"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







sábado, 24 de diciembre de 2016

Glásnost, perestroika, Mihail Gorbachov, fin da URSS

Hai hoxe 25 anos do histórico discurso de renuncia de Mihail Gorbachov que un 25 de decembro de 1991 puxo punto e final a Unión Soviética. Un discurso coido ainda non suficientemente valorado como o que foi, un paso formidable, xigantesco cara a liberdade dunha gran nación ate entón sometida durante máis de sete décadas ao totalitarismo comunista. Este é o texto íntegro, moi breve para o que representa, do derradeiro presidente da URSS:




Benqueridos compatriotas,
Concidadáns,

Por forza da situación xerada pola formación da Comunidade de Estados Independentes, ceso no meu cargo como Presidente da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas. Tomo esta decisión por razóns de principios

Avoguei consecuentemente pola independencia dos pobos, polas soberanías das repúblicas, pero, ao mesmo tempo, pola preservación da Unión e a integridade do país. Pero os acontecementos seguiron outro camiño. Predominou o rumbo cara ao desmembramiento do país e a desintegración do Estado, algo co que non podo coincidir. Sigo mantendo esta postura aínda despois da reunión de Alma Ata e das decisións alí adoptadas.

Ademais, estou convencido de que decisións de tamaña envergadura se deberon tomar consultando a vontade popular.
No en tanto, farei todo que estea ao meu alcance para que os acordos alí asinados conduzan á concordia real na sociedade, faciliten a saída da crise e o proceso de reformas.
Ao falar con vostedes por última vez en calidade de Presidente da URSS, considero necesario expresar a miña valoración do camiño percorrido desde 1985. Especialmente porque houbo unha grande cantidade de xuízos contraditorios, superficiais e subxectivos sobre o tema. O destino quixo que cando me atopase á fronte do país, xa estaba claro que algo andaba mal co país.

Temos moito de todo: terra, petróleo, gas, outras riquezas naturais, e tampouco Deus racaneounos en canto a intelixencia e talentos. Pero viviamos bastante peor que nos paises desenvolvidos. Atrasámonos cada vez máis respecto deles. A razón disto era evidente

A sociedade estaba asfixiada polas tenazas dun sistema burocrático e autoritario. Condenada a servir ao discurso ideolóxico e a soportar a terrible carga da carreira armamentista, até o límite da súa capacidade. Todos os intentos de reformas parciais -e non foron poucos- terminaban en fracaso un tras outro. O noso país perdera a perspectiva, así non se podía seguir vivindo, era preciso un cambio radical.

É por iso que nin unha soa vez cheguei a lamentar o non aproveitar o cargo de Secretario Xeral para simplemente "reinar" uns anos, iso sería unha decisión irresponsable, e inmoral. Era consciente de que principiar reformas de tamaña envergadura nunha sociedade como a nosa era unha tarefa dificilísima e até perigosa. Pero mesmo hoxe sigo convencido do acerto histórico das reformas democráticas que comezaron na primavera de 1985.

O proceso de renovación do país e de cambios radicais na comunidade mundial resultou ser moito máis complicado do que se podía supor. Con todo, o feito debe ser valorado dignamente. A sociedade adquiriu a liberdade, liberouse política e espiritualmente e esta é a principal conquista non valorada debidamente porque aínda non aprendemos a aproveitala.

No entanto, realizouse un labor de transcendencia histórica, foi liquidado o sistema totalitario que privara ao país da posibilidade de converterse, desde hai tempo, en próspero e florecente. Abriuse camiño ás transformacións democráticas, fixéronse realidade as eleccións libres, a liberdade de prensa, a liberdade de conciencia, organismos de poder representativos e o multipartidismo. Os dereitos humanos foron recoñecidos como principo máximo. Comezou o avance cara a unha economía mixta, consolidando a igualdade de todas as formas de propiedade. No marco da reforma agraria comezou o renacemento do campesinado. Apareceron granxas privadas, millóns de hectáreas entregáronse a habitantes rurais e urbanos. Foi legalizada a liberdade económica do produtor, comezando a cobrar forza os empresarios libres, as sociedades de accionistas e a privatización.

Ao virar a economía cara ao libre mercado é importante ter presente que esta viraxe faise en haras do home. Nestes difíciles tempos todo debe facerse para a súa protección social, especialmente aos anciáns e os nenos. Vivimos nun mundo novo, rematamos coa Guerra Fría, detido a carreira armamentística e a demente militarización do país, que desfigurou a nosa economía, a concienca e a moral sociais. Foi disipada a ameaza dunha guerra mundial.

Unha vez máis quero subliñar que no período transitorio, pola miña banda, fixen todo o posible para manter un control eficaz dos armamentos nucleares. Abrímonos cara ao mundo, renunciamos á intromisión en asuntos alleos, ao emprego de tropas fose do país. Respondéronnos con confianza, solidariedade e respecto. Convertémonos nun dos principais alicerces da transformación da civilización contemporánea sobre principios pacíficos e democráicos. Os pobos e as nacións deste país recibiron unha auténtica liberdade para elixir as vías de autodeterminación, a procura dunha reforma democrática do noso estado multinacional leváronnos ao limiar da firma do Novo Tratado da Unión.

Todos estes cambios provocaron unha gran tensión, desenvolvéronse no medio dunha aguda loita contra a crecente resistencia das forzas do pasado, do obsoleto, do reaccionario: das antigas estruturas do partido e o Estado, así como do aparello económico e tamén das nosas propias costumes, prexuízos ideolóxicos e a psicoloxía parasitaria. Tamén chocaban contra a nosa intransixencia, o baixo nivel de cultura política e o temor aos cambios. Por iso perdemos moito tempo.
O vello sistema derrubouse antes de que empezase a funcionar o novo e a crise da sociedade agravouse aínda máis. Coñezo o descontento pola dificil situación actual, as agudas críticas ás autoridades de todos os niveis, e tamén da miña actividade persoal. Pero quero volver a subliñar unha vez máis que os cambios cardinales nun país enorme e con semellante herdanza non poden realizarse sen sacrificios, sen dificultades e conmocións.

O intento de golpe de estado de agosto levou ao límite a crise social. O máis funesto desta crise é a desintegración do Estado. Hoxe preocúpame que a nosa xente perda a cidadanía dun gran país: as consecuencias poderían resultar moi graves para todos. Penso que é moi importante conservar as conquistas democráticas dos últimos anos porque foron froito de sufrimentos ao longo de toda a nosa historia. Non se pode renunciar a ela en ningunha circunstancia e baixo ningún pretexto. Pola contra, todas as esperanzas nun futuro mellor veranse enterradas. Dígoo con toda honradez e franqueza, é o meu deber moral.

Hoxe quero expresar o meu agradecemento a todos os cidadáns que apoiaron a política de renovación do país, que se sumaron á aplicación de reformas democráticas. Estou agradecido a gobernantes, funcionarios, políticos e líderes sociais, a millóns de persoas no estranxeiro, a todos aqueles que entenderon os nosos obxectivos, que os apoiaron e foron ao noso encontro para cooperar connosco de modo sincero.

Deixo o meu cargo con preocupación, mais tamén con esperanza. Con fe en vostedes, na súa sabedoría e forza de espírito. Somos herdeiros dunha gran civilización, e agora depende de todos e cada un de nós que renaza nunha nova vida, moderna e digna.

Quero agradecer de todo corazón a aqueles que todos estes anos estiveron comigo na loita por unha causa xusta e boa, seguro que algúns erros se poderían ter evitado, moito se puido facer mellor, pero estou convencido de que tarde ou cedo os nosos esforzos comúns darán os seus froitos: os nosos pobos vivirán nunha sociedade próspera e democrática.

Deséxolles todo o mellor
Moscú, 25 de decembro de 1991

No hay comentarios: