Fonte: “Der Standard”, luns, 11 Abril 2011, p. 3.
Traducido do alemán ao galego por Carlos Penela
TEMA: 50 anos do proceso a Eichmann
Avogado da acusación fala sobre o significado da causa
“Non era sinxelo permanecer tranquilo”
Gabriel Bach, avogado suplente da acusación no proceso a Eichmann, sobre o seu primeiro encontro co criminal nazi, a crítica ao proceso e a súa opinión de que o proceso liberou aos xoves de Israel dun sentimento de vergonza. Tobias Müller realizou a entrevista.
STANDARD: Como se sentiu cando soubo que representaría a acusación contra Eichmann?
Bach: Antes do meu primeiro encontro con Eichmann, senteime no meu despacho e linme a biografía de Rudolf Hoess, o comandante de Auschwitz. El describe como asasinaba un millar de nenos xudeus por día e como lle tremían os xeonllos cando tiña que mandalos á cámara de gas. Pero entón engade: “Sempre me avergoncei por esa debilidade, despois de ter falado co tenente coronel Eichmann. El explicoume: «que se consegue con matar persoas maiores, se se deixa con vida o xerme do restablecemento desa raza?»” Dez minutos despois, Eichmann foi conducido ao meu despacho. Non era sinxelo permanecer tranquilo. Nunca esquecerei o comezo do proceso, cando os xuíces entraron na sala, coas bandeiras de Israel por detrás, e de como ese home, cuxo único afán era exterminar o pobo israelí, foi levado antes eles. Como se levantou e se cadrou ante un tribunal soberano israelí dun Estado soberano xudeu – nunca antes fora para min máis claro o significado da creación do Estado de Israel.
STANDARD: Como o viviu? Está de acordo coa afirmación de Hanna Arendt sobre a “banalidade do mal”?
Bach: Arendt deu unha descrición totalmente errónea sobre os documentos principais que nós presentamos no proceso e sobre as nosas testemuñas principais. O que a motivou a iso éme até o día de hoxe pouco claro. Con respecto a Eichmann: el non era ningunha persoa insignificante que simplemente cumprira as ordes que recibía. Quizais ao comezo, porque pensou que sería bo para a súa carreira. Pero despois identificouse totalmente co asunto. Dicíalle aos seus amigos: “Seino, a guerra está perdida, pero eu vou gañar a miña”. Entón, viaxou a Auschwitz para aumentar a matanza de 10.000 persoas por día a 12.000.
STANDARD: Polo tanto, non era simplemente alguén de reposto? Foi decisivo o feito de que el ocupara ese posto?
Bach: Si. Se eu tivese efectuado investigacións sobre o Holocausto sen acusados e despois se me dixese: podes dispor dunha persoa á que podes levar ante o tribunal para mostrar todos os aspectos do mesmo: sen dúbida que tería escollido a Eichmann.
STANDARD: O Holocausto é un crime que non se pode concibir. Até que punto se pode superar iso cun proceso?
Bach: Naturalmente iso non é tan sinxelo, e sen embargo: durante todos eses anos só se leu e se oíu o que acontecera sen que se puidese facer nada. Entón chegou a posibilidade de levar ante o tribunal o home que, realmente, era responsable de tódolos aspectos deses sucesos atroces e de demostrar da maneira democrática e xurídica máis clara o que acontecera, ao mesmo tempo que se lle aplicaba a ese home a pena máis dura que existe nun país democrático. Iso si resultou satisfactorio.
STANDARD: O proceso foi controvertido. O avogado de Eichmann dubidaba da competencia do tribunal, outros falaron de parcialidade. Que ten que dicir vostede ao respecto?
Bach: Xuridicamente é impecable. Contareille para iso unha historia moi significativa: nunha ocasión, un profesor debateu comigo sobre esa cuestión do “tribunal das vítimas”. El viu no escrito da acusación que nós non só denunciaramos a Eichmann pola matanza de xudeus, senón tamén pola de polacos, rusos e checos. Entón preguntou: “Por que non o entregaron a un tribunal polaco, checo, ruso...? E eu dixen: “Escoite, hai cinco minutos vostede preguntou, se un tribunal xudeu estaba autorizado a xulgar a Eichmann e agora quere saber por que non o entregamos?” O home tivo a decencia de corar.
STANDARD: A Israel tamén se lle recriminou o secuestro de Eichmann.
Bach: Nos EEUU acontece con frecuencia que os criminais escapen a outros Estados e entón sexan traídos de volta por parte da policía de maneira ilegal. Casos así foron levados ante ao Tribunal Supremo, que decidiu: se alguén é detido noutro país de maneira ilegal, as persoas que fosen responsables do feito poderían igualmente ser levadas ante os tribunais. Pero iso non altera en nada a competencia que o tribunal ten sobre o criminal.
STANDARD: Como valora vostede as consecuencias do proceso?
Bach: En Israel tivo unha grande influencia. Moitos xoves non querían escoitar nada acerca do Holocausto. Non podían entender que millóns de seres humanos fosen ao matadoiro, sen opor resistencia. Non era o obxectivo principal, pero nós queriamos tamén explicar que non había ningún motivo para avergonzarse. Mostramos como Eichmann e os seus colegas conduciron ás persoas ao engano, por exemplo, obrigándoas a escribirlles ás súas familias: “Estamos nun lugar marabilloso, con fantásticas excursións, sen demasiado traballo; vinde, vinde o antes que poidades!” Despois do proceso, de súpeto, os nenos israelís querían visitar os campos de concentración en Polonia, interesábanse polos xudeus de Europa.
STANDARD: E en Alemaña?
Bach: Alí sucedeuse unha reacción en cadea de procesos contra este tipo de criminais. Recibimos moitos documentos sobre o que acontecera nos campos de exterminio. Son moi importantes por todos aqueles que negan que o Holocausto sucedeu.
GABRIEL BACH (84 anos): foi avogado suplente da acusación no proceso a Eichmann e xuíz do Tribunal Supremo de Israel entre 1982 e 1997. En 1938 fuxiu de Berlín e vive en Xerusalén.
No hay comentarios:
Publicar un comentario