Por Ferran Requejo
Catedrático de Ciencia Política na UPF e enxeñeiro superior en Técnicas Enerxéticas
LA VANGUARDIA - 11/03/08
Os gobernos pasaron por varias etapas nos temas ecolóxicos. Hai só poucos anos, moitos deles negaban que houbese problemas ecolóxicos a escala global. Posteriormente víronse impelidos a recoñecer que algo non ía ben, pero adoptaban a táctica da avestruz, derivando a atención pública para calquera outra beira. Na actualidade iso xa non é posible. A avestruz ergueuse e mira a realidade. O que pasa é que fala moito, pero actúa pouco. E é que os temas ecolóxicos son moito máis propicios á retórica que á toma de decisións de calado. Cabe sinalar catro aspectos que poden axudar a pasar das declaracións á acción:
1. as principais dimensións implicadas no tema ecolóxico
2. as variables e índices de medida destas dimensións
3. certos equívocos do aparente discurso verde dalgunhas empresas e organizacións
4. os posibles camiños de solución.
1. As dimensións.
Ultimamente tendese a asimilar os problemas medioambientais co “quecemento global” do planeta (aumento do efecto invernadoiro relacionado coas emisións humanas). Sen embargo, sendo esta unha das súas dimensións principais, non é a única (e quizais non a máis grave). Ao seu lado cabe incluír a deforestación, erosión e desertización do chan; a extinción de especies animais e vexetais a gran escala (perda de biodiversidade); a crecente escaseza de auga doce; o aumento da demanda de enerxía e de consumo asociados ao mundo occidental e aos países en vías de desenvolvemento, así como ao aumento previsible da poboación global do planeta (de 6.600 millóns a uns 9.000 millóns previstos a mediados do século XXI). Estas dimensións do tema ecolóxico están moitas veces interrelacionadas, pero deben distinguirse para entenderlas mellor e poder expoñer máis eficazmente o modo de combatelas.
2. As variables e os índices de medida.
A saúde medioambiental dun país non se mide simplemente polo grao das súas emisións de gases de efecto invernadoiro. Necesítanse índices que midan as principais variables que interveñen no tema. Un índice que integra ate 21 indicadores distintos é o índice ISA (índice de sostenibilidade ambiental) establecido por investigadores de Yale e Columbia no 2005. Permite establecer un ránking máis informativo de países, rexións, etcétera, que cando só se miden aspectos parciais (os países mellor situados ese ano foron os nórdicos e Uruguay; os peores, algunhas ex repúblicas soviéticas, Iraq, Taiwán e Corea do Norte. España ocupa o lugar 76 entre 146 países, por detrás de 17 países africanos e 21 europeus!).
3. Equívocos ecolóxicos.
Ás veces detéctanse argumentos equívocos, case demagóxicos, na busca de posicións de novos produtos no mercado. É o caso, por exemplo, dos coches verdes ou de certos biocombustibles pretendidamente menos contaminantes. A pesar de que estes produtos contaminan efectivamente menos que os tradicionais, o proceso enerxético e medioambiental debe ser analizado no seu conxunto, e non só a partir do produto final. É dicir, deben terse en conta a enerxía empregada e os custos ecolóxicos de fabricar os novos coches ou de producir biocombustibles. Trátase de procesos que ademais de enerxía necesitan grandes cantidades de auga, de materiais e xeran residuos. O balance final é a veces contraproducente. Especialmente cando o mercado incentiva o consumo de produtos tras períodos curtos de uso dos anteriores.
4. Tres vías de solución.
En xeral, adoitan mencionarse tres erres ecolóxicas como vías de solución: reducir, reempregar e reciclar. O obxectivo xeral é chegar a unha sostenibilidade enerxética compatible coa competitividade. Non é fácil, pero resulta imprescindible apostar xa que logo. Nas dúas primeiras vías, os actores que poden propiciar un troco son, principalmente, os gobernos e as empresas. O obxectivo de reducir é acadar un balance enerxético moito máis satisfactorio: que se utilice moita menos enerxía e menos materiais na fabricación de produtos, e que se xeren moitos menos residuos nos procesos de produción. Pola súa banda, reempregar significa fabricar e utilizar produtos cunha maior vida media. Todo iso é hoxe tecnicamente posible. Comprar menos produtos e dunha maior calidade é unha vía de futuro. Finalmente, a reciclaxe é onde máis podemos influír os cidadáns. E ten o seu mellor sentido no caso de materiais non renovables (derivados do petróleo como plásticos, fertilizantes, pinturas, etcétera). Pero reciclar non é a vía de maior impacto medioambiental, xa que a tarefa de separar, recuperar e transformar os materiais usados noutros novos implica un consumo de enerxía relativamente alto. Pero non facelo é peor, especialmente pola maior xeración de residuos cando non se fai (ademais da importancia de introducir progresivamente unha maior “cultura ecolóxica” na cidadanía).As próximas décadas son decisivas. Segundo como se resolvan (ou non) as principais dimensións ecolóxicas dependerá a calidade de vida das próximas xeracións. Hai países que xa están a facer os deberes. Outros, como EE. UU., Australia e España, seguen coa táctica da avestruz ou agochándose tras mera retórica. Ser un goberno progresista hoxe ten que ver con implementar, entre outras, medidas ecolóxicas prácticas que non sexan un mero adorno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario