Había ben tempo que non lía eu poesía. Moito e sempre demasiado tempo. Fun outrora grande lector e modesto escritor neste xénero case invisíbel pero imprecindíbel. E revisitei o mundo dos versos grazas ao galano de Carlos. Porque onte recibín un paquete de Viena. Traía o máis sagrado que pode ter un Ser Humano. A súa alma en tinta, letras e espazos respirados.
Grazas de corazón Carlos polo agasallo, grazas pola fermosa dedicatoria, grazas tamén por lembrarte de min en Budapest. Todáh.
Na contracapa deste libro di: "Neste libro compartirás certo exilio, mais un exilio necesario: o que nace da perda, da estranxeiría, da desposesión. Non pertence as xigantescas burbullas de alienación e esquezo que propicia o capital. É irmán daquelas outras voces que foron expulsas as marxes do sistema, de calquera sistema. Aquelas outras voces que por coñecer a perda coñecen o dereito á identidade. Carlos Pénela non se comprace aquí no tempo pasado: constata a súa sombra e abre os ollos á inquedante inminencia dun suceso: un suceso que se chama nada".
"Sombras, rosas, sombras" foi gañador no ano que andamos do VI Premio de poesía Caixanova. E gañar non é estraño a Carlos. Cóntovos...
No ano 1998 publica "As linhagens do frío" (Premio Espiral Maior de Poesía). No ano 1999 obtén o XIII premio "Rosalía de Castro" da Asociación Galega de Cornellá, e no 2001 aparece "Acaso o inverno", co que gaña o premio "Eusebio Lorenzo Baleirón". No 2004 publica "O que ardeu nos espellos" co que obtén o accésit do XXIV Premio Esquío de Poesía.
Chegoume onte un paquete de Viena.
No hay comentarios:
Publicar un comentario