"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







domingo, 8 de febrero de 2009

O arraiano Martin Sheen e o poeta cimarrón...


De Manuel Rivas

Vai xa para vinte anos, cando traballaba naquela nave ebria de xornalismo vangardista que foi Diario de Galicia (na épica xeira dirixida por X. A. Gaciño) e tiñamos pousada en Tui, fomos cear unha noite de sábado a Gondomar e nunha mesa dun recanto da casa de comidas vimos a un tipo paisano que era cuspidiño a Martin Sheen. E a medida que pasaba o tempo, e o Miño como quen di levábanos ao corazón da escuridade, mais se asemellaba aquel ghicho ao grandísimo actor de Apocalypse Now. Até que nos puido a curiosidade e soubemos que o home que se parecía a Martin Sheen era Martin Sheen.
.
Ramón Antonio Estévez, nado en Dayton, Ohio, en 1940, e máis tarde coñecido por Martin Sheen podía ser tranquilamente un personaxe de X. L. Méndez Ferrín. O fillo dun arraiano, máis ben miñoto, tanto ten. Seu pai, Francisco Estévez, nado en Parderrubias, emigrou a Estados Unidos e alí namorou e casou cunha irlandesa, Mary Ann Phelan, do condado de Tipperary, que moi de mociña colaborara na loita pola independencia do seu país. A parella tivo dez fillos, criados en escolas e ambiente católico. Claro que hai católicos e católicos, como non é o mesmo un alpendre en Belén que un pazo no Vaticano. O caso é que Ramón Estévez, o fillo de Francisco, conectou na mocidade cun comprometido movemento de obreiros católicos (Catholic Workers) e aí levedou a súa sensibilidade social. Con 14 anos foi dirixente dunha folga de caddies contra o trato abusón dos señoritos do club privado de Golf en Dayton.
.
Ademais de extraordinario actor, e con interpretacións maxistrais como en Badlands (1973), na devandita Apocalypse Now (1979), ou na serie The West Wing, na que representou o papel de presidente dos Estados Unidos, Martin Sheen é talvez unha das persoas máis veces detidas no mundo occidental. O que vén demostrar que, ao longo da historia, as forzas da orde prestaron sempre moita atención ás persoas amantes da xustiza. Para prendelas. Estivo no deserto para mostrar a súa oposición ás probas nucleares. Estivo cos xornaleiros mexicanos para denunciar a explotación dos inmigrantes. Estivo nas loitas polos dereitos civís e contra as desigualdades. Estivo coas nais que dirixiron as protestas contra a guerra de Iraq. Como simpatizante do movemento Earth First!, estivo e está en moitas das iniciativas ecoloxistas, para oporse ao espolio das fragas e dos mares, e tentar frear o cambio climático. O Partido Demócrata tentou convencelo para ir ao Senado, mais el rexeitou a proposición con retranca: "Non estou cualificado. Vostedes confunden a celebridade coa credibilidade". Nas pasadas eleccións, chamou a votar por Barak Hussein Obama. Outro arraiano da vida.
.
Rafael Azcona dicía que o estado ideal dunha persoa era o "estar dispoñíbel". El explicábao ao seu xeito humorístico e festeiro. Ti estás na porta e alguén que pasa e di: "Imos desfacer a cama?". E o dispoñíbel di: "E por que non?". Iso si, non hai que confundir ao disponíbel co pelmazo. Ao caso. Velaí temos, no historial de Sheen, esa caste asombrosa do home disponíbel. Traballou arreo, non hai máis que ver a súa filmografía, pero sempre está dispoñíbel cando se lle presenta unha causa xusta. Mesmo para botar unha man aos compañeiros arraianos, como fixo o outro día cando se prestou en Madrid a participar na presentación do Catálogo de Actores e Actrices de Galicia. Hai un detalle biográfico que nos amosa a calidade da madeira da que esta feita este home. Ao rematar a filmación de The Wing West (A á Oeste da Casa Branca), aos 65 anos, decidiu que tiña que mellorar a súa formación cultural, en especial, literaria, e decidiu matricularse na Universidade Nacional de Irlanda, en Galway. E fíxoo! Estudou durante un semestre no 2006, alí o home célebre sentadiño no pupitre.
.
Martin Sheen/Ramón Estévez podía ser un personaxe saído do maxín vizoso de Méndez Ferrín. Mais tamén o actor podería interpretar ao escritor. Hai moito neles de vidas paralelas. Úneos unha especie de xenialidade arroutada. Non banal. Cando se preparaba para Apocalyse Now, Sheen viu a súa imaxe nun grande espello e foi cara alí e escachizounos, o espello e a imaxe, dunha puñada. Sangraba polos cotenos. Tamén Ferrín ten "apostado a cabeça", que diría Herberto Helder, na súa obra. E logo hai esa comuñón no "estar dispoñíbel". Estar dispoñíbel para a fraternidade. Estar dispoñíbel para mollarse. Estar disponíbel para a intemperie.
Mendez Ferrín de novo

Hoxe Ferrín recibe unha homenaxe en Vigo, en data que cadra co seu 70 aniversario. A cultura, e non só en Galicia, tende a recrearse na necrofilia. O intre máis glorioso adoita chegar en forma de obituario. Eu teño escrito algúns, mais estou a desenvolver unha especie de alerxia. Talvez o máis respectuoso cando alguén morre é usar o recurso dramático máis expresivo do teatro de Harold Pinter: (pausa). Por iso celebramos moito, dende unha forzada distancia, esta festa arredor dun creador que ten para Galicia a equivalencia da escrita en sílex dos circos concéntricos. Un pobo tamén se define por aquilo que homenaxea. O mellor, a sorte, é que se homenaxea a un creador en acción, a un pensamento ceibe, a un indómito e non a un mito. Homenaxea, e ben di Manuel Outeiriño, ao "poeta cimarrón".
.
Ás veces semella que estamos cómodos cos mitos e incómodos cos vivos. A homenaxe a Ferrín suscitou unha corrente inversa. Unha obra gozosa, cooperativa. O libro titulado A semente da nación soñada. É un espazo de man común. Así saíu o libro que editan conxuntamente Sotelo Blanco e Edicións Xerais de Galicia. Ten o xeito dun forno comunal arraiano, eses lugares que nunca pechaban os días crus. Moito alimento, moita calor, moita lembranza criadora, portas que abren outras portas. Poucas loanzas tópicas, e moitas incursións suxestivas, como a que fai Enma Lazaré sobre Ferrín e Brassens, onde oímos borboriñar o trasgo libertario no rexo comunista.
.
Desta obra emerxe a verdadeira ideoloxía de Ferrín: a do home dispoñíbel co seu pobo, mesmo cando a circunstancia era hostil e indisposta. Eu non fun alumno de Ferrín, nin discípulo, nin compañeiro de partido. Mais lembro moi ben as veces que o vin. No Burgo, denunciando a contaminación da Cross que envelenou a ría coruñesa. En Xove, para parar aquel futurismo terrorífico da central nuclear. En Santiago, aínda afectado por unha doenza, poñendo voz á dignidade galega cando a "marea negra". Estaba alí, disposto, na intemperie.
El País - 05.02.09

No hay comentarios: