Por Carlos Penela
"...toute tolérance accordée aux fanatiques leur fait croire immédiatement à de la sympathie pour leur cause." (Marguerite Yourcenar)
***
En novembro do ano que acabamos de despedir, cumpríronse setenta anos dos limiares da grande infamia europea do século XX. Da noite do 9 ao 10 dese mes de 1938 desenvolvéronse en diferentes cidades de Austria e Alemaña, e de maneira simultánea, acontecementos de razzia, persecución e deportación contra cidadáns xudeus destes dous países, actos vandálicos artellados directamente pola dirección do NSDAP e coñecidos baixo o nome de “Kristallnacht” ou “Noite dos cristais rotos”. A excusa para o linchamento: o atentado que o 7 de Novembro o mozo xudeu de orixe polaca, Herschel Grynszpan -cuxa familia fora deportada polo rexime nazi- cometeu, disparando contra Ernst Eduard vom Rath, representante do NSDAP na embaixada alemana en París.
Entre o 7 e o 13 de novembro foron asasinadas directamente ou inducidas ao suicidio preto de 400 persoas, queimáronse unhas 1.400 sinagogas, destruíronse cemiterios, atacáronse escolas, tendas, centros de axuda social, asociacións culturais. Foron conducidas á deportación dos campos de concentración por volta de 30.000 persoas, onde centos morrerían polas condicións extremas de traballo, pola falta de comida, polas doenzas. Contodo (ironías obscenas da barbarie), os cidadáns xudeus eran aínda culpables aos ollos do réxime e foron obrigados a pagar ao Estado nazi preto dun billón de marcos en concepto polo estrago das agresións que eles mesmos sofreran.
Estes actos de violencia pública extrema contra cidadáns europeos que non cometeran crime algún eran, en realidade, para o fascismo alemán a continuación lóxica da súa política totalitaria. Unha política que, sen pudor algún xa, levaba á praxe os formalismos do antisemitismo teórico máis extremo e, como totalitaria que era, puña o selo último a un proxecto total de destrucción. Como o definiu Raul Hilberg, un dos máis rigorosos estudosos do Holocausto "a escala e a intensidade da operación, aplicada por unha burocracia alemana metódica e eficaz carecía de precedentes”. Tal proxecto ficara lexitimado xa, realmente, anos antes coas leis raciais de Nuremberg de setembro de 1935, promulgadas polo III Reich contra os cidadáns xudeus. Para ter unha aproximación moi viva sobre a atmósfera real que lle seguiu á promulgación desas leis é recomendábel a leitura de Historia dun alemán, de Sebastian Haffner, onde se relata de primera man esa escalada da demagoxia antisemita en Berlín, en todas as esferas da vida, en todos os actos. Sen posibilidade de absolución.
Desde o ano 39 comezáronse a desprazar enormes masas de poboación desde o leste ocupado; esa estratexia, espallada polos frentes da guerra e acollida nos países que o nazismo invadía, abateríase de maneira xa total e sistemática, pois, contra todas as comunidades xudías de Europa até o final da II Guerra Mundial: desde Polonia, onde, desde o comezo, axiron os “Einsatzgruppen” ou forzas móbiles de exterminio, perseguindo e asasinando con total meticulosidade, até os Balcáns, onde vivían máis de 1.600.000 xudeus e onde se deportou masivamente (Serbia, Grecia... Lémbrese a devastación de Salónica). En moitos casos, os alemáns contaron coa colaboración directa de amplos sectores da poboación civil dos países ocupados: Babi Iar, ás aforas de Kiev en Ucraína, escenario dunha masacre de máis de 100.000 persoas -un terzo deles, nenos-, é un dos exemplos máis estarrecedores; ou xa no fin do conflicto, na primavera do 1944, en Hungría, co exterminio de case a totalidade da poboación xudía, exterminio perpetrado coa axuda directa do “Nyilaskeresztes Párt“ ou „Partido das Cruces Frechadas, os fascistas húngaros. As palabras de Goebbels, ministro de propaganda nazi, son moi significativas a respeito desta colaboración na masacre, cando afirma sobre os austríacos: “a formación recibida do Imperio dos Habsburgo, dotáraos de habilidades especiais para tratar os pobos sometidos”.
