"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







sábado, 10 de noviembre de 2012

Sudán e os dereitos humanos no mundo...



UN Watch, unha organización non gobernamental dedicada á vixiancia do respecto dos dereitos humanos a nivel internacional radicada en Xenebra, ven de instar ao Secretario Xeral de Nacións Unidas Ban Ki-moon, ao comisionado dos dereitos humanos Navi Pillay, á embaixadora dos EEUU Susan Rice, e á responsábel de Asuntos Exteriores da Unión Europea Catherine Ashton, a que condenen enerxicamente a elección do "xenocida, misóxino e tiránico" réxime de Sudán como un dos 54 membros do Consello Económico e Social (ECOSOC) da ONU, un alto organismo que ten como unha das súas funcións a de regular aos grupos de dereitos humanos de Nacións Unidas, supervisar os comités da ONU sobre os dereitos das mulleres e velar polo cumprimento das resolucións contra a mutilación xenital por exemplo.

Que dicir...isto é unha absoluta barbaridade. Cada día recibimos informacións de que Sudán está a matar a crianzas, mulleres e vellos, a queimar milleiros de vivendas en Darfur, etc...precisamente o prototipo de situación gravísima que o ECOSOC debera combater con contundencia. Xa que logo, a protección fundamental dos dereitos humanos no mundo por parte das NNUU será menos cribel que nunca.

É tamén inexplicabel que 176 dos 193 estados membros votasen a prol de apoiar ao réxime sanguento de Omar Al-Bashir e non recoñecesen que elixían o réxime xenocida de Sudán para un organismo internacional de dereitos humanos, o cal é como elixir a Jack o Destripador como gardián dun refuxio para mulleres.

Ao outorgar o selo de lexitimidade internacional a un asasino en serie, o sistema que regula a protección dos dereitos humanos de Nacións Unidas diminuíu a súa propia credibilidade, e botou unha pesada sombra sobre a reputación da organización no seu conxunto, afondando ainda máis a súa ineptitude e incapacidade como garante da liberdade, da democracia e do respecto aos dereitos humanos.

No hay comentarios: