"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







domingo, 11 de enero de 2009

Gaza e o Prestige...



Por Pedro Gómez-Valadés

Novembro de 2002. Unha maré negra invade as nosas costas. No medio da perplexidade e da impotencia da cidadanía, un clamor nunca visto nestas terras sacode de norte a sur e de leste a oeste as rúas, prazas e fogares de Galicia. A sensación de impotencia e indefensión é tal que provoca nas galegas e galegos un escalofrío pola espiña dorsal como nunca antes se sentira. Ver como as nosas praias e rías eran atacadas pola inmensa maré negra coa ausencia clamorosa do Estado provocou unha mobilización cidadá inédita e dificilmente repetíbel.

Sderot, Ashkelon, Néguev. Desde hai anos unha maré negra de milleiros de foguetes, morteiros, mísiles invade as súas rúas, prazas, fogares… Anos de correr aos refuxios nos 15 segundos que se teñen unha vez soa a sirea antiaerea… 15 segundos. Só 15 segundos.

18 mortos e centos de feridos en 3 anos baixo a maré negra “artesanal” dos Qassam/Prestige. Pregúntome que faríamos nós nunha situación semellante. ¿Calaríamos? ¿Durante canto tempo? ¿Gardaríamos un estoico silencio ou esixiríamos con rotundidade a intervención contundente do Estado?

Durante anos o sul de Israel ven sendo inmisericordemente atacado polo terrorismo. Desde a Franxa de Gaza, onde desde o ano 2005 non hai nin un só israelí. Nin civil nin militar, o integrismo islámico acosa, provoca e fai imposíbel a vida normal de centos de miles de israelís. Civis israelís. Homes, mulleres e nenos. Pregúntome, ¿Que faríamos nós nunha situación semellante. ¿Calaríamos? ¿Canto tempo? ¿Gardaríamos un estoico silencio ou esixiríamos con rotundidade a resposta contundente do Estado?

No verán de 2007 o exército libanés sitia o campo de refuxiados palestinos de Nahr al Bared perto de Trípoli. Alí un grupo terrorista palestino, Fatáh Al Islam, atrinchérase con máis de 10.000 civis palestinos e fai fronte ao exercito libanes. Este ataca con artilleria pesada durante semanas – semanas- o campo de refuxiados sitiado. Pregúntome, ¿Lembra vostede algunha mobilización cidadá nas nosas rúas reclamando a fin do bombardeo? ¿Lembra vostede algún artigo de opinión nos nosos xornais atacando a “resposta desproporcional” do “xenocida” exército libanés? Non. ¿Por qué? A resposta non por evidente é menos desconcertante. Pois simplemente porque non estaba Israel na diana. Porque os palestinos, rodeados e bombardeados, érano polo exército libanés e ninguén se preocupou entón polas vítimas civís palestinas, nin pola proporcionalidade, nin por esixir a mediación internacional, nin sequera se pediu unha tregua. Curiosa sensibilidade solidaria selectiva que só se activa cando o “inimigo” é o satán Israel.

Un dos argumentos máis absurdos que estes días se escoitan e len sobre a operación militar israelí contra o grupo terrorista Hamás en Gaza, é o da “desprorcionalidade” da resposta e dos medios que Israel emprega contra Hamás.

¿Alguén pensa que as tropas da OTAN en Afganistán, con ampla presenza española, non teñen unha infinita superioridade técnica e de fogo sobre os talibáns que combaten? Que por cada soldado francés, español ou americano que morre, non caen 50 ou 60 talibáns?

¿Alguén pensa que a forza aerea e naval despregada no índico, con ampla participación española, non é infinitamenmte superior ás forzas e medios dos piratas somalís que combaten?

É dun cinismo indecente reclamar nas guerras a proporcionalidade na resposta como se dun partido de fútbol do Calcio italiano se tratara, só cando é Israel quen se defende. Ninguén, ninguén busca nunha guerra o empate. Todo o demais é demagoxia antiisraelí. Nin máis nin menos.

No hay comentarios: