Unha atinadísima reflexión de Ignacio Camacho sobre as duplas varas de medir, a hipocresía e outras flores.
Ao pacifista de garda pilloulle de vacacións o bliztkrieg ruso. Estaba a ver os Xogos na tele do chiringuito cando entre brazada e brazada de Michael Phelps decatouse da guerra lóstrego sobre Xeorxia. Así, de súpeto, o pacifista de garda tivo un ataque de zozobra, esa confusa cosquilla de incerteza de non identificar de inmediato aos bos e os malos da historia. Ese Putin, sempre tan ambiguo; por unha banda fillo do kremlinismo de última fornada, e polo tanto inclinado ao contrapeso do liderado norteamericano; por outro adaíl dun neocapitalismo turbulento de mafias, plutócratas e autoritarismo de Estado. Arrogante, pouco de fiar, frío e viscoso como un peixe, ao momento de que estaba o tipo tan campante na cerimonia de apertura olímpica cando xa ordenara o ataque militar.
O pacifista de garda non sabía a que aterse, a cal dos perfís putinescos reaccionar, cara onde orientar a súa sesteante conciencia de activista no verán.
Se fora Israel o atacante, algún bombardeo de represalia sobre Líbano ou Siria, as cousas estarían claras. Ou se se tratase dalgunha agresión de Estados Unidos a través dalgunha nación monicreque. Carne sen ósos: o imperialismo sionista ou ianqui violando a sacra tregua olímpica. Pero o asunto pintaba espeso e afastado; o Cáucaso, esa polvoreira no que sempre resulta tan difícil dilucidar quen ten razón.
O pacifista de garda buscou na prensa un mapa para orientarse sobre Osetia do Sur, e atopouse cun conflito enrevesado de independentistas prol-rusos e un fondo escuro de limpeza étnica. As imaxes non resultaban tranquilizadoras; feridos en destartalados hospitais, tanques sobre un chan de cascallos e metralla. E as noticias falaban de miles de mortos.
O pacifista de garda mirou inquieto o seu teléfono móbil a ver se chegaba algunha consigