De Xosé Luís Méndez Ferrín
Un dos ensaistas famosos da Francia comunista da miña mocidade foi Roger Garaudy, de quen case ninguén se lembra. Faino, con fino humor, Enrique Líster López nun seu recentísimo libro titulado Praga. Agosto de 1968 (editorial Silente, Barcelona). De pasada, Líster o Mozo fai nos acordantes de que, nas súas orixes intelectuais, Garaudy foi un estricto teólogo protestante e despois católico. Dun día para outro Roger Garaudy entrou ao PCF e convertiuse no seu "filósofo" oficial e en membro do comité central e do Politburo. Gozaba da máxima confianza de Suslovo, o responsábel da liña ideolóxica do PCUS. Por esta razón o noso autor velou pola pureza das traduccións de Lenin ao francés na editorial Progreso de Moscova. Desta posición de forza, Garaudy tivo a ousadía de pedir a expulsión de Louis Althusser do PCF cousa que, segundo me informa Francisco Sampedro, evitou o propio secretario xeral Waldeck-Rochet. Esta falcatruada de Garaudy tivo un efecto moi positivo. Jacques Ranciére e Alain Badiou marcharon ao maoismo aberto e hoxe son dúas das mellores cabezas pensantes do mundo.Lembro moi ben o tempo no que Garaduy era o apóstolo do chamado "diálogo entre marxistas e católicos" que tanto lle agradaba a Santiago Carrillo.
.
Comentábase nos anos sesenta que no Vaticano estaban a considerar a concesión do capelo púrpura a Garaudy en calidade de "cardeal laico". Se Jacques Maritain nuncha chegou a acadar tal honor menos o conseguiu este personaxe tan curioso do lumpen cultural francés, que daquela xa entraba nos espazos do revisionismo de dereitas. A raiz dos sucesos de Praga de 1968 o autor que hoxe relembramos convertiuse nunha caricatura do antisovietismo que axiña amosou a vera facies anticomunista, tal como o citado Líster López evoca en tono máis ben xocoso.
.
Sen ningunha clase de pudor, sobre o ano 1980 Roger Garaudy abrazou o Islam. E adoptou, para a nova vida, un novo nome: Roger Raja. O neófito fixo mesmamente a peregrinación á Meca con hábitos brancos. Xa mahometano, Garaduy caíu nas redes financieras que se tenden desde a Arabia Saudita e foi nomeado director dun Centro Islámico de Córdoba do que (curiosamente) nunca falou o PP a propósito do atentado de Atocha. Mesmo pronunciou unha conferencia na Semana de Filosofía de Pontevedra que foi do agrado de algúns pensadores do BNG e que lle diu noxo a outros asistentes.
.
Logo Roger Garaduy coñeceu a fama internacional ao publicar unha barbaridade titulada Os mitos fundacionais da política israelita (1996, traducción miña do título). Neste libro, Garaudy fai súas as propostas neofascistas e islamistas da chamada "escola negacionista" e có- pialle os argumentos a un tal Faurisson. Insiste en que a masacre de xudeus (como a guerra de Troia) nunca tivo lugar e que as cámaras de gas dos campos nazis non existiron. Segundo Garaduy o xenocidio e o asasinato de seis millóns de xudeus polo nazismo e os seus aliados é unha invención e unha montaxe publicitaria preparada polos servizos de Eisenhower e de Stalin tras a victaria aliada na II Guerra Mundial.Garaduy non é un caso isolado, senón que pertence a un xénero. "El sueño de la razón engendra monstruos". Un home de traxectoria semellante á de Roger Garaudy foi contratado polo PP e inevitabelmente vai sentar na cámara do Hórreo despois das eleccións que veñen.
Artigo publicado no Faro de Vigo - 06.02.09
No hay comentarios:
Publicar un comentario