Por Pilar Rahola
La Vanguardia - 11/07/2010
.
"Cando escoito a Wagner, éntranme ganas de invadir Polonia", aseverou Woody Allen nunha desas ocorrencias súas que naceron con vocación de perdurar. Certamente Wagner é a metáfora perfecta do yin e o yang humano, a luz e as tebras, a vida e a morte, a beleza e a extrema fealdade. Entendo perfectamente que ás vítimas do nazismo lles resulte imposíbel escoitar o Tannhäuser, e persoalmente son tan capaz de vibrar coas magníficas óperas do anel do Nibelungo como sentir vómitos cando lembro o apoio do círculo wagneriano de Bayreuth a Hitler. Pero paro aquí, porque a reflexión podería deambular por camiños transcendentes e tráxicos, e nada máis afastado da vontade deste artigo. Comparado con Wagner e a súa historia, este artigo é unha brincadeira, un puro divertimento. Pero sérveme a frase de Woody, se me permiten que me quede, estritamente, co sentido do humor, desposuído de todo indicio de dramatismo. Eu, igual que Woody, teño algunhas transformacións deste tipo. Por exemplo, cando, ao minuto de gañar "La Roja", escoito o que di Miguel Angel Rodríguez, ou algúns dos ínclitos tertulianos que pululan pola meseta mental, ou directamente segundo que xornalistas, véñenme unhas ganas enormes de que perda España. Previamente emocioneime coa selección Barçanyola, encantáronme Puyol e Iniesta, sufrín con Casillas e desexei o mellor para estes mozos que súan a camisola coa forza dos grandes. Se só fose futbol... Se detrás de cada vitoria de España non houbese un monopolio case total do españolismo patriótico esencial, senón un sentimento compartido, onde pobos, linguas e culturas atopasen o seu denominador común, se fose así, que fácil sería emocionarse coa Roja! Pero non sexamos máis ilusos do estritamente necesario, porque os indicadores non permiten dúbidas.
.
Os éxitos futbolísticos da selección máis "espanyola" -así, con ny- da historia non son usados retóricamente para a inclusión do plural, senón para a exclusión do diferente. Na España dos goles de Puyol, cabemos todos. Na da celebración de Miguel Angel Rodríguez, sobramos moitos. E o problema non está en que existan os discursos dos Rodríguez, o problema está en que, máis aló dos periféricos disidentes, eses discursos conforman o pensamento único. Con cada gol, a España única, indisolúbel e verdadeira marca o seu gol particular ás nacións díscolas que se empeñan en reinventar España. E entón, moitos cataláns, vascos e outras faunas da xungla sénteno como un gol en contra. "Eu son eu e a miña circunstancia", dixo Ortega hai moito. Tamén o é o fútbol, un cúmulo de circunstancias. E aí está o problema, que a pelota é inocente, pero as circunstancias están cargadas de pesadas e pesantes intencións
http://www.lavanguardia.es/lv24h/20100711/53961904656.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario