Por Isaac Bashevis Singer
Que ocorrería se Moisés estivese vivo e publicase Os Dez Mandamentos non no Monte Sinaí, entre lóstregos e tronos, senón en forma de libelo ou folletín? Como sería recibido polos críticos? As seguintes son algunhas posibilidades.
O primeiro crítico, a quen denominarei o esteta
O libreto do señor Moisés, que é en realidade unha proclama (ou libelo), é difícil de clasificar. Non se trata de ficción, no sentido usual do termo; tampouco é un traballo científico. Quizais sería mellor tomalo coma unha especie de opúsculo relixioso, pois existe algo de relixión nel. O señor Moisés fala de Deus, pero faino dunha maneira tan vaga que resulta difícil determinar as súas ideas. Talvez isto poderíase describir como certo programa ou proposición ética feita por alguén que non ten idea da historia da ética nin do desenvolvimiento da súa filosofía. Concluíndo, o señor Moisés é un moralista inxenuo. O seu estilo é seco, primitivo e lacónico. Él fala, pretenciosamente, no nome dalgún Deus; pero xamais nos ofrece proba algunha da identidade ou existencia dese Deus. Sería unha absoluta perda de tempo revisar este primitivo opúsculo se non fora porque se converteu de maneira instantánea nun best-seller. Será isto un indicador de que o público está farto de libros grandes e aínda de artigos extensos e anhela ler só proclamas dunha páxina? Ou é que está fascinado pola suposta obxectividade é esta proclama? O feito de que semellante folla rudimentaria poida impresionar a tantos millóns de lectores é un claro indicio do baixo que descendeu o gusto do público lector no noso tempo. O sorprendente éxito dos Dez Mandamentos é unha reprobación e unha protesta contra toda a literatura moderna. é coma se a chusma fose gritar de súpeto: "Non queremos fantasía, nin coñecemento, nin filosofía: só as palabras máis elementais que un neno de dez anos poida entender ou aínda escribir". Simplemente, quen se está escondendo detrás do pseudónimo de Moisés? E se se trata en realidade dun neno? Ou todo isto non é máis que un engano literario? Sexa o que sexa, Os Dez Mandamentos convertéronse da noite para a mañá no tema literario máis candente do mundo. A pregunta permanece: que pode un ler despois diso? Só quedan as obras mestras impresas na parte posterior dos paquetes de cereais...
O crítico comunista
A sorprendente popularidade dos Dez Mandamentos non é, ao meu entender, un mero accidente. Fíltrase de maneira directa da desintegración do sistema capitalista e da caída das tan renombradas democracias. O señor Moisés faríanos crer que non está consciente de cousas semellantes como a loita de clases, o conflito racial, os partidos e as ideoloxías políticas. Como todo ético capitalista, ignora no absoluto a historia da clase traballadora, a súa pugna por un lugar baixo a luz do sol, o seu combate contra o imperialismo. Simplemente afirma: "Non matarás". Pero, a quen se refire con ese mandamento? Quere dicirnos que as masas oprimidas do Congo non deben levantarse contra os seus opresores belgas? é que se opón a todo tipo de revolución? é que o señor Moisés non sabe, ou só pretende ignorar a sanguenta loita do mundo proletario pola existencia? E os demais mandamentos caen dentro da mesma categoría. Por exemplo: "Non roubarás". Un non pode roubar, pero tampouco un non pode explotar ao obreiro. Non foron Rockefeller, Ford e Morgan uns ladróns? E francamente reaccionario aquel mandamento que reza: "Non cobizarás... a muller do teu próximo, os seus asnos, os seus bois..." Este mandamento lexitimiza o curso da propiedade privada e é moi probable que sexa a razón pola cal Os Dez Mandamentos foron recibidos tan calorosamente polos imperialistas. Detrás de todos estes "mandamentos" descansa unha ben enmascarada glorificación do capitalismo e de todos os seus erros. Os Dez Mandamentos son o estertor final dun sistema desgarrado. De acordo cos pensamentos de Marx e Lenin, Os Dez Mandamentos e o seu triunfo non son máis que unha especie de exotismo e un síntoma de que o capitalismo rompeu a súa máscara de respetabilidade e amosa á máis primitiva forma de propaganda e de burla literaria. Os Dez Mandamentos son reaccionarios, imperialistas e neofascistas...
O crítico psicólogo
O feito de que o señor Moisés sexa un escritor inepto, é incontrovertible. Os seus "mandamentos" vaporizan dunha mente que demostra unha ausencia absoluta de autocriterio e de penetración nas concavidades da alma humana. O seu "Non cometerás adulterio", por exemplo, é, desde o punto de vista psicolóxico, absurdo e sen sentido. Pódeselle pedir ao corazón humano non sentir cobiza? é que seica o señor Moisés nunca leu Anna Karenina ou Madame Bovary, sen mencionar outros traballos como O amante de Lady Chatterley e algúns máis? Con todo, o mandamento que máis impacta ao lector é aquel: "Honrarás ao teu pai e nai..." Calquera crianza no seu berce sabe, nos nosos días, que os seus pais son responsables da maioría dos seus complexos infantís. Toda a ciencia da psicanálise descansa nos complexos de Edipo e Electra. O odio reprimido dos pais é a fonte de innumerables neuroses. Pero, segundo parece, o señor Moisés xamais ouviu nada de Sigmund Freud: propón un absoluto respecto aos pais. O porqué semellante masa de ignorancia psicolóxica poida adquirir tanta popularidade nesta época é en verdade un enigma. é unha manifestación da nosa era neurótica en contra da psicanálise e de toda a psicoloxía en xeral. Os Dez Mandamentos son unha labazada ao rostro da psicoloxía moderna, un rexeitamento a todo esforzo por iluminar e conducir a psique do home. O enorme éxito dos Dez Mandamentos explica a resistencia da presente xeración a todo esforzo intelectual. Eu diría que o señor Moisés é un antiintelectual ou talvez só un beatnik, con todo o que iso representa. Os Dez Mandamentos son os mandamentos dun beatnik para os beatniks. Serán esquecidos xunto cos beatniks...
O crítico tiquismiquis
Debo salientar que o señor Moisés non é a metade de simple do que pretende ser nos seus Dez Mandamentos. Vexo estes como un golpe de sutil sarcasmo que debe ser analizado e entendido partindo desas bases. Os Dez Mandamentos tentan dicir: "Así é como debería ser o mundo se todos considerasen en serio as diversas relixións e aos seus interlocutores". O señor Moisés é, cando moito, un ateo, e cando menos, un agnóstico. O feito de que a xente tome tan en serio estes "mandamentos" non é culpa do señor Moisés. Non é a primeira vez que a masa toma con entusiasmo palabras escritas de xeito tendencioso. O señor Moisés, sen dúbida, alimenta un gusto pobre na lectura media dos nosos días, e temos que admitir que non se topa demasiado trabucado na súa apreciación. Os Dez Mandamentos penetran de forma profunda no mundo literario como a máis intelixente das sátiras e parodias do século XX.
O crítico antisemita
Se é que algún dos nosos lectores aínda esconde dúbidas respecto dos Protocolos de Sión e do complot xudeu para conquistar o mundo, Os Dez Mandamentos convencerano dunha vez por todas. O señor Moisés é un xudeu e o Deus de que el fala é un Deus xudeu. Mándanos: "...o día sabático... é santo". Rememora que os xudeus foron desterrados da terra de Exipto... Os "mandamentos" en si mesmos son a máis poderosa indicación posible da dexeneración e perversión xudías. Se o matar é un pecado, entón todos os heroes nacionais de todas as razas da historia foron criminais. Se o matar e o adulterio son crimes, entón toda a historia do mundo é unha historia de crimes; e toda a literatura do mundo, desde Homero até Genet, unha literatura do submundo. "Non amarás outro Deus que non sexa Eu. Non crearás imaxes que me representen..." é un rexeitamento evidente da historia da arte a través de todas as idades, desde os ídolos primitivos até a máis nova manifestación. Yavé, así como toda a súa xente, desexa monopolizarlo todo e non deixar nada aos arios. Ningunha propaganda antisemita podería espir tanto a alma do xudeu e a súa cobiza por dominar ao mundo, como estes dez "mandamentos", que son máis ben un plan perfectamente concibido para apoderarse da Terra, escravizar os seus pobos, as súas culturas e toda a civilización contemporánea. O éxito dos Dez Mandamentos demostra como de lonxe avanzaron os xudeus no seu plan demoniaco. Non esaxeramos ao sinalar que existen dúas obras entre as cales o mundo debe atopar o seu futuro: A miña loita, de Hitler, e Os Dez Mandamentos, de Moisés. Se o mundo escolle o suicidio, Moisés o xudeu proporcionaría unha perfecta heligrafía...
O crítico dunha revista xudía
A pesar de que o nome de Moisés é xudeu, nós cremos que o autor destes "mandamentos" non é en realidade xudeu. Podería mesmo ser o pseudónimo dun antisemita. Os comentarios sinalan que Moisés foi traído por unha princesa exipcia. é posíbel que o tan nomeado Moisés sexa realmente un árabe da terra de Nasser? As nosas sospeitas fundaméntanse nos seguintes factores: 1. Todo o estilo dos Dez Mandamentos non é xudeu. Adoece por completo da calor xudía, diso que os nosos inimigos chaman "cursilería". O estilo literario dos Dez Mandamentos é moito máis seco e ten o corte militar da orde dun xeneral ou das frases da diatribas de Goldwater. 2. Por que particulariza o señor Moisés en que os xudeus debemos observar os mandamentos de non roubar, non matar ou cometer adulterio? Trátase dunha implicación soslaiada de que, en particular nós, estamos faltos de virtudes morais, mentres que os demais son un rabaño de santos cordeiros? 3. Non se menciona nin a un só xudeu ou organización nestes "mandamentos". De feito, o señor Moisés exclue a cuestión xudía e o problema do antisemitismo. Esta e outras situacións aumentan a nosa sospeita de que o señor Moisés está na lista dos inimigos do xudaísmo mundial. E como un factor estatístico, desde que os "mandamentos" foron publicados o antisemitismo no mundo aumentou entre o 3 e o 3.4 por cento. Estes "mandamentos" son un don divino para Toynbee e compañía. Cremos que a liga de Anti-Difamación debería iniciar de inmediato unha investigación dentro desta mancha antixudía que se establece entre a moralidade de clase media e o chauvinismo xudeu.
O crítico historiador
Deixando de lado os demais defectos, Os Dez Mandamentos emanan do prego. O señor Moisés copiou, palabra por palabra, o Código de Hamurabi, quen viviu hai catro mil anos. Algúns dos "mandamentos" de Moisés foron atopados nos papiros exipcios. O folleto enteiro non contén unha soa idea fresca, nin un só argumento que inspire o pensamento dun. Os "mandamentos" son ambiguos por completo e, de feito, non teñen ningún valor á luz da experiencia do home nos últimos milleiros de anos. Non é de dubidar que o señor Moisés descubra eses "mandamentos" nalgunha roca ou taboa antigas e que os copiou letra por letra. O éxito destes "mandamentos" é, para o que escribe, a indicación de que estamos a atravesar por unha regresión á idade do xeo e, quizais, á de pedra. E desde este punto de vista, o triunfo dos Dez Mandamentos é un triste fenómeno.
O crítico dun xornal obreiro
Mentres que grupos organizados se desgarran na loita contra os grandes negocios capitalistas por semanas de catro días hábiles, o señor Moisés violenta ás clases traballadoras para que traballen seis días e descansen só no día sabático. Recomendamos de maneira vigorosa que os nosos irmáns dos grupos organizados rexeiten este canto do cisne da reacción.
O columnista chismógrafo
Rumorease nos arredores de Broadway que o sagrado Moisés, do best seller Os Dez Mandamentos, abandonou á súa esposa, Zipporah, no seu pavillón, para coquetear coa súa coqueta etíope durante estas noites. A irmá do playboy, Miriam, está tan enoxada que lle saíu roña en todo o corpo... E este o seu informante tamén ouviu que Moisés está a acicalar ao seu irmán Aarón, para o sacerdocio...
A crítica dunha revista feminina
A ecuación do señor Moisés entre unha muller, un boi e un asno, é un insulto para todo o sexo feminino. Segundo parece, el considera á muller como propiedade do home. Esperamos que as nosas lectoras saberán oporse de forma unánime contra este anacronismo...
O crítico dun periódico provinciano
Tan lonxe como chega a miña comprensión dos Dez Mandamentos, estes están feitos para ser asimilados, non só para servir simplemente como un ensaio literario e, debo dicilo, desde ese punto de vista, son máis que perfectos. Se a humanidade se propuxese firmemente seguilos, o mundo converteríase nun paraíso. Pero o señor Moisés resulta inxenuo se agarda que o mundo tome os seus mandamentos de xeito serio. Serán lidos e esquecidos, a menos que Hollywood decida convertelos nunha superproducción cinematográfica.
Isaac Bashevis Singer (Radzymin, Polonia, 1904- Nova York, 1991) foi fillo e neto de rabinos. Recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1978. A totalidade da súa obra literaria escribiuna en yiddish, a súa lingua materna. Da súa ampla bibliografía salientar "Satán en Goray", "A familia Moskat", "No tribunal do meu pai", "Inimigos, una historia de amor", "O mago de Lublín", "Un amigo de Kafka" "Un día de placer" e "Sombras no Hudson", novela póstuma.
1 comentario:
Excepcional “post”. Moi bo traballo. Tomámonos a liberdade e a licencia de recomendalo dende o noso bloge, si ben e certo que morremos da envexa por non telo publicado nós.
Publicar un comentario