"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







viernes, 24 de marzo de 2017

60 anos da Unión Europea


Hai hoxe 60 anos dun 25 de marzo de 1957 cando na Cidade Eterna, en Roma, nacía o que co paso dos tempos deu en ser a actual Unión Europea. Unha formidable ferramenta de cooperación pacífica, de respecto da dignidade humana, de liberdade, de democracia, de igualdade e de solidariedade entre as nacións e pobos europeos. Unha ferramenta –non esquezamos- grazas a que gozamos do máis longo período de paz da historia de Europa.

Hoxe, seis décadas despois, a Unión atravesa uns tempos difíciles nos que incluso a súa propia supervivencia está en cuestión. Temos sen dúbida graves problemas estruturais, de confianza, de claridade nos obxectivos de futuro. Temos enormes retos e desafíos e temos tamén enormes defectos. 

Pero a pesar dos pesares sigo a crer que a Unión de Europa é o mellor escenario para a prosperidade e o benestar dos cidadáns de Europa. Porque a alternativa é a irrelevancia e o declive suicida do “sálvese quen poida”.

Viva Europa 



domingo, 12 de marzo de 2017

Fotoxornalismo nunha voda

Victor Lax é un fotógrafo zaragozano que ven de ser proclamado pola prestixiosa web Fearless coma mellor fotógrafo do ano 2016 no campo da fotografía social. Victor Lax conta que desde o ano 2008 está dedicado en exclusiva á fotografía de vodas onde busca innovar aplicando os seus saberes en fotoxornalismo, campo de onde procede. Desde logo o resultado como podedes ver é moi interesante. http://www.victorlax.net/en/













martes, 7 de marzo de 2017

8 de marzo en Irán


Co gallo do Día Internacional da Muller, a selección feminina de fútbol de Suecia permitiu ás súas xogadoras que levaran na camisola, e no lugar do seu nome, unha frase reivindicativa a escoller por cada unha delas. A defensa Magdalena Eriksson optou pola que aparece na fotografía que podeses ver máis abaixo.

En "My Stealthy Freedom آزادی یواشکی زنان در ایران", páxina de Facebook das mulleres iranianas na loita en defensa dos seus dereitos en Irán, saudaron o xesto de Eriksson con estas palabras:

"Grazas por amosar a túa solidariedade. As rapazas iranianas son boas xogadoras de fútbol, xogan moi ben, pero non poden facelo sen cubrirse co hiyab; nin poden viaxar sen o permiso dos seus maridos. Ademais, non poden entrar nos estadios a ver partidos. Así que nós, as mulleres de Irán, estamos a loitar contra todas esas leis represivas"
#Seeyouiniranwithouthijab
#Mystealthyfreedom

jueves, 2 de marzo de 2017

Os cen de Wilt


Foi un 2 de marzo de 1962, cando Wilt Chamberlain tivo a ben pasar á historia do basket anotando 100 puntos durante o encontro que enfrontou aos Philadelphia Warriors Vs. New York Knicks e que rematou cun resultado astronómico de 169-147 a prol de Philadelphia.
Lamentablemente o partido non foi televisado nin existen imaxes do mesmo, pero a súa foto posterior cunha folla na man na que mostraba o número 100 forma xa parte da historia e da iconografía do deporte.

Conta a lenda que os espectadores estaban tan atónitos co que estaban a ver que cando o lendario pivot chegou aos 100 puntos, invadiron a cancha e os últimos 46 segundos do partido non se chegaron a disputar.

Esa temporada 1961- 62 foi sen dúbida a mellor do gran Chamberlain, asinando unhas medias que serán marca ate que o mundo ou a NBA deixen de existir: 50,4 puntos e 25,7 rebotes por partido (xa na anterior temporada chegara aos 27,2 rebotes por partido) en 48,5 minutos disputados por noite, algo realmente asombroso tendo en conta que os partidos na NBA duran 48 minutos. Explícase isto polas 10 prórrogas en sete partidos que xogou o bo de Wilt Chamberlain (disputou 3.882 minutos de 3.890 posibles). Os 4.029 puntos totais anotados nese curso tamén son marca, ninguén nunca se lle achegou ate hoxe
.