"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







viernes, 9 de diciembre de 2016

"Cuentos chinos". Por Xosé Luís Méndez Ferrín



Por Xosé Luís Méndez Ferrín
Faro de Vigo

Un teórico do posmodernismo falou da fin da era dos Grandes Relatos. Tratábase do uso da ficción histórica para fins políticos baixos. A utilización da narrativa para obter o lucro é parte do oficio dos timadores ou estafadores educados na Universidade Española de Cascorro, que tivo campus estacional na terceira galería de Carabanchel. A estafa precisa, pois, dun relato e, necesariamente, duns hulais dispostos a tragar o anzó. 

Por iso, os malandros de Madrid chaman "cuento" á fábula que é libreto de cada un dos timos. Xorde a taxonomía canalla subxenérica: "cuento de las estampitas", "cuento del nazareno", "cuento del pasma full"... Igualmente, os homes de vida pódense arrancar co "cuento chino", de dispoñeren para a escenificación dun consorte ou punto de raza oriental, o cal finxirá ser depositario dalgún enigmático tesouro ou alfaia. Fagan memoria e relembrenos "burladores" do relato famoso de don Juan Manuel. 

Xosé Luís Méndez Ferrín
Cóntannos que enigmáticos chineses quérenlle comprar o Celta ao seu actual dono. Este, para salvar o clube, esíxelle á cidade que lle venda a el o campo de fubol de Balaídos, que é de propiedade municipal. O dono do Celta, xa dentro do relato, ameaza a cidade con marchar co clube para as Gándaras de Budiño ou cecais a Salceda de Caselas. 

O dono do Celta, despois de gozar dunha feliz situación na que se vén beneficiando de Balaídos sen lle pagar arrendamento á cidade de Vigo, quer agora ser tamén o amo do estadio para lle extraer el, e por si, rendemento económico pleno senón, o Celta deixará de ser de Vigo. Porque o episodio climático do relato é aquel no que o actual dono di que lle vende o Celta aos chineses. Chineses que ninguén viu pero que se introducen na fábula con perfís terroríficos nos que os máis vellos percibimos os bigotes e o rostro de Fu Man Chú.

Velaí o "cuento chino» aliado coas,pantasma do perigo amarelo. En verdade, o que moitos desexamos é que o concello conserve a propiedade do campo de Balaídos e que Ile cobre, a un Celta privatizado e con ánimo de lucro, o aluguer xusto.

No hay comentarios: