"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







domingo, 23 de diciembre de 2012

Que é o Exército Libre Sirio?...



Entrevista publicada no nº 10 do mensual Al Khat Al Amami (A liña da fronte), outubro-novembro de 2012, órgano da Corrente da Esquerda Revolucionaria en Siria. Publicado orixinalmente en francés en:http://www.lcr-lagauche.be/cm/index.php?view=article&ide=2707:discussion-avec-larmee-libre-a-propos-de-questions-touchant-a-a-revolution-&option=com_content&Itemid=53

14 de decembro de 2012

Quen é realmente o Exército Libre Sirio (ELS) que non deixou de estar en primeira plana desde os primeiros meses da revolución siria? Quen son os seus elementos, cal a súa composición? Cal é a súa estratexia? Segue unha liña ben determinada ou avanza ás apalpadelas? Que papel xoga exactamente sobre o terreo? Para respostar a estas cuestións e a moitas outras, publicamos unha entrevista cun dos dirixentes do ELS, que foi realizada por Ghayath Naissé, militante socialista da Corrente da Esquerda Revolucionaria en Siria -LCR.

Que é o Exercito Libre de Siria, como emerxe durante a revolución, está constituído só de militares e desertores, dispón dunha coordinación entre as súas brigadas a nivel nacional ou non hai máis que grupos illados uns doutros, cada un deles coa súa ideoloxía? Que papel teñen a disciplina militar e a moral revolucionaria nos seus métodos? E, finalmente, cales son os alicerces da súa actividade?
- Ao comezo non había Exército Libre, non existían máis que os servizos de seguridade e os chabbiha do réxime, a maioría dos cales eran funcionarios e empregados da administración, os cuarteis e as institucións militares. Todos estaban colocados baixo a dirección dos servizos de seguridade (Información do Exército do Aire, Seguridade Militar, Seguridade do Estado, Seguridade Política). Cada aparello tiña diversas seccións e o número dos aparellos de seguridade era de dezaoito. Aprovisionaba aos funcionarios (os chabbiha, con porras, porras eléctricas e bastóns coa bandeira do réxime para festexar a dispersión das manifestacións. Todo isto ocorría durante o seis primeiros meses). Estas medidas eran utilizadas só os venres cando as manifestacións saían das mesquitas tras a oración da tarde. O réxime fretaba semanalmente autobuses para transportar os chabbiha ás zonas das manifestacións e o seu número dependía da zona en que se producían as manifestacións; cando o réxime mostrouse incapaz de dispersar as manifestacións recorreu aos gases e cando ésto non foi suficiente aos disparos de armas de fogo. Moitos manifestantes morreron. No referido ao réxime isto é o que houbo no período do seis primeiros meses. Ao lado dos manifestantes, non había máis que os berros nas manifestacións e as pancartas. Tras cada asasinato perpetrado polo réxime, escoitábase algún berro de que había que adquirir armas, calquera arma, pero enfronte estaba a reprobación da esmagadora maioría á simple evocación do recurso ás armas.

Até o mes de Ramadán de 2011, é dicir ao cabo de seis meses da revolución, non fixera a súa aparición ningunha arma, a pesar dos asasinatos, as aldraxes, a tortura, as violacións de domicilio. Este período está tamén marcado polas tentativas do réxime de deixar caixas de armas nos domicilios a fin de acusar á poboación de tal ou cal rexión de estar armada, pero sen éxito.
- En outubro e novembro de 2011, algunhas persoas que perderan un pai, un irmán ou outro ser querido, comezaron a adquirir un revólver e no mellor dos casos un fusil ruso. Algúns venderon os seus obxectos de valor ou os da súa esposa, como ouro, para mercar armas. Estes individuos, civís, formaron grupos e aplaudiron ao Exército Libre cando escoitaron falar del. Non había ningunha coordinación entre os grupos dunha rexión a outra. En decembro de 2011, as desercións no seo do exército do réxime aumentaron e comezamos a escoitar falar de grupos e de brigadas. No mellor dos casos a brigada tiña no seu seo dous ou tres oficiais. A coordinación entre eles era débil debido á multiplicación das canles de apoio que emanan de partes do consello nacional, de individuos ou de personalidades, xa estivesen en Siria ou no estranxeiro. Había tamén brigadas sen nin un só oficial, de simples militares ou recrutas que se negaron a facer o seu servizo militar. Estas formacións estaban aí para defender as manifestacións, logo comezaron a defender ás poboacións cando se produciu a escalada da represión e a "chabbización" do réxime. A moral da revolución está presente nestas brigadas, aínda que hai que recoñecer aspectos negativos, que teñen as súas causas. Queremos manter a disciplina, o respecto e a aplicación da moral revolucionaria despois que apareceron as armas, pero hai pouca experiencia e unha cultura superficial de quen supervisan a eses grupos de carácter islámico moderado e tradicional.

Cal é o papel que asignades ao Exército Libre de Siria? Trátase só da protección dos civís nas manifestacións e das masas fronte aos ataques das forzas do réxime de Assad e dos seus chabbiha ou estimades que debe xogar un papel fundamental na liberación de Siria dese réxime? Ademais, cal é a mellor estratexia, na túa opinión, para facer caer o réxime e construír unha Siria libre, democrática, xusta, laica e na que haxa igualdade entre todos?
- O réxime é responsable ao 100% de todo o que ocorreu. As armas fixeron a súa aparición despois que a xente se fartase dos asasinatos perpetrados polos servizos de seguridade do réxime e os chabbiha, dos asasinatos de manifestantes, dos que ían aos enterros, das poboacións. Estimamos que no momento actual non é posible facer caer o réxime só mediante unha acción pacífica e é necesaria unha acción militar de carácter defensivo efectivo. No que se refire aos ataques dispersos, son para acabar cos puntos desde os que nos disparan. A parte disto, as operacións son xeralmente defensivas e non ofensivas. A mellor estratexia para facer caer este réxime consistiría en harmonizar os combates pacífico e militar para construír a Siria da democracia, a Siria da xustiza e da igualdade.

Para completar a pregunta precedente, hai unha coordinación cotiá e efectiva entre vós e os comités da loita revolucionaria cotiá, tedes unha visión ou un programa político propio para lograr a vitoria da revolución? Se non o tedes, que principios xerais adoptastes, cal é a vosa idea de Siria despois da caída do réxime e como vos expondes o voso papel o día de mañá?
- A coordinación cotiá e efectiva coas demais rexións consolídase coa constitución dun consello local de cada rexión, pois cada consello local componse das comisións de socorro, información, financeira, militar, de organización do movemento pacífico (as manifestacións), médica; e dun comité de coordinación e seguimento das relacións entre esas comisións, e entre o consello local dunha determinada rexión e os consellos locais das demais rexións. A vitoria da revolución suporá un impulso para a coordinación entre os grupos ou os comités en todas as rexións e unha xeneralización da experiencia dos consellos locais. Para realizar estas arduas tarefas hai que volver á esencia mesma da revolución siria, que é unha revolución popular pola liberdade e a dignidade. Noutros termos, non é unha revolución guiada por un partido, unha oposición ou unha ideoloxía; por conseguinte correspóndenos deixar de lado ou neutralizar esas referencias e convencer á mocidade de que todo iso estará á orde do día tras a caída do réxime e cando haxa un poder elixido; e mentres tanto traballar en unificar as filas para enfrontarnos ao réxime e non ter máis que unha única dirección das operacións.

Cal é a vosa posición fronte á cuestión confesional, que o réxime para tentar romper a unidade do pobo sirio, e que fixestes ou que facedes na práctica para enfrontarvos ao problema?
- Desde o comezo, o réxime utilizou non só a cuestión confesional senón tamén o xegionalismo, o tribalismo, a relixión, xogando coa composición demográfica dunha rexión dada. Para facer fronte a isto hai que concienciar á xente de forma xeral e aos elementos armados en particular sobre o xogo sucio do réxime, que se resume en "dividir para reinar". Isto pasa tamén polo apoio aos activistas, homes e mulleres, das demais confesións ou compoñentes que acoden ás zonas armadas, para facer festas e cánticos revolucionarios ou ás prazas da liberdade nas manifestacións.

Que respondedes as alegacións do réxime sobre a existencia nas brigadas do Exército Libre de combatentes árabes ou estranxeiros, salafistas ou yihaidistas? Existen no seu seo, como afirma o réxime, grupos que dependen do goberno de Qatar, de Arabia Saudita e de Turquía?
- Nada do que di o réxime ten fundamento. Se hai grupos yihaidistas, son moi poucos e non representan nada. Globalmente, son mal percibidos polas diferentes franxas do noso pobo, que se caracteriza pola súa moderación relixiosa e sacrificou batallóns de todas as confesións na revolución da independencia. E hai que engadir que non esquecemos que o asasinato e o crime procrean o extremismo e con todo hai un sangue frío produto dunha historia civilizada. Pola nosa banda, estimamos, sen a menor dúbida, que a vitoria da revolución do pobo sirio sobre este réxime covarde e decrépito está próxima.

Que mensaxe desexas transmitir a quen dubidan aínda de enrolarse na revolución? Cal é a vosa mensaxe ás masas insurrectas do noso pobo a pesar da enormidade dos sacrificios realizados? E a túa mensaxe aos amigos e aos apoios da revolución siria na rexión e en todo o mundo?
- A quen teñan dúbidas dígolles que miren por se mesmos, lonxe do réxime e da súa información, e que fagan unha lectura diferente, que saian e vexan cos seus propios ollos quen destrúe, bombardea e quen viola. Tedes que mirar cos vosos propios ollos e sumarvos á maioría revolucionaria, pois ese réxime é un criminal que non respecta nada. Esta caendo. E digo aos revolucionarios heroicos e aos actores desta epopea histórica: debuxades un novo futuro non só para vós mesmos e para os vosos fillos, senón tamén para toda a rexión árabe e a súa contorna. É a razón pola que todos continúan unidos como espectadores contra a nosa revolución. Digo aos amigos dos pobos sirio, revolucionarios da primavera árabe ou pobos oprimidos por réximes despóticos que a nosa revolución é a vosa revolución. Será a qibla [muro das mesquitas que mira á Meca] e o minarete da vosa emancipación e que esperamos que os vosos corazóns estean connosco e non se cansen de prestarnos axuda contra ese tirano.

No hay comentarios: