"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







martes, 25 de junio de 2013

Cea galeguista en Vigo

A cousa está peor do que pensaba...



Durante moitos anos militei no BNG e podo facer e fago grandes críticas ao Bloque. Mais algo do que honestamente non podo acusar é de ser morno ou de complicidade co terrorismo. Incluso as críticas ao terrorismo en Galicia (Resitencia Galega ou Exército Guerrilheiro) eran especialmente contundentes.

Agora, nun episodio máis do desvario ideolóxico de Xosé Manuel Beiras, na súa constante procura de ser o máis do máis radical da casa, e coas súas inauditas e inxustificables palabras de comprensión e desculpa ao terrorismo en Galicia, coloca en pleno 2013 na axenda política galega un fenómeno (o do terrorismo) que estou seguro que agás catro pirados, ninguén non xa apoiaba, nin sequera desculpaba en Galicia.

Logo loxicamente ven o PP e aproveita o monumental erro (por dicilo de xeito suave) de Beiras (o do BNG é seguidismo por non ser menos radical) e fai das súas afirmacións un arma de ataque contra AGE e o BNG. Absolutamente normal, criticar ao PP por aproveitarse do que Beiras e o BNG colocáronlle en bandexa de prata, é en verdade pouco serio. Todas as organizacións políticas aproveitanse dos erros do contrincante. E cando o erro é da desmesura do cometido por Beiras que cada quen agarre o seu palo...

domingo, 16 de junio de 2013

Carta a Pedro Urraca

 

1943: Carta do cónsul español a Pedro Urraca para salvar a Jorge Semprún.

Outro achádego da incansábel Rosa Sala Rose nas súas pescudas e correrías polos arquivos de toda Europa: O cónsul da España franquista no París de 1943, Alfonso Fiscowich, escríbelle ao sinistro agregado policial da embaixada Pedro Urraca a fin de que interceda perante os ocupantes alemáns por un mozo comunista español da Resistencia chamado Jorge Semprún. O futuro escritor e ministro fora detido e torturado por culpa dun denunciante. Un par de meses despois de este escrito, que quedou sen efecto, Jorge Semprún sería deportado a Buchenwald, onde permaneceu ate a liberación do campo polas tropas Aliadas.

miércoles, 12 de junio de 2013

Nós os europeos

Aproveitando que o meu vello computador esmorece, revisito os fondos e arquivos esquecidos. E alí atopei onte un fermoso artigo publicado por Suso de Toro na desaparecida revista ENCLAVE (nº13) sobre Europa e o europeísmo. Pasaron os anos e as choivas da crise que todo corroen tamén afectaron loxicamente a esta magna construcción chamada Unión Europea. Mais eu, a pesar dos pesares e das duras, moi duras incertezas polas que atravesamos e que parecen querer cuestionar todo o feito, con tanto esforzo desde os campos asolados da II Guerra Mundial, sigo pensando o mesmo... que nós, os europeos, só podemos escoller entre a derrota ou Europa.



“NÓS” Por Suso de Toro

Poucas veces a xente se move tras da esperanza. Se algo nos bota á rúa tras un pavillón ese adoita ser o da rabia. Se cadra a esperanza cando xa é case desesperación, o último alento que se aposta a todo ou nada, o que resta antes de desfalecer. Ningunha revolución se fixo por un soño ou unha esperanza; foron por desesperación, a consigna do Outubro ruso foi “pan e paz”. Ou iso ou a nada.

Moita xente votou hai xa un ano para escorrentar un perigo, unha ameaza. E pola contra non votou hai uns meses no referendo porque Europa non nos causa angustia; non é ameaza; tampouco non ve nela esperanza. E pouca xente vota por convencemento racional, vótase do mesmo modo que se fai case todo na vida, irracionalmente.

A nosa imaxinación persoal e colectiva faise de materias do irracional. É a Historia, son as historias que nos contaron, que nos contamos. A tradición, as tradicións que nos envolven e ordenan os días, que se non serían unha aritmética incesante, desesperante. Ritos, crenzas. Todo o que non ten materia, todo o que é linguaxe. Todo iso crea a nosa conciencia de ser quen somos. Somos un ser medroso e desacougado polo traballo, por medrar, a hipoteca, a enfermidade, os fillos, que volva a Guerra... Somos un silencioso mundo turbulento, privado pero compartido. Iso son os países. E Europa non semella feita desa materia, non entrou no noso mundo interior. Aínda.

En realidade alá xa se decide case todo: a política monetaria da nosa hipoteca, a política social que garante ou non a escola, a sanidade pública, a xubilación. Case todo. Pero Europa non nos causa angustia, nin ansia ningunha.

Por outra parte a nosa cultura común é ou relixiosa ou épica, e esta Europa non semella ser nada diso. Non vemos aí heroísmo, nin o heroísmo dos exércitos nacionais e as batallas dos libros, nin o heroísmo da Comuna de París, Berlín, a República española, o Outubro ruso..., calquera revolta sanguenta e apaixonada que avive a nosa imaxinación. Europa é só iso: unha aposta contra o desastre, contra os seus propios límites e contra o peso da historia de odios nacionais nos últimos séculos. É unha aposta que semella irrealizábel ademais: o peso da Historia, a inercia dos intereses dos estados nación é moito.

A Ilustración e a Revolución francesa déronnos antes luz, e unha colleita de odios entre nacións tamén. Agora Europa quere o seu outro froito, o verdadeiramente maduro, un soño práctico. Pero para iso fai falla ilusión. E a ilusión é irracional, da materia dos soños.

E non ten prestixio, a “inteligentsia” europea é incrédula, non cre na ilusión inxenua. Só ten fe no escepticismo, levamos un século predicándoo. Rendímo-nos ante a estética, ante os soños imposíbeis, aínda que leven a desastres, pero desprezamos un soño pragmático. Non hai “glamour” nun soño que é froito do traballo gris de enxeñeiros e mercadores... Pero foron eles os que fixeron Europa, os portos, as manufacturas, as máquinas, a vacina, a aspirina... Non foi Espinosa, Kant, Hegel, Leonardo, Goethe, Hölderlin, Benjamin... Aínda que tamén.

Europa é toda, é a nosa civilización, o caldeiro máxico onde fraguamos a mestura que une a Oriente e Occidente, o monoteísmo xudeu e a maxia celta, xermana, eslava... A do imperialismo e tamén o antiimperialismo, a dos fascismos e a da democracia. As sufraxistas e o pacifismo. Non nos merecemos a responsabilidade, pero tamén o orgullo de ser nós, os europeos?

Pero Europa non será construída por Peter Pans caprichosos, para a merecer hai que se atrever a facerse adultos.

Suso de Toro é escritor.