Nesa vastísima e extraordinaria novela de Vassili Grossman que é Vida e destino, recréase cun latexo denso e escuro o momento en que Eichmann vai larvando, sobre o terreno, a construcción das cámaras de gas como medio para acelerar a “solución final”. Así foi, logo da Conferencia de Wannsse en 1942, Hitler dera a súa aprobación para a “Endlösung der Judenfrage” ou “solución final á cuestión xudía” e encomendara esta tarefa a Adolf Eichmann, tenente coronel das SS. O que vén a continuación é o paso derradeiro nesa retórica da barbarie. O pobo xudeu sufriuno de maneira global e sistemática: na leitura letal que o nazismo facía, o feito de existir levaba implícita xa a condea da destrucción. Xunto a el, e de maneira moi dramática igualmente, como é sabido, outros colectivos e etnias (refuxiados políticos, homosexuais, sintis e romas...) e todos aqueles que se opuxeron ao III Reich (desde socialistas a cristiáns, desde militantes pacifistas a estudantes...) padeceron represión, tortura e morte. É, en definitiva, unha liña de sombra espesísima trazada con labor criminal perante a condición humana. Son feitos documentados, constatados...Divulgados abondo...Ou non tanto? Convén describilo agora, sen equívocos e sen mascaradas, sen medias palabras; é deber asumilo coa responsabilidade que toca por todos os que estean desa beira da vida preservada da barbarie, pola significación abismal que tivo na conciencia do home do noso tempo. Está presente. Ou non tanto?
Ou non tanto...a pregunta ecoáme de xeito raro nestas datas, nunhas datas en que, para vergonza de Europa, novamente se deron rédea solta as máis baixas paixóns racistas contra cidadáns europeos en forma de lemas antisemitas intolerables e agresións de maior ou menor intensidade. Nunhas datas onde nas rúas de cidades de Europa, dunha Europa abalada non hai tanto pola guerra e os totalitarismos, como Copenague (capital dun país que pode afirmar con orgullo que salvou a totalidade dos seus cidadáns xudeus do exterminio con auténtica coraxe civil), se escoitaron berros ao son de “Heil Hitler!” e outras arengas de odio e racismo de maneira pública, que producen auténtico estupor; como París, onde se produciron ataques contra sinagogas e escolas xudías impunemente; como Londres ou Amsterdam, onde se deron actos vandálicos contra establecimentos e agresións físicas contra os cidadáns dunha comunidade que ningún delito cometeu; como Madrid, onde se fixo escarnio e banalización pública do Holocausto, sen que ninguén se parase nin sequera a pensar o que se estaba formulando no medio do balbordo, a dimensión que tiña a afrenta e a difamación. Isto, hoxe e agora, entre nós. A menos de dúas xeracións transcorridas entre esa noite tráxica de Novembro en Centroeuropa e os nosos días.
Convén lembralo, con firmeza, pois, non só polo peso desa traxedia que se agranda caendo no esquezo dos anos transcorridos, ultraxada por boca de tanto insensato, de tanto fanático. Algúns queren baleirar as sentinas da Historia, como se eses feitos fosen apenas un relato menor, outros procuran manipulalo á súa vontade, despoxalo do seu valor, do seu significado, que fique relegado á arqueoloxía das conciencias. Por iso, convén, de maneira responsábel, colocarnos perante ese testemuño terríbel, para que desde aí se espelle o noso verdadeiro rostro.
Nestas datas acirrouse con demagoxia extrema unha parte das consecuencias tráxicas dun conflicto bélico, de natureza xeopolítica, que acontece a centos de quilómetros de distancia de Europa, como non se fai con ningún outro conflicto no mundo, dictaminando e xulgando de maneira sumarísima como non se fai tampouco con ningún outro pobo do mundo, con ningunha outra nación do mundo. Eu pregúntome por que?
Nun novo-vello escenario de ideoloxías de saldo, os millóns de víctimas de outrora, desde un exercicio de retórica sibilina e malintencionada, seica pasan a encarnar agora o papel dos mesmos verdugos que os executaron. E a ninguén parece sorprenderlle, ninguén parece estar disposto a exercitar a memoria, a dignidade, o decoro da verdade. Eu pregúntome por que? Nunha prolepse delirante dos feitos e dos argumentos, sobre esas víctimas parece recaer agora a responsabilidade plena dun enfrontamento complexo e concreto, enquistado desde hai demasiado tempo, con demasiada dor. Como estamos chegando, pois, a isto, a que intereses serve, a quen axuda, cal é o preludio que se está tentando pór en escena desde fóra da razón, con tanto odio, outravolta renacendo? Que nome ten isto?
Por iso, para que este día de xaneiro non nos comece a apodrecer de novo entre as mans e as conciencias como hai setenta anos, eu querería colocar estas preguntas e que foran contestadas desde as fronteiras da racionalidade e da verdade. Lonxe das retóricas da barbarie.
E, entrementres, outra candea terá que ser prendida, máis unha vez: pola condición humana, contra a infamia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario