"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







jueves, 12 de junio de 2008

O Teatro Tuschinsky...

Grazas a esta foto que me envía Paz (grazas Paz!) desde Amsterdam, descubro o descoñecido para min ate agora Teatro Tuschinsky. Un auténtico icono do asasinado xudaísmo holandés. Entre 1918 e 1921 o Teatro Tuschinski atópase sobre a Reguliersbreestraat. Foi o invento xenial do lendario Abram Icek Tuschinski (1886-1942), un xudeu polaco que chegou aos Países Baixos, fuxindo dos pogroms na súa Galitzia natal. A súa carreira comezou en Róterdan, onde creou catro cines e un hotel para os emigrantes que estaban en viaxe cara a Norteamérica. En 1917, xunto aos seus cuñados Gerschtanowitz e Ehrlich, mudáronse a Amsterdam, onde tentaron realizar o seu soño de construír un palacio do cine. Elixiu unha sórdida esquina de Amsterdam para instalalo, coñecida como Duvelshoek (A punta do Diaño), un distrito empobrecido. Comprando o terreo tirou abaixo os edificios existentes. Os planos para o cine foron deseñados por Hijman Louis de Jong. Con todo non chegou a completar o encargo, logo de ter varias pelexas con Tuschinski -quen seica era apropiadamente chamado o "Napoleón da Punta do Diaño". Tuschinski acomodou os planos do seu palacio de acordo aos seus propios puntos de vista e empregou decoradores que deixaron cada un a súa pegada persoal a cada lado do edificio. Isto finalmente resultou ser unha mestura de estilos arquitectónicos, incluíndo o Art Nouveau e o Art Deco, e a Escola de Amsterdam. Por esa época, algúns críticos referíanse a el condescendientemente como "unha arquitectura de sopa de crema" ou o "flighty filme palace" Cara a comezos da década do trinta, Tuschinski tivo problemas financeiros e o palacio do cine perdeuse como todo o demais coa ocupación nazi. Nin Tuschinski nin os seus cuñados sobreviviron a Auschwitz. Hoxe en día unha placa dedicada á súa memoria pendura no hall principal do cine. Cine que foi recentemente restaurado e de feito é un dos cines máis populares de Amsterdam.
Amsterdam, este antigo porto de refuxio dos xudeus está moi ligado á historia xudea europea, a un pasado ineludíbel, pola súa intensidade e proximidade. Un mundo asasinado que só recupera a súa vitalidade cando o recobramos do pasado, mantendo o seu recordo, a súa memoria.
Ainda que lle moleste a Aymerich.

No hay comentarios: