"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







sábado, 6 de diciembre de 2008

Bailando un vals con Bashir...


Vals con Bashir (2008) é un filme de visión obrigada. Con guión e dirección de Ari Folman. Non se trata só dun filme de debuxos animados, é unha reconstrucción das imaxes dos personaxes da realidade que interveñen, algúns cos seus nomes, outros preferiron obviar ou ocultalos e así se vai construíndo un mosaico que lle permite ao protagonista, Folman, recuperar recordos soterrados. O comezo é xa impactante. Un can que corre, cores grises nocturnos, cabeiros asasinos, ollos tolos, vánselle agregando outros cans que arrasan con todo o que atopan no camiño até chegar ao lugar onde vive esa primeira testemuña que lle conta ese pesadelo a Folman, citando que se trata de 26 cans. Un soño recorrente que o leva ao seu servizo militar na primeira guerra do Líbano. Máis tarde resultará que ese amigo ou colega serviu xunto con Folman no Exército e como non tiña valor para entrar e disparar a persoas, encomendóuselle matar cans pois estes con os seus ladridos nocturnos espertaban a toda a aldea e entón os terroristas tiñan tempo para desaparecer. Por tanto, o seu servizo consistiu en matar cans. En cambio Folman non soña sobre a guerra mesma, reprímea completamente. Comeza unha odisea non en busca do tempo perdido senón dos recordos reprimidos. Comeza a xurdir un soño recorrente, un barco, hai até esceas curtas dun filme porno, e todo en animación na brillante creación de Polonsky, o que fai xurdir a pregunta sobre quen é o que está a documentar, se é Folman coa súa travesía física e psíquica ou aquel, que lle dá expresión e forma ao que sucede na mente de Folman. Éste chega a Holanda, onde foi a vivir un dos seus compañeiros de outrora na súa procura, que agora se converteu en obsesión. Hai un paralelo entra o que lle pasa a Folman, e por suposto non é casualidade, e o que lle sucede a Israel en xeral, arrasado por guerras, atentados, e a tal necesidade de seguir adiante. é coma se deterse nun punto crítico pode ser paralizante e até fatal, pero o malestar que se varre baixo a alfombra sae doutras maneiras, pero isto xa non está no filme mesmo, que limita o seu alcance a aquel suceso traumático que Folman e todos quixesen borrar. As personaxes, ou máis ben as persoas entrevistadas, falan coa súa propia voz, así tamén Folman que fai as veces de guía narrador cando non está a dialogar con alguén do pasado, no presente. Non hai reconstrucións de diálogos reais en tempo real do pasado; só imaxes ilustrativas que van enchendo a memoria baleira de Folman. Non hai intentos de sobrevivir como en "Beaufort'', hai un gran medo existencial, e nunha das escenas un Mercedes é cribado a balas sen ningún outro motivo que sacarse ese medo existencial de encima disparando locamente para descubrir logo que só se trataba dunha familia que viaxaba, non importa onde. Folman e os seus interlocutores falan dunha maneira tranquila, da cal non se pode inferir as tormentas da alma que o están azoutando, as imaxes falarán no seu lugar. E así se chega a unha escena que lle dá o título ao filme; toleado polos francotiradores, en plena rúa, tirando a calquera lado coa súa metralladora, o soldado baila coma se fose un vals co retrato de Bashir nun dos carteis. O asasinato deste traerá aparellado o que marca o final da investigación de Folman, a masacre nos campos de refuxiados palestinos en Sabra e Shatila, vinganza dos falanxistas cristiáns pola morte de Bashir, o futuro presidente do Líbano. Recréanse informacións coñecidas como a do xornalista Ron Ben Ishai, a súa información sobre os rumores do que estaba a ocorrer, a súa chamada nocturna a Sharón para contarlle o que había oído, a indiferenza deste que, de paso, foi premier durante o tempo en que a película se rodaba. Folman chega ao recordo de que el disparaba proxectís que iluminaban a escena onde sucedía a cousa. Unha tremenda metáfora, se se quere, que ilustra unha responsabilidade, se non unha culpa. Só na escena final párase a tomas reais de entón, unhas tomas tremendas, que deixan un impacto que non se acabará cando se prendan as luces da sala. Un filme extraordinario, un dos mellores filmes israelís da historia. http://www.waltzwithbashir.com/

No hay comentarios: