"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







lunes, 20 de octubre de 2008

Atrás a toda marcha!...

Por Umberto Eco

L´Espresso.

Nunha columna miña de hai uns anos, dicía eu que estamos a asistir a unha interesante regresión tecnolóxica. Ante todo, púxose baixo control a influencia perturbadora do televisor grazas ao mando a distancia, mediante o cal o espectador podía traballarse o seu zapeo e, por conseguinte, entraba nunha fase de liberdade creativa. A liberación definitiva do televisor produciuse coa chegada do vídeo, co que se completaba a evolución cara ao cinematógrafo. Ademais, co mando a distancia podíase quitar por completo o volume, volvendo aos fastos do cine mudo. Mentres tanto, internet, ao impor unha comunicación eminentemente alfabética, cargábase á tan temida civilización das imaxes. Chegados a ese punto, podíanse eliminar mesmo as imaxes, inventando unha especie de caixa que emitise só sons e que non requirise nin sequera o mando a distancia. Ao escribir isto, eu pensaba que estaba a bromear imaxinándome o descubrimento da radio e, en cambio (inspirado evidentemente por un numen), estaba a vaticinar a chegada do iPod.

Claro que o estadio final alcanzouse cando, abandonando as transmisións por éter, deuse inicio á nova era da trasmisión das televisións de pago mediante o cabo, pasando da telegrafía sen fíos á telefonía con fíos, fase completamente realizada por internet, que superaba a Marconi e volvía a Meucci. Retomei esta teoría dunha marcha atrás no meu libro "A paso de cangrexo", onde aplicaba estes principios tamén á vida política (e así mesmo é verdade que, noutra columna recente, advertía de que estamos a volver ás noites de 1944, con patrullas militares polas rúas e nenos e mestras de uniforme). Pero sucedeu algo máis. Todo aquel que teña que comprarse recentemente un computador (vólvense obsoletos ao cabo de tres anos), deuse de conta que podía atopar só os que levaban o Windows Vista incorporado. Pois ben, basta con ler nos diferentes blogs o que pensan os usuarios da Vista (que non me atrevo a referir para non acabar no xulgado) e o que che din os amigos que caeron nesa trampa, para facerse o propósito (talvez equivocado, pero absolutamente firme) de non mercarse un computador que o leve. Pois, se queren unha máquina actualizada de proporcións razoables, non queda máis remedio que tragarse a Vista. A outra opción é replegarse nun clon do tamaño dun camión, ensamblado por un vendedor coas mellores intencións, que aínda pode instalar Windows XP e anteriores.

Nese caso, a súa mesa de escritorio parecerase a un laboratorio da Olivetti co mítico Elea 1959. Eu creo que os produtores de computadores déronse de conta de que as vendas baixan sensiblemente porque o usuario, con tal de non ter o Vista, renuncia a renovar o computador. E que é o que pasou? Para entendelo teñen que buscar en internet "Vista Downgrading" ou semellantes. Alí explícaselles que, se compraron un computador co Vista pagando o que vale, mediante o desembolso dunha suma extra (algo non tan sinxelo, posto que hai que pasar por un procedemento que me neguei a entender) e, tras moitas aventuras, poderían gozar de novo da posibilidade de empregar Windows XP ou anteriores. O que usa o computador sabe que é o upgrading: algo que che permite actualizar o teu programa até o último perfeccionamento. Logo o downgrading é a posibilidade de reintegrar o teu computador, superavanzado, á feliz condición dos programas máis vellos. Pagando.

Antes de que en internet se inventase este fermosísimo neoloxismo, nun dicionario normal atopábase que downgrade, como sustantivo, significa costa abaixo, declive, rebaixa, versión reducida, mentres que como verbo quere dicir baixar de categoría, degradar, desvalorizar. Polo que se nos ofrece a posibilidade, despois dun bo traballo e certa cantidade de diñeiro, de baixar de categoría e degradar algo polo que pagaramos unha certa cantidade. Parecería incrible se non fose certo (hai un artigo moi gracioso de Gianpaolo Proni respecto diso, en www.golemindispensabile.it): hai centenares de desgraciados en liña que están a traballar como tolos e pagando para degradar o seu programa.

Cando chegaremos ao estadio en que, por unha cantidade razoable, nos cambien o computador por un caderno con tinteiro e cálamo con plumilla Perry? Agora ben, o tema non é só paradoxal. Hai progresos tecnolóxicos máis aló dos cales non se pode ir. Non se pode inventar unha culler mecánica cando a de hai 2.000 anos funciona tan ben. Abandonouse o Concorde, que facía París-Nova York en tres horas. Non estou seguro de que fagan ben, pero o progreso tamén pode significar dar dous pasos atrás, como volver á enerxía eólica como alternativa ao petróleo e cousas polo estilo. Tendamos ao futuro! Atrás a toda marcha!

No hay comentarios: