"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







domingo, 29 de abril de 2012

Looking at you...

Unha preciosa montaxe de cine. Un bo remix dese preciso intre no que o protagonista cruza a súa mirada directamente contigo establecendo unha comunicación que vai máis aló da pantalla. A banda sonora non podía ser máis axeitada: "Can't take my eyes off you" interpretado por Manic Street Preachers e Muse...

viernes, 27 de abril de 2012

miércoles, 25 de abril de 2012

Sébastien Tellier ou o vicio polo vicio...

O último single de Sébastien Tellier, un músico francés de electro-pop titulado Cochon Ville, e a súa versión sen censura que ides ver máis abaixo demostra como o vicioso polo vicioso funciona a mar de ben sen necesidade de moita xustificación...

lunes, 23 de abril de 2012

Desde Vilagarcía de Arousa, Stergios Patakiuta, fálanos do Holocausto...

Stergios Patakiuta, testemuño do Holocausto. from galicia israel on Vimeo.

O simbolismo imprevisto da Cidade da Cultura...

Foi o pasado sábado día 14, cando vinte anos despois do seu nacemento Esquerda Nacionalista puña fin de facto, coa formula doce e menos traumática do “conxelamento e abandono das súas siglas" a súa existencia como partido.
Non falarei agora dos 20 anos e do balance que destes poidamos tirar. Houbo con certeza erros e acertos, moitos erros e algúns grandes acertos. Mais non falarei agora e aquí de balances nin de resultados. Non toca que diría o Molt Honorable President Pujol.
Foi o pasado sábado 14 de abril, véspera dun 15 de abril de 1846 na que Antolín Faraldo e os seus provincialistas facian pública a súa proclama publicada no xornal compostelano "La Revolución" e na que entre outras cousas afirmaban: “Desde hoxe en diante, ningunha Lei emanada desde Madrid, terá validez en Galicia".
Mais foi un día emotivo para min e para moitos, e foi tamén un día no que o lugar do encontro cobrou unha relevancia e un simbolismo non agardado na ollada ao futuro que desde o galeguismo, desde o nacionalismo nacente comézase a entrever. No Monte Gaias, na Cidade da Cultura a ausencia dun convidado de honra deixou no ar un interrogante que de non resolverse axiña pode ser fatal para o futuro.
O pasado sábado na Cidade da Cultura, no encontro de despedida de Esquerda Nacionalista, un dos seus fundadores hai 20 anos declinou a última hora a súa presenza no acto co argumento de que “non podía participar en ningún acto ou actividade desenvolvida no monstro fraguiano da Cidade da Cultura”. Escuso dicir que respecto totalmente, como non podía ser doutro xeito, a decisión tomada polo convidado e respecto tamén a influencia que a súa decisión puidera ter en algunha outra ausencia que sinceramente descoñezo.
Mais o interrogante (importante de non resolverse insisto) é se a nova sensibilidade que está a nacer será quen de conectar co País real, coa xente normal, coas necesidades normais da nosa xente lonxe de tics dogmáticos e incomprensíbeis para a inmensa maioría dos galegos e galegas.
Esta nova organización froito dunha sensibilidade nova, e que deberá ser refrendada pola cidadanía ten que ser moi diferente, atrévome a dicir, radicalmente diferente do vello e autista BNG. Na forma de falar e dirixirse ao galego e galega de a pé. Na linguaxe, nos xestos, en moitas e moitas cousas. Algunhas serán doadas de conseguir, outras con certeza non tanto. Foron moitos anos á sombra da UPG e non será fácil mudar linguaxe, comunicación coa xente.
E recoñecendo que a maiores de que infinidade de galegos de todas as ideoloxías, partidos e cores ideolóxicos vexamos a Cidade da Cultura coma un derroche fóra da realidade do país, e na que se gastaron moreas de millóns de euros (nosos), cando o país tiña e ten necesidades dabondo onde ter investido eses cartos, non é a Cidade da Cultura o motivo desta reflexión, non. Ainda que na miña opinión e agora que non hai volta atrás e que grande parte da infraestrutura que finalmente comporá a Cidade da Cultura está xa en uso, o que cómpre é ocupar, "nacionalizar" civicamente o lugar. Dándolle o maior uso cidadán posíbel as súas instalacións.
Mais a construcción do Monte Gaias é só unha luz en ambar que fixo prender as alarmas de moitos dos que alí estabamos o pasado sábado na despedida e disolución de Esquerda Nacionalista. Porque sería un erro reproducir actitudes maximalistas do vello Bloque na nova organización que pretenda ser referente de modernidade, doutro xeito de facer política no día a día. A xente non o entendería, vería e tería en parte razón, a esta nova forza coma un BNG-bis se a nova sensibilidade galeguista, nacionalista e plural que está a nacer, se presentara con posicións dogmáticas e pechadas.
E que ninguén por favor entenda mal ás miñas palabras. Nin critico nin recrimino ningunha ausencia. Sería o colmo da prepotencia pola miña parte se así fixera. Nin sequera a do convidado de honra. Lamento si, e dóeme, que alguén que estivo na súa fundación non estivera no derradeiro vals de E.N. por mor de causas alléas ao partido. Quen quixo ou puido, asistiu, e quen non quixo ou non puido non asistiu. A fin de contas unha das eivas de Esquerda Nacionalista foi a profunda antipatía que despertaba entre moita xente. Antipatía en moitas ocasións recoñezo que ben merecida e gañada a pulso.
Pero non falo das presenzas físicas, falo só da reflexión que a ausencia e o argumento dado provocou en min. Estas letras miñas son só unha reflexión en voz alta e moi persoais, de urxencia, provocadas polo xesto (lexítimo insisto) do convidado ausente.
Remato e non quero facelo sen remarcar que son moi optimista co futuro e co futuro próximo. Porque as importantes presenzas, as palabras, as conversas sosegadas, os xestos e fundamentalmente o traballo desenvolvido ate agora na complicada (complicadísima) tarefa case de reloxeiro de montar e tecer o que durante tantos anos estivo desmadexado, está sendo na miña modesta opinión altamente positiva, contrutiva e estou certo de que terá éxito e de que fundamentalmente será útil para o pais que é a fin de contas o importante.

viernes, 20 de abril de 2012

Gústame a Cidade da Cultura...

Por Antón Reixa
Xornal de Galicia
21.11.2010
http://webdev-xornal.openhost.es/opinions/2010/11/20/Opinion/gustame-cidade-da-cultura/2010112017343000151.html


Coraxe. Xa se pode visitar o estado actual das obras da controvertida Cidade da Cultura anotándose nunhas solicitadísimas visitas guiadas. Despois dunha desas vistas, escribo estas liñas.
Durante os séculos peores, máis negativos e ruíns da historia de Galicia foise construíndo, en camadas sucesivas, a fabulosa Catedral de Compostela. Contemplando agora a beleza do edificio, non é que un se reconcilie con esa historia de negación do país, pero pódese chegar a pensar que aínda ben que cando menos nos quedou este extraordinario patrimonio arquitectónico. Visto o avance construtivo actual (e o resultado) da Cidade da Cultura, penso que deberiamos aplicar ese mesmo razoamento revestido de autoestima a unha iniciativa ( a do complexo do Gaiás), sen dúbida, xeneticamente tinxida de megalomanía. Gústame a Cidade da Cultura. Sei que esta opinión vén resultar polémica, pero permítaseme argumentar.
O resultado arquitectónico é espectacular e dunha beleza impresionante. Ao organicismo exterior e ben integrado no entorno, hai que sumar un acabado interior de liñas torturadas e impactantes. Diría que xa só o coñecemento do edificio, aínda que estivese baleiro, xustifica a visita da xente de Galicia e do turismo internacional. Ao mesmo tempo, hai que sinalar unha racionalización do tamaño e ritmos do proxecto. Dous edificios aínda non construídos están aprazados con compromiso de terminación, pero con calendarios indefinidos. A crise e o redimensionamento imprescindible mandan.
Nas previsións actuais de contidos xa se ubican o Arquivo e a Biblioteca. Por certo, nese espazo para uns dous millóns de libros deberá haber sen dúbida unha destacada presenza da obra de Agustín Fernández Paz que, coa súa renuncia a un premio da Xunta, vén de blindar a nosa dignidade cultural (un traballador ilustre da lingua non podía ser alleo ás restricións lexislativas ­actuais que negativizan o desenvolvemento da súa materia prima). Nas previsións futuras contémplanse a restauración da memoria da Galicia emigrante en códigos de diversidade cultural, un grande teatro modular e outro centro, que esperemos que acolla infrarestruturas para a nosa industria cultural, nomeadamente as vinculadas á creación. Serán dunha centralidade absoluta os criterios que se deben esixir con rigor para as decisións de contidos do complexo.
Nas últimas semanas, padecemos a insoportable violación da aconfesionalidade do estado coa visita do Papa. É vital que Compostela e Galicia asuman con convición a construción e uso desta catedral laica e civil. Non pode haber maior cohesión da cidadanía galega e universal que a especial espiritualidade derivada da arte.
Melancolía. Tamén nestes días, contemplamos por televisión a beleza dos interiores da Sagrada Familia de Barcelona. Un edificio xenial arquitectonicamente pero froito evidente das convicións ultracatólicas de Gaudí. A ninguén se lle ocorriría negativizar a súa lenta terminación. Incorporemos con autoestima e orgullo crítico a Cidade da Cultura ao noso patrimonio nacional (nacional de Galicia, claro).

jueves, 19 de abril de 2012

Unha faísca de memoria...

Proxecto "Indie-City": a banda israelí "Akuka" co seu tema "Nitzotz Zikaron" (Unha faisca de memoria) participan neste proxecto de vídeos pola cidade de Tel Aviv...