"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







sábado, 22 de enero de 2011

A Shoah é nós


Cada 27 de xaneiro, desde que no ano 2005 e con máis de medio século de retraso as Nacións Unidas, na súa resolución 60/7, declarasen que o día no que en 1945 Auschwitz-Birkenau foi liberado, ficara por sempre como día de recordo e homenaxe ás vítimas do Holocausto, cada 27 de xaneiro, repito, alumea como un faro a nosa conciencia. Tamén a nosa. Aquí, na fisterra das Europas. Porque Galicia non é só parte de Europa, Galicia é parte fulcral do sentido de Europa. Da nosa Europa coas súas grandezas e da nosa Europa coas súas miserias. Europa e a súa conciencia de ser, non sería a mesma sen os Camiños de Santiago que durante séculos vertebraron a vida e cultura no vello continente.
.
E o vindeiro 27 de xaneiro Europa lembra de novo, unha das súas páxinas máis negras, máis infames, o intento no corazón civilizado da Vella Europa, de exterminar ao Pobo Xudeu. De arricar a súa pegada da historia e da vida do noso vello continente e da Terra.
.
Dentro de non moitos anos desapareceran os que sufriron a deportación aos campos de exterminio. E cando eles desaparezan, deberemos ser todos e todas nós os que collamos o relevo cívico do seu recordo. Dicía Violeta Friedman, sobrevivinte da Shoah que viviu e morreu en España: "Sei que a miña voz se perde no devastador ruído do tempo, agardo que as xeracións vindeiras non nos esquezan". Non podemos ser cómplices co noso silencio, coa nosa indiferenza. En poucos anos deberemos dirimir se o recordo venceu ao esquecemento ou o esquecemento ao recordo,
.
Pasaron xa 66 anos durante os cales os acontecementos na terra e no tempo de Europa fixeron mudar radicalmente o escenario no que só hai pouco máis de medio século, o terror e a maldade absoluta reinaron da man e na bota do fascismo hitleriano.
.
Mais a barbarie desatada nos Balcáns, non hai tanto, obríganos a reiterar a pertinencia e a obriga de, militando con paixón na nosa condición humana, dicir máis unha vez todos os 27 de xaneiro: nunca máis.
.
http://www.farodevigo.es/opinion/2011/01/20/shoah-e/510654.html

No hay comentarios: