"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







domingo, 26 de julio de 2015

Dedicado ao Concello de Madrid

“Se algún día despois de morto se quixera facer de min algunha louvanza, e eu estivera dando herbas á nosa terra, podería dicir na miña lápida: «aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis».

sábado, 25 de julio de 2015

Castroviejo, Cunqueiro e a cor da Santa Compaña


Hai unha divertida anécdota da que son protagonistas Álvaro Cunqueiro e o seu bo amigo José María Castroviejo. Estando os dous de apaixonada xornada de cata de viños por terras do Morrazo, creron ver nun brumoso bosque, onde deran por rematados os seus folgos de bo viño e mellor conversa, un desfile de ánimas en pena da Santa Compaña. Mais á hora de contalo, Castroviejo atribuíalle á comitiva unha cor amarela palla, e Cunqueiro pola contra unhas tonalidades máis ben vermellas. Despois dun tempo de controversia, Castroviejo tirou a seguinte sabia conclusión: ”O que sucede amigo Álvaro, é que ti estiveches a beber tinto, mentres eu din conta dun dourado Albariño”.

viernes, 3 de julio de 2015

A crise de Grecia: un golpe ao populismo europeo



Por Yossi Beilin*
Israel Hayom - 03.07.2015

O que está a suceder en Atenas centra o interese mundial, sobre todo porque nunca sucedeu algo semellante: unha economía significativa de Europa derrúbase ante os nosos ollos, o que podería afectar negativamente á economía doutros países, especialmente sobre os paises que teñen bancos aos que Grecia debe e que non ten intención (ou capacidade) para devolver. Moitas bolsas que están lonxe xeográfricamente de Grecia están en "vermello" e os comentaristas económicos están a tratar de adiviñar o que podería suceder.

Todo o mundo está a falar da “traxedia grega”, aínda que na traxedia non hai malvados fronte a xustos, no colapso económico de Grecia si hai, sen dúbida, claros "culpables". Falamos dun goberno grego que presentou ante a Unión Europea datos terxiversados e números sen fundamento para unirse á “zona euro”, para así gozar dos seus beneficios pero obviando os deberes que supuña tal unión. Pero se as consecuencias económicas están envoltas no misterio e todas as opcións son posibles, as implicacións políticas da situación son moito máis claras. O Primeiro Ministro Alexis Tsipras apostou a que a zona do euro temería prexudicar ao seu sistema bancario (principalmente o alemán), crendo que no último minuto a Unión Europea renderíase e chegaría a un acordo co seu goberno.

A importancia política obvia do que desexaba Tsipras íase a traducir no afortalamento dos partidos políticos irresponsables estilos "Syriza", que lles ofrecen aos seus votantes europeos a idea de que inventaron un método para comerse "o pastel e manter a integridade do pastel". Estes partidos son quen de seducir facilmente a unha cidadanía frustrada e persuadila para apoiar plataformas absurdas e destrutivas. Cando á fronte colócanse individuos carismáticos como Tsipras, que ofrecen unha percepción que parece, a primeira vista, razoable e que coloca fronte a unha poboación que realmente está a sufrir, aos "verdadeiros culpables" (en forma do establecemento financeiro europeo), é fácil así recibir do público o apoio.

A decisión dos líderes da UE implica considerables riscos. A curto prazo, polo menos, os mercados financeiros poden atoparse nunha significativa retirada e, xa que logo, pode isto influír na estabilidade dos fondos de pensións e nos bancos de todo o mundo, nos aforros a interese e máis. Mais, a longo prazo, é difícil crer que unha economía relativamente pequena (como a grega) poida arrastrar cara ao fondo do buraco a todo o sistema económico europeo.

Por último, o sucedido proporcionaría unha importante lección para outros países: non hai xantares gratis e non hai perdón por non cumprir cos compromisos. O mundo non ten que pagar pola irresponsabilidade dos que pretendian enganar e os que querían continuar coa súa boa vida económica, coma se nada pasase, despois de derrochar e desperdiciar o crédito recibido.


A decisión europea ten unha influencia política que podería ser fundamental: É recomendable que os votantes apoien opcións políticas responsables, que crean que a rehabilitación da economía pasa, ás veces, por medidas impopulares. O debilitamento dos partidos populistas é máis importante que as consideracións económicas da presente crise.

* Yossi Belin, lider histórico do MERETZ (partido situado á esquerda do Partido Laborista), foi un dos arquitectos do Acordos de Oslo (1993)