"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







miércoles, 7 de diciembre de 2016

Einstein en Vigo



Por Julio Montes Santiago
Faro de Vigo - 08.12.16

Albert Einstein veu dúas veces a España: a primeira en 1923, no retorno da súa viaxe por Xapón e Israel, decurso durante o cal recibiu a notificación do Nobel.Foi por iso que a süa estancia se converteu nun acontecemento académico, social e mediático do cal gardou sempre unha gratísima memoria.

Por contraste, a segunda visita permaneceu ignota en case todas as biografías. Levouna a termo en marzo de 1925. Partiu o día 6 dese mes no Cap Polonio, da Compañía Hamburguesa-Sudamericana que, nos inicios do século XX, enlazaba ambos os continentes. Tratábase dun luxuoso vapor de 200 m. de eslora e que contaba con servizos médicos, salas de fumadores, de lectura, ximnasio, solarium, tendas de novidades e orquestra a bordo. 0 periplo comezou mal.Enfermou a súa fillastra Margot, que ía acompañalo, e Einstein tivo que viaxar só. Para ensombrecer máis ou seu ánimo, un desabrido tempo acompañóu o Cap Polonio desde a partida de Hamburgo deica máis aló de Boulogne.

Albert Einstein disfrutou no decurso coa lectura de Os contos de Canterbury, pero tamén mergullou en densos tratados.filosóficos.Alén diso,estudou problemas teóricos -como aspectos da xeometría de Riemann ou a teroría de unificación das forzas físicas - e cuestións prácticas como o deseño dun teodolito.Asi e todo, era persoa afable, amante das boas conversas:atopou,daquela,dúas persoas coas que departir: o psicólogo Carl Jesinghaus, profesor da Universidade de Buenos Aires, e Else Jerusalem, xudía vienesa, aos seus 48 anos Else era escritora de éxito e famosa polos seus textos feministas, reivindicando a educación sexual prematrimonial para a mocidade.

A súa actitude desenvolta fixo que Einstein a cualificase en Vigo, case como "A pantera". Foi compañeira de mesa e de paseo e incluso lle leu ao científico algunha das súas obras. Else mantivo a amizade co físico a quen visitou polo menos en dúas ocasións, en Berlín. O vapor avistou Bilbao o 8 de marzo. O tempo mellorara. Á chegada á cidade vasca, é dada a grandiosidade do trasatlántico, foi permitido subir a bordo a numerosos curiosos. Einstein observou aqueles homes cheos de curiosidade,infantís (sic) e as mulleres con ollos e cabelos negros e panos anoados na cabeza. Aínda que cumprimentado pola Comandancia de Mariña, a Compañía trasatlántica, directivos da Minería vasca e o cónsul arxentino,a prensa lamentou a escasa publicidade de tal agasallo.Varios dos pasaxeiros deron un paseo por Bilbao, pero Albert Einstein preferiu pasar o tempo tocando o piano para un grupo de mulleres e mais os seus fillos.

No serán do día 10 o Cap Polonio arribou a Vigo. "Pola mañá desembarco n´A Coruña; pola tarde en Vigo, bahía rodeada de illas montañosas e cun fascinante vilar en forma de pintoresca azotea (Pola tarde conversas sobre lóxica). Riqueza de cores e o solpor en Vigo, incomparable. O sol do sur embriaga" (Diario, páxina 5). Einstein refírese, sen dúbida, ás Illas Cies e mais á fortaleza do Castro.

Mais o barco partiu axiña para Lisboa. A capital portuguesa pareceulle saudosa e como ancorada no pasado. 0 científico deambulou polos mercados,o Castelo e mais o maxestoso claustro dos Xerónimos.

Os días eran longos e crecente a nostalxia por Margot. Por iso Albert Einstein, que viaxaba co seu inseparable violín,reclutou a varios pasaxeiros e tamén ao primeiro violín da orquestra do barco para formaren un cuarteto de corda e interpretar pezas de Mozart, Beethoven ou Schubert.


Finalmente, o día 21 arriban a Río de Janeiro. Despois, nas seguintes tres semanas,impartiu dezaoito conferencias, participando en numerosos agasallos en Buenos Aires,A Prata,Córdoba,Montevideo e Río. En varias ocasións confesará o seu desmaio. Por iso o retorno,xa con parcas anotacións, devén rápido. Parte de Río o 12 de maio, o 28 está en Vigo, pero nin sequera desembarca. 0 31 chega a Hamburgo:"Por fin libre, pero máis morto que vivo" vén ser a frase que pecha o Diario. Os médicos prohíbíronlle emprender novas empresas semellantes. Así, tal e como Jules Verne corenta e un anos atrás ou como Stephen Hawking oitenta e nove máis adiante,Albert Einstein sentiuse abraiado pola maxia de Vigo.É posible que a contemplación dos lugares que eles disfrutaron constitúa tamén un inigualabe estímulo para a liberación audaz da nosa imaxinación.

No hay comentarios: