O bombardeo sistemático dos cidadáns das vilas e cidades de Israel é un crime de guerra e un crime contra a humanidade. O Estado de Israel debe defender os seus cidadáns. É obvio para todo o mundo que o goberno de Israel non desexa entrar en Gaza; preferiría manter a tregua que Hamas violou e finalmente quebrou. Mais o padecemento dos cidadáns israelis que viven ás beiras da faixa de Gaza non pode continuar. A relutancia a entrar en Gaza é baseada non nunha suposta indecisión, senón no coñecimento manifesto de que Hamas ten auténtico desexo de provocar que Israel emprenda unha acción militar.
Se ducias, ou mesmo centos de civís, mulleres e nenos, morren por causa da acción israelí, o radicalismo gañaría peso en Gaza, o goberno de Abu Mazen en Cisxordania podería colapsar e os extremistas de Hamas poderían substituilo. O mundo árabe uniríase sen fisuras perante a contemplación das imaxes atroces que Al-Jazira emitiría da terríbel situación en Gaza e os medios de comunicación internacionais non demorarían a culpar Israel de crimes de guerra.
Son os mesmos medios que ignoran sistematicamente o bombardeo das poboacións israelís. Exerceríase unha presión masiva sobre Israel para se conter e recuar. Mais non haberá tal presión sobre Hamas porque non hai quen os presione e tampouco resta moito co cal poidan ser presionados. Israel é un país, Hamas unha banda.
Que podemos facer?
O mellor para Israel sería conseguir unha tregua en troca dun alívio ao bloqueo de Gaza. Se Hamas insiste en recusar o cese do fogo e continúa a bombardear os cidadáns de Israel, debemos ter cuidado para evitar que a acción militar veña a beneficiar Hamas. Os cálculos de Hamas son simples, cínicos e diabólicos: Se israelís inocentes son asasinados, iso é bo. Se palestinos morren, ainda mellor.
Israel debe actuar sabiamente contra esta posición e non deixarse levar pola vehemencia do momento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario