"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







lunes, 3 de octubre de 2011

O novo "sistema-mundo"...


Por Ignacio Ramonet*

Cando se acaban de cumprir dez anos desde os atentados terroristas do 11 de setembro e tres anos desde a creba do banco Lehman Brothers, cales son as características do novo “sistema-mundo”? A norma actual son os sismos. Sismos climáticos, sismos financeiros e bolsistas, sismos enerxéticos e alimentarios, sismos comunicacionales e tecnolóxicos, sismos sociais, sismos xeopolíticos como os que causan as insurreccións da “Primavera árabe”...
Hai unha falta de visibilidade xeral. Acontecementos imprevistos irrompen con forza sen que ninguén, ou case ninguén, os vexa vir. Se gobernar é prever, vivimos unha evidente crise de gobernanza. Os dirixentes actuais non conseguen prever nada. A política revélase impotente. O Estado que protexía os cidadáns deixou de existir. Hai unha crise da democracia representativa: “Non nos representan”, din con razón os “indignados”. A xente constata a derruba da autoridade política e reclama que esta volva asumir o seu rol condutor da sociedade por ser a única que dispón da lexitimidade democrática. Insístese na necesidade de que o poder político lle poña couto ao poder económico e financeiro. Outra constatación: unha carencia de liderado político a escala internacional. Os líderes actuais non están á altura dos desafíos.
Os países ricos (América do Norte, Europa e Xapón) padecen o maior terremoto económico-financeiro desde a crise de 1929. Por primeira vez, a Unión Europea ve ameazada a súa cohesión e a súa existencia. E o risco dunha gran recesión económica debilita o liderado internacional de Norteamérica, ameazado ademais polo xurdimento de novos polos de poderío (China, a India, Brasil) a escala internacional.
Nun discurso recente, o Presidente de Estados Unidos anunciou que daba por terminadas “as guerras do 11 de setembro”, ou sexa as de Iraq, de Afganistán e contra o “terrorismo internacional” que marcaron militarmente esta década. Barack Obama lembrou que “cinco millóns de americanos vestiron o uniforme no curso dos últimos dez anos”. A pesar do cal non resulta evidente que Washington saia vencedor deses conflitos. As “guerras do 11 de setembro” custáronlle ao orzamento estadounidense entre 1 billón (un millón de millóns) e 2,5 billóns de dólares. Carga financeira astronómica que tivo repercusións no endebedamento de Estados Unidos e, en consecuencia, na degradación da súa situación económica.
Esas guerras resultaron pírricas. En certa medida, finalmente, Al Qaeda comportouse con Washington de igual xeito Reagan o fixo con respecto a Moscova cando, nos anos 1980, lle impuxo á URSS unha extenuante carreira armamentística que acabou esgotando ao imperio soviético e provocando a súa implosión. O “desclasamento estratéxico” de Estados Unidos empezou.
Na diplomacia internacional, a década confirmou a urxencia de novos actores e de novos polos de poder sobre todo en Asia e en América Latina. O mundo “desoccidentalízase” e é cada vez máis multipolar. Destaca o rol de China que aparece, en principio, como a gran potencia en construción do século XXI. Aínda que a estabilidade do Imperio do Medio non está garantida pois coexisten no seu seo o capitalismo máis salvaxe e o comunismo máis autoritario. A tensión entre esas dúas forzas causará, tarde ou cedo, unha fractura. Pero, polo momento, mentres declina o poderío de Estados Unidos, o ascenso de China confírmase. Xa é a segunda potencia economica do mundo (por diante de Xapón e Alemaña). Ademais, pola parte importante da débeda estadouninese que posúe, Pequín ten nas súas mans o destino do dólar...
O grupo de Estados xigantes reunidos no BRICS (Brasil, Rusia, a India, China e Sudáfrica) xa non obedece automaticamente as consignas das grandes potencias tradicionais occidentais (Estados Unidos, Reino Unido, Francia) aínda que estas se sigan autodesignando como “comunidade internacional”. Os BRICS demostrárono recentemente nas crises de Libia e de Siria opóndose ás decisións das potencias da OTAN e no seo da ONU.
Dicimos que hai crise cando, en calquera sector, algún mecanismo deixa de súpeto de funcionar, empeza a ceder e acaba por romper. Esa ruptura impide que o conxunto da maquinaria siga funcionando. É o que está ocorrendo na economía desde que estalou a crise das sub-primes en 2007.
As repercusións sociais do cataclismo económico son dunha brutalidade inédita: 23 millóns de parados na Unión Europea e máis de 80 millóns de pobres... Os mozos aparecen como as vítimas principais. Por iso, desde Madrid a Tel Aviv, pasando por Santiago de Chile, Atenas e Londres, unha onda de indignación levanta á mocidade do mundo.
Pero as clases medias tamén están asustadas porque o modelo neoliberal de crecemento as abandonas á beira do camiño. En Israel, unha parte delas uniuse aos mozos para rexeitar o ultraliberalismo do Goberno conservador de Benjamin Netanyahu.
O poder financeiro (os “mercados”) impúxose ao poder político, e iso desconcerta os cidadáns. A democracia non funciona. Ninguén entende a inercia dos gobernos fronte á crise económica. A xente esixe que a política asuma a súa función e interveña para endereitar os agravios. Non resulta doado; a velocidade da economía é hoxe a do lóstrego, mentres que a velocidade da política é a do caracol. Resulta cada vez máis dificil conciliar tempo económico e tempo político. E tamén crises globais e gobernos nacionais.
Os mercados financeiros sobrerreaccionan ante calquera información, mentres que os organismos financeiros globais (FMI, OMC, Banco Mundial, etc.) son incapaces de determinar o que vai ocorrer. Todo isto provoca, nos cidadáns, frustración e angustia. A crise global produce perdedores e gañadores. Os gañadores atópanse, esencialmente, en Asia e nos países emerxentes, que non teñen unha visión tan pesimista da situación como a dos europeos. Tamén hai moitos gañadores no interior mesmo dos países occidentais cuxas sociedades están fracturadas polas desigualdades entre ricos cada vez máis ricos e pobres cada vez máis pobres.
En realidade, non estamos soportando unha crise, senón un feixe de crises, unha suma de crises mesturadas tan intimamente unas con outras que non conseguimos distinguir entre causas e efectos. Porque os efectos dunhas son as causas doutras, e así até formar un verdadeiro sistema. Ou sexa, enfrontámonos a unha crise sistémica do mundo occidental que afecta á tecnoloxía, a economía, o comercio, a política, a democracia, a guerra, a xeopolítica, o clima, o medio ambiente, a cultura, os valores, a familia, a educación, a mocidade, etc.
Vivimos un tempo de “rupturas estratéxicas” cun significado que non comprendemos. Hoxe, Internet é o vector da maioría dos cambios. Case todas as crises recentes teñen algunha relación coas novas tecnoloxías da comunicación e da información. Os mercados financeiros, por exemplo, non serían tan poderosos se as ordes de compra e venda non circulasen á velocidade da luz polas autoestradas da comunicación que Internet puxo á súa disposición. Máis que unha tecnoloxía, Internet é pois un actor das crises. Abonda con lembrar o rol de WikiLeaks, Facebook, Twitter nas recentes revolucións democráticas no mundo árabe.
Desde o punto de vista antropolóxico, estas crises estanse traducindo por un aumento do medo e do resentimento. A xente vive en estado de ansiedade e de incerteza. Volven os grandes pánicos ante ameazas indeterminadas como poden ser a perda do emprego, os choques tecnolóxicos, as biotecnoloxías, as catástrofes naturais, a inseguridade xeneralizada... Todo iso constitúe un desafio para as democracias. Porque ese terror transfórmase ás veces en odio e en repudio. En varios países europeos, ese odio diríxese hoxe contra o estranxeiro, o inmigrante, o diferente. Está subindo o rexeitamento cara a todos os “outros” (musulmáns, xitanos, subsaharianos, “sen papeis”, etc.) e medran os partidos xenófobos.
Outra grave preocupación planetaria: a crise climática. A conciencia do perigo que representa o quecemento xeral estendeuse. Os problemas ligados ao medio ambiente estanse volvendo altamente estratéxicos. O próximo Cumio mundial do clima, que terá lugar en Rio de Janeiro en 2012, constatará que o número de grandes catástrofes naturais aumentou así como o seu carácter espectacular. O recente accidente nuclear de Fukushima amedoñou o mundo. Varios gobernos xa deron marcha atrás en materia de enerxía nuclear e apostan agora -nun contexto marcado pola fin próxima do petróleo- polas enerxías renovábeis.
O curso da globalización parece como suspendido. Fálase cada vez máis de desglobalización, de decrecemento... O péndulo fora demasiado lonxe na dirección neoliberal e agora podería ir na dirección contraria. Xa non é tabú falar de proteccionismo para limitar os excesos do libre comercio, e pór fin ás deslocalizacións e á desindustrialización dos Estados desenvolvidos. Chegou a hora de reinventar a política e de reencantar o mundo.
*Artigo publicado en Le Monde Diplomatique’, número de outubro de 2011

No hay comentarios: