"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







sábado, 8 de diciembre de 2012

NHU...

NHU é o acrónimo de: Unha Fermosa Noite (ao revés) e está inspirado no nome do grupo psicodélico de San Francisco It's A Beautiful Day. Detrás del escóndese un dos principais estandartes do rock progresivo español e un dos primeiros grupos de rock en utilizar o galego nas súas composicións.

Todo comeza no 74, Roberto Abal (guitarra), Tino Grandío (baixo eléctrico), Xosé Ferreiro Garea (batería,voz) e Xurxo Pérez (órgano Hammond) atopan local de ensaio ao ocupar unha casa deshabitada na estrada do sanatorio psiquiátrico de Conxo en Santiago de Compostela. Con influencias como Mahavishnu Orchestra, King Crimson, Frank Zappa, Yes ou Soft Machine a banda comeza a desenvolver as súas propias xeometrías sonoras, sempre nun ambiente de total liberdade creativa. Os cambios na formación foron unha constante ao longo da súa curta historia, así as tensións entre Roberto e Antonio Fernández Bretch terminan coa saída da guitarra, e o seu posto sería ocupado por Xoán Piñón ate que abandora a formación no 76 para terminar os seus estudos (no 77 ingresaría no grupo galego DOA); logo entraría Xulio Ferreiro. Pola banda tamén pasaron esporadicamente Ricardo Máiz (batería) e Cuchús Pimentel (guitarra).

Tiveron claro desde un principio que querían profesionalizarse, vivir da música, e para iso preparan un groso repertorio baseado en cancións populares, comezando a tocar en discotecas, festas, vodas e todo o que fose saíndo. Co diñeiro recadado foron facéndose cun bo equipo de son, columnas Marshall, Gibson Les Paul, Fender Jazz Bass... e comezaron a desenvolver o realmente importante, "A Obra", composicións de rock progresivo inminentemente instrumental moi próximas a Mahavishnu Orchestra e a Yes, nas que incluían elementos próximos ao folk como gaitas e violíns.

Entre o 75 e 76 os membros da banda son chamados a facer o servizo militar, o que provoca unha continua trasfega de entradas e saídas. En 1978 a formación: Roberto Abal, Tino Grandío, Xosé Ferreiro Garea, Xurxo Pérez e Xulio Ferreiro Garea grava o seu único disco con Zafiro, NHU (Zafiro / Novola, 1978). A pesar das moi boas críticas recibidas o disco non goza dunha boa distribución e as vendas son discretas. Ante a dificultade de dar saída á súa música, e aínda que teñen material para un segundo disco, o grupo sepárase ás portas dos 80.

Hoxe en día o vinilo é unha peza moi cobizada por coleccionistas de todo o mundo, alcanzando cifras desorbitadas nas casas de poxas por Internet. Actualmente os dereitos do disco son propiedade da multinacional BMG -que comprou RCA, que antes adquirira Zafiro- que no 2000 reeditou o disco en CD.

No hay comentarios: