerá unhas charlas sobre o mesmo tema. En Cariño, os descendentes das partes galega e francesa de Ángel Rodríguez, falecido en París en 1975, terán a oportunidade de recordar a quen sempre quixo regresar ao seu fogar “para coller percebes de novo”.


Un traballo de Daniel Prieto publicado en Xornal de Galicia https://www.xornal.com/artigo/2010/05/16/galicia/soldado-galego-vendia-nazis/2010051622510103906.html

Un paseo polo Parque Güell...

BCN-Gaudí-Park Güell from myLapse on Vimeo.

miércoles, 13 de abril de 2011

La república islámica de España...


La república islámica de España


Editado por Rba

Data de publicación:14/04/2011

ISBN 9788498679861

Páxinas: 280

Idioma: versión en catalán e tamén en español

Prezo: 20 euros

.

Este libro non expón ningún choque de civilizacións, senón un coche entre a civilización e a barbarie. E se na barbarie se inclúe a todos aqueles que usan a relixión e a un Deus para xustificar odios, escravitude, fanatismo e terrorismo, na civilización inclúese a todos aqueles que loitan pola liberdade. Non é, xa que logo, un libro contra o islam. É un libro a favor de todos os musulmáns, homes e mulleres, que loitan polos seus dereitos e para que a súa identidade cultural non sexa utilizada para destruír valores fundamentais. É así mesmo un libro contra todos aqueles musulmáns que, no nome desa identidade, están a destruír o islam mentres tentan destruírnos a todos. Nin Huntington, nin Fallaci, moi ao contrario, porque non loitan os deuses. Son os que usan a Deus en contra dos seres humanos. Trátase, por conseguinte, dunha defensa convencida da modernidade, da civilización e da liberdade. E hoxe quen máis brutalmente ameaza estes grandes conceptos é o islamofascismo, a ideoloxía totalitaria que, en nome de Aláh, ameázanos. Tamén hoxe quen máis heroicamente loita a favor destes grandes conceptos son os musulmáns valentes, e moi especialmente as mulleres que alzan a voz contra esta ideoloxía totalitaria. Este libro non nace do medo, pero é un libro nado do convencemento de que, hoxe en día, temos medo de falar claro.

martes, 12 de abril de 2011

50 anos do xuizo a Eichmann...


Fonte: “Der Standard”, luns, 11 Abril 2011, p. 3.

Traducido do alemán ao galego por Carlos Penela

TEMA: 50 anos do proceso a Eichmann

Avogado da acusación fala sobre o significado da causa

“Non era sinxelo permanecer tranquilo”

Gabriel Bach, avogado suplente da acusación no proceso a Eichmann, sobre o seu primeiro encontro co criminal nazi, a crítica ao proceso e a súa opinión de que o proceso liberou aos xoves de Israel dun sentimento de vergonza. Tobias Müller realizou a entrevista.

STANDARD: Como se sentiu cando soubo que representaría a acusación contra Eichmann?

Bach: Antes do meu primeiro encontro con Eichmann, senteime no meu despacho e linme a biografía de Rudolf Hoess, o comandante de Auschwitz. El describe como asasinaba un millar de nenos xudeus por día e como lle tremían os xeonllos cando tiña que mandalos á cámara de gas. Pero entón engade: “Sempre me avergoncei por esa debilidade, despois de ter falado co tenente coronel Eichmann. El explicoume: «que se consegue con matar persoas maiores, se se deixa con vida o xerme do restablecemento desa raza?»” Dez minutos despois, Eichmann foi conducido ao meu despacho. Non era sinxelo permanecer tranquilo. Nunca esquecerei o comezo do proceso, cando os xuíces entraron na sala, coas bandeiras de Israel por detrás, e de como ese home, cuxo único afán era exterminar o pobo israelí, foi levado antes eles. Como se levantou e se cadrou ante un tribunal soberano israelí dun Estado soberano xudeu – nunca antes fora para min máis claro o significado da creación do Estado de Israel.

STANDARD: Como o viviu? Está de acordo coa afirmación de Hanna Arendt sobre a “banalidade do mal”?

Bach: Arendt deu unha descrición totalmente errónea sobre os documentos principais que nós presentamos no proceso e sobre as nosas testemuñas principais. O que a motivou a iso éme até o día de hoxe pouco claro. Con respecto a Eichmann: el non era ningunha persoa insignificante que simplemente cumprira as ordes que recibía. Quizais ao comezo, porque pensou que sería bo para a súa carreira. Pero despois identificouse totalmente co asunto. Dicíalle aos seus amigos: “Seino, a guerra está perdida, pero eu vou gañar a miña”. Entón, viaxou a Auschwitz para aumentar a matanza de 10.000 persoas por día a 12.000.

STANDARD: Polo tanto, non era simplemente alguén de reposto? Foi decisivo o feito de que el ocupara ese posto?

Bach: Si. Se eu tivese efectuado investigacións sobre o Holocausto sen acusados e despois se me dixese: podes dispor dunha persoa á que podes levar ante o tribunal para mostrar todos os aspectos do mesmo: sen dúbida que tería escollido a Eichmann.

STANDARD: O Holocausto é un crime que non se pode concibir. Até que punto se pode superar iso cun proceso?

Bach: Naturalmente iso non é tan sinxelo, e sen embargo: durante todos eses anos só se leu e se oíu o que acontecera sen que se puidese facer nada. Entón chegou a posibilidade de levar ante o tribunal o home que, realmente, era responsable de tódolos aspectos deses sucesos atroces e de demostrar da maneira democrática e xurídica máis clara o que acontecera, ao mesmo tempo que se lle aplicaba a ese home a pena máis dura que existe nun país democrático. Iso si resultou satisfactorio.

STANDARD: O proceso foi controvertido. O avogado de Eichmann dubidaba da competencia do tribunal, outros falaron de parcialidade. Que ten que dicir vostede ao respecto?

Bach: Xuridicamente é impecable. Contareille para iso unha historia moi significativa: nunha ocasión, un profesor debateu comigo sobre esa cuestión do “tribunal das vítimas”. El viu no escrito da acusación que nós non só denunciaramos a Eichmann pola matanza de xudeus, senón tamén pola de polacos, rusos e checos. Entón preguntou: “Por que non o entregaron a un tribunal polaco, checo, ruso...? E eu dixen: “Escoite, hai cinco minutos vostede preguntou, se un tribunal xudeu estaba autorizado a xulgar a Eichmann e agora quere saber por que non o entregamos?” O home tivo a decencia de corar.

STANDARD: A Israel tamén se lle recriminou o secuestro de Eichmann.

Bach: Nos EEUU acontece con frecuencia que os criminais escapen a outros Estados e entón sexan traídos de volta por parte da policía de maneira ilegal. Casos así foron levados ante ao Tribunal Supremo, que decidiu: se alguén é detido noutro país de maneira ilegal, as persoas que fosen responsables do feito poderían igualmente ser levadas ante os tribunais. Pero iso non altera en nada a competencia que o tribunal ten sobre o criminal.

STANDARD: Como valora vostede as consecuencias do proceso?

Bach: En Israel tivo unha grande influencia. Moitos xoves non querían escoitar nada acerca do Holocausto. Non podían entender que millóns de seres humanos fosen ao matadoiro, sen opor resistencia. Non era o obxectivo principal, pero nós queriamos tamén explicar que non había ningún motivo para avergonzarse. Mostramos como Eichmann e os seus colegas conduciron ás persoas ao engano, por exemplo, obrigándoas a escribirlles ás súas familias: “Estamos nun lugar marabilloso, con fantásticas excursións, sen demasiado traballo; vinde, vinde o antes que poidades!” Despois do proceso, de súpeto, os nenos israelís querían visitar os campos de concentración en Polonia, interesábanse polos xudeus de Europa.

STANDARD: E en Alemaña?

Bach: Alí sucedeuse unha reacción en cadea de procesos contra este tipo de criminais. Recibimos moitos documentos sobre o que acontecera nos campos de exterminio. Son moi importantes por todos aqueles que negan que o Holocausto sucedeu.

GABRIEL BACH (84 anos): foi avogado suplente da acusación no proceso a Eichmann e xuíz do Tribunal Supremo de Israel entre 1982 e 1997. En 1938 fuxiu de Berlín e vive en Xerusalén.

sábado, 9 de abril de 2011

Boicot contra China, Irán, Arabia Saudí, Siria, Sudán, Corea...


En primeiro lugar coido debemos ter claro antes de nada, que os boicots son -por definición- destrutivos, algo que na miña opinión é o que menos precisa a castigada rexión. Desde logo e ainda que os seus propotores digan o contrario, non promoven a paz, nin consiguen que as partes en conflito sexan máis flexíbeis. Necesariamente flexíbeis. Pola contra os esforzos encamiñados a impulsar e promover o boicot dividen ainda máis ás comunidades en litixio.

O conflito palestino-israelí non é desde logo sinxelo, non é un debuxo en branco e negro. Cada bando terá que traballar arreo na procura das mellores condicións para a paz, culpar e sancionar a un só bando non contribúe en nada a tarefa de achegar posturas, algo esencial se realmente queremos ver algún día un horizonte pacífico e de boa convivencia entre palestinos e israelies. Boicotear os produtos israelís, a cultura israelí, o deporte israelí... non fomenta precisamente que os líderes palestinos vexan necesarias as negociacións, de feito, co boicot contra "o outro bando" móstraselles que non é precisa ou cando menos esencial a negociación, porque outros están xa dispostos a ferir ao "inimigo", económica e politicamente. Boicotear a Israel non contribue a axudar aos palestinos na mellora da calidade das súas vidas, nin a construir o seu futuro Estado, nin xa que logo, a desenvolver as indispensábeis institucións democráticas palestinas.

O boicot contra Israel é un movemento no particular taboeiro de xadrez árabe-israelí, destrutivo, no canto dunha acción construtiva coma algúns teiman en presentar.. Se nós queremos en verdade facer un contributo positivo para a imprescindíbel paz, colaboremos entón cos esforzos e cos programas de apoio mutuo, de interrelación entre a sociedade civil israelí e palestina, pero non engadamos incomunicación onde é precisa unha sobredose de intercomunicación. Noutras palabras, investir na paz e convivencia, non en enfatizar as dirferenzas, na falta de cobertura e nas chamadas perdidas. O argumentario en apoio ao boicot ignora a mantenta o dificilísimo contexto das accións de Israel, e busca só xustificar e deslexitimar ao Estado de Israel. Os responsábeis dos esforzos do boicot curiosamente nunca mencionan a ameaza terrorista permanente coa que convive Israel, e nunca teñen a ben mencionar a grupos islamofascistas como Hezbolláh, Hamas, Yihad islamica... Ignoran a mantenta os máis de 60 anos de permanente acoso e derribo de Israel con guerras, terrorismo e un perigoso horizonte nuclear iraniano. Castigar a Israel é un exercicio de suprema hipocrisía da esquerda de salón europea, algo que demostra o silencio destes mesmos promotores do Boicot, para con reximes como o chinés, o iraniano, o saudí, o sirio, o coreano, o cubano etc... Na axenda "humanitaria" dos sospeitosos promotores do boicot contra Israel só aparece merecente da súa xenerosa atención un estado no planeta... Israel.

E non esquezamos que apoiar o chamado ao boicot contra Israel é dar cobertura as forzas máis reacionarias da rexión e do mundo. Os promotores do chamado BDS (Boicot, Desinversión, Sancións) alíñanse de facto con Hamas ou Hezbollah, dous dos movementos políticos máis represivos, reaccionarios e fundamentalistas do mundo. Que organizacións supostamente progresistas ou de esquerdas apoien implicitamente -e incluso explicitamente- a grupos desta caste, e unha delirante contradicción cos máis fundamentais valores que seica din defender. Claro que é moito máis doado atacar, criminalizar e tentar deslexitimar a Israel que "convencer e persuadir" a Hamas, a Yihad islamica ou Hezbollah de que deben respectar os dereitos humanos, os dereitos civís, os dereitos das mulleres, os dereitos das minorías...

Ligazón recomendábel: http://contraboicotaisrael.blogspot.com/

Indignádevos...


Por Afonso Vázquez-Monxardín

.

Stephane Hessel publicou o día 10 de outubro pasado unha obriña titulada “Índignez-vous” que nós traduciriamos ao galego de Ourense por un “indignaivos” aínda que ao xeral por “indignádevos” e que leva dado moito que falar. Como saberán, trátase dun chamamento á rebeldía contra un sistema en crise que aparenta deixar sen expectativa de futuro á mocidade. A versión castelá prologouna José Luís Sampedro e a galega Manuel Rivas.

Pois ben, o atractivo é que tal chamamento vén da palabra dun intelectual de noventa e tres anos que participou como redactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, alá por finais dos anos corenta.

Comparto o desacougo, a indignación, se queren vostedes usar esa palabra, de que coas subvencións á banca se leve a poñer aos raposos novamente ao coidado das pitas. Ou sexa que os pagaron relixiosamente as hipotecas aos bancos agora deben soportar que lles apreten o cinto para que o estado poida dar máis cartos a esa banca. Comparto o chamamento á rebeldía dunha mocidade aparentemente anestesiada e que está a punto de perder a ilusión do futuro laboral, non xa en Ourense onde non o hai apenas, senón en sitio ningún.

O azucre é enerxía, pero o exceso produce problemas de saúde. E hoxe hai algúns excesos que tenden a narcotizar a xuventude: a súa idealización como única etapa da vida a admirar, o consumismo louco, a paixón pola hipercomunicación instantánea, sexan móbiles ou internet, pola satisfacción inmediata dos desexos, a redución da política á marxinalidade... Temos unha das mocidades mellor preparadas da historia pero con menos expectativas de futuro. Deben reaccionar, claro, esixindo o seu oco, se cadra tamén contra a nosa fosilización no mercado laboral, e esixíndose, a sí mesmos moito máis tamén, para abriren, xuntos e cada un o seu, eses novos camiños.

Pero do opúsculo moléstame a visión sesgada da historia. Por exemplo do papel da Francia na segunda Guerra Mundial. Hoxe sabemos que máis alá do cine, na resistencia francesa actuou só unha pequena parte da poboación e que Francia non foi liberada polos franceses –como a Iuguslavia de Tito por eles- nin se comportou como Dinamarca. Viuse libre de Hitler pola participación xenerosa dos soldados dos Estados Unidos. Si, os xudeus do Marais parisino ou de Burdeos convertidos en fume en Auschwitz viron por primeira vez un alemán no seu destino final, pois foron presos, confinados, exportados, por tamén franceses. A mitificación da súa resistencia como fonte de toda a lexislación de dereitos sociais é tan curiosa como a perigosa equidistancia entre o papel dos USA e de Stalín ou o terrorismo islamista.

E por suposto unha postura simplona, superficial e maniquea sobre o conflito palestino botando man, alén dos tópicos ao uso, do famoso informe Goldstone que o propio redactor rectificou nun imprescindible artigo o día 1 de abril pasado no Washington Post titulado “Repensando o informe Golstone sobre Israel e os crimes de guerra” e que tamén está en versión galega na rede. Parece que nos imos poñendo ao día nos debates intelectuais de Europa.


domingo, 3 de abril de 2011

De esto contaréis a vuestros hijos...

Pica no título da entrada

Repensando o informe Goldstone sobre Israel e os crimes de guerra 


Por Richard Goldstone
The Washington Post, 01.04.2011
.
Sabemos hoxe moito máis sobre o que pasou na guerra de Gaza de 2008-09 do que sabiamos cando presidín a misión de investigación nomeada polo Consello de Dereitos Humanos da ONU e que deu luz ao que veu a ser coñecido como o Informe Goldstone. Se eu soubese o que sei agora, o Informe Goldstone sería un documento diferente.
.
O informe final elaborado pola comisión de expertos independentes da ONU - presidido polo ex-xuíz de Nova York, Mary McGowan Davis -que seguiu as recomendacións do Informe Goldstone- concluíu que "Israel ten dedicado recursos significativos para investigar máis de 400 denuncias de mala conduta operativa en Gaza” mentres que "as autoridades de feito de Gaza (ou sexa, o Hamas) non realizaron ningunha investigación sobre lanzamento de foguetes e ataques de morteiros contra Israel".
.
O noso informe atopou evidencias de potenciais crimes de guerra e "posiblemente crimes contra a humanidade" por parte de Israel e Hamas. E que os crimes presuntamente cometidos por Hamás foron principalmente ter lanzado os seus foguetes a propósito e indiscriminadamente sobre obxectivos civís.
.
As presuncións de intencionalidade de Israel baseámolas nas mortos ou feridos civís en situacións nas que a nosa misión de investigación non tivo probas para tirar calquera outra conclusión razoable. Así, mentres as investigacións publicadas polo exército israelí e sinaladas no informe da comisión da ONU, recoñeceron a validez de algúns incidentes en que se viron implicados soldados individuais, tamén indican que os civís non foron atacados intencionalmente por causa dunha decisión política.
.
Por exemplo, o ataque máis grave sinalado no informe Goldstone foi o asasinato de preto de 29 membros da familia Al Simouni na súa casa. O bombardeo da casa aparentemente foi consecuencia de interpretación errada dun comandante israelí dunha imaxe Drone, e un oficial israelí está baixo investigación por ordenar ese ataque. Aínda que a duración das investigacións é frustrante, parece que está en marcha un proceso adecuado, e estou seguro de que de determinar que o oficial foi neglixente, Israel reaccionará en consecuencia. O obxectivo destas investigacións, é, como eu sempre dixen, garantir a responsabilización por actos impropios, non ser unha segunda visión, co beneficio de ser a posteriori, que dificulte a toma de decisión dos mandos no campo de batalla.
.
Mentres nos satisfai que algunhas investigacións se transformen en denuncias en Israel, tamén debo compartir as preocupacións reflectidas no informe Davis McGowan a propósito de que se remataron poucas investigacións en Israel e que estas deberan ter unha forma máis pública. Aínda que desde a publicación do noso informe Israel non nega a tráxica perda de vidas civís, témome que a nosa misión de investigación en busca de feitos, non teña evidencias para explicar as circunstancias nas que dixemos que os civís da Faixa de Gaza foran obxectivos militares, porque, probablemente isto influiu nas nosas pesquisas sobre intencionalidade e crimes de guerra.
.
A falla de cooperación de Israel coa nosa investigación significou que non foramos capaces de corroborar cantos dos habitantes de Gaza mortos eran civís e cantos eran combatentes. As cifras proporcionadas polo exército israelí reveláronse como moi semellantes ás recentemente proporcionadoa por Hamás (a pesar de Hamás tería razóns para inflar o número dos seus combatentes).
.
Como xa referín dende o principio, eu tería apreciado a cooperación de Israel. O propósito do Informe Goldstone nunca foi probar unha conclusión precipitada contra Israel. Eu insistía en cambiar o mandato orixinal aprobado polo Consello de Dereitos Humanos que era retorto contra Israel. Sempre fun claro que Israel, como calquera outra nación soberana, ten o dereito e o deber de defender e os seus cidadáns contra os ataques do exterior e interior. Algo que non foi recoñecido a miúdo suficientemente é o feito de que o noso informe marcou a primeira vez que actos ilegais do terrorismo de Hamás están a ser investigados e condenados polas Nacións Unidas. Eu esperaba que a nosa investigación en todos os aspectos do conflito en Gaza debería ser o inicio dunha nova era de imparcialidade no Consello de Dereitos Humanos da ONU, de cuxa historia de prexuízos contra Israel, non se pode dubidar.
.
Algúns teñen acusado o proceso que se seguiu non fixo conforme ás usuais normas xudiciais. Para ser claro: A nosa misión non foi de ningún xeito un proceso xudicial ou mesmo paraxudicial. Non investigamos condutas criminais por parte de calquera individuo en Israel, Gaza ou en Cisxordania. Fixemos as nosas recomendacións sobre a base do rexistrado por nós, o que por desgraza non inclúe ningunha achega do goberno israelí. De feito, a nosa principal recomendación era que cada parte investigase de forma transparente e de boa fe, os incidentes referidos no noso informe. McGowan Davis concluíu que Israel ten feito isto de forma significativa, e Hamas fixo nada.
.
Algúns sinalaron que era absurdo esperar que Hamas, unha organización que ten na súa liña política destruír o Estado de Israel, investigase o que nós estabamos chamando graves crimes de guerra. Era miña esperanza, aínda que irreal, que Hamas fora facelo, especialmente se Israel conducira as súas propias investigacións. Como mínimo eu esperaba que, de constatar claramente que os seus membros estaban cometendo graves crimes de guerra, Hamas reducise os seus ataques. Desafortunadamente, non foi o caso. Houbo centos de ataques máis con foguetes e morteiros conta obxectivos civís no sur de Israel. Que comparativamente os israelís mortos polos ataques ilegais de foguetes e morteiros saídos de Gaza, en nada minimiza a súa criminalidade. O Consello de Dereitos Humanos da ONU debe condenar estes actos abominables nos termos máis fortes.
.
Se cadra, ter pedido a Hamas que investigase foi un erro. Así, tamén, o Consello de Dereitos Humanos debería condenar o masacre indesculpable e a sangue-frío recente dun matrimonio de israelís novos e de tres dos seus fillos pequenos nas súas camas.
.
Eu sigo a crer na causa da creación e aplicación do dereito internacional para os conflitos prolongados e mortais. O noso informe ten levado a moitos "leccións aprendidas" e cambios políticos, incluíndo a adopción de nova normas de protección de civís por parte das Forzas de Defensa de Israel en caso de guerra urbana e limitando o uso de fósforo branco en áreas civís. A Autoridade Palestina estableceu unha investigación independente sobre as nosas alegacións de violacións dos dereitos humanos - asasinatos, torturas e detencións ilegais - perpetrado por Al-Fatah en Cisxordania, especialmente contra membros de Hamás. A enquisa confirmou a maioría destas acusacións.Lamentablemente, non houbo ningún esforzo por parte de Hamás en Gaza para investigar as denuncias dos seus crimes de guerra e posibles crimes contra a humanidade.
.
Simplificando, as leis dos conflitos armados non se poden aplicar menos a actores non-estatais, como o Hamas que aos exércitos nacionais. Un dos desafíos máis importantes da aplicacion das leis dos conflitos armados é asegurarse que os actores non-estatais respecten estes principios, e que serán investigados cando deixan de facelo. Só se todas as partes implicadas en conflitos armados se ateñen a estas normas, poderemos protexer aos civís que, non por que eles o queiran, son collidos no medio da guerra.
.
(O autor do artigo é xuíz xubilado do Tribunal Constitucional de Sudáfrica, ex fiscal xeral da ONU Tribunais Penais Internacionais para a antiga Iugoslavia e Ruanda, e presidiu a misión das Nacións Unidas sobre o conflito en Gaza).
.
http://www.washingtonpost.com/opinions/reconsidering-the-goldstone-report-on-israel-and-war-crimes/2011/04/01/AFg111JC_story.html?hpid=z3