"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







sábado, 9 de abril de 2011

Indignádevos...


Por Afonso Vázquez-Monxardín

.

Stephane Hessel publicou o día 10 de outubro pasado unha obriña titulada “Índignez-vous” que nós traduciriamos ao galego de Ourense por un “indignaivos” aínda que ao xeral por “indignádevos” e que leva dado moito que falar. Como saberán, trátase dun chamamento á rebeldía contra un sistema en crise que aparenta deixar sen expectativa de futuro á mocidade. A versión castelá prologouna José Luís Sampedro e a galega Manuel Rivas.

Pois ben, o atractivo é que tal chamamento vén da palabra dun intelectual de noventa e tres anos que participou como redactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, alá por finais dos anos corenta.

Comparto o desacougo, a indignación, se queren vostedes usar esa palabra, de que coas subvencións á banca se leve a poñer aos raposos novamente ao coidado das pitas. Ou sexa que os pagaron relixiosamente as hipotecas aos bancos agora deben soportar que lles apreten o cinto para que o estado poida dar máis cartos a esa banca. Comparto o chamamento á rebeldía dunha mocidade aparentemente anestesiada e que está a punto de perder a ilusión do futuro laboral, non xa en Ourense onde non o hai apenas, senón en sitio ningún.

O azucre é enerxía, pero o exceso produce problemas de saúde. E hoxe hai algúns excesos que tenden a narcotizar a xuventude: a súa idealización como única etapa da vida a admirar, o consumismo louco, a paixón pola hipercomunicación instantánea, sexan móbiles ou internet, pola satisfacción inmediata dos desexos, a redución da política á marxinalidade... Temos unha das mocidades mellor preparadas da historia pero con menos expectativas de futuro. Deben reaccionar, claro, esixindo o seu oco, se cadra tamén contra a nosa fosilización no mercado laboral, e esixíndose, a sí mesmos moito máis tamén, para abriren, xuntos e cada un o seu, eses novos camiños.

Pero do opúsculo moléstame a visión sesgada da historia. Por exemplo do papel da Francia na segunda Guerra Mundial. Hoxe sabemos que máis alá do cine, na resistencia francesa actuou só unha pequena parte da poboación e que Francia non foi liberada polos franceses –como a Iuguslavia de Tito por eles- nin se comportou como Dinamarca. Viuse libre de Hitler pola participación xenerosa dos soldados dos Estados Unidos. Si, os xudeus do Marais parisino ou de Burdeos convertidos en fume en Auschwitz viron por primeira vez un alemán no seu destino final, pois foron presos, confinados, exportados, por tamén franceses. A mitificación da súa resistencia como fonte de toda a lexislación de dereitos sociais é tan curiosa como a perigosa equidistancia entre o papel dos USA e de Stalín ou o terrorismo islamista.

E por suposto unha postura simplona, superficial e maniquea sobre o conflito palestino botando man, alén dos tópicos ao uso, do famoso informe Goldstone que o propio redactor rectificou nun imprescindible artigo o día 1 de abril pasado no Washington Post titulado “Repensando o informe Golstone sobre Israel e os crimes de guerra” e que tamén está en versión galega na rede. Parece que nos imos poñendo ao día nos debates intelectuais de Europa.


No hay comentarios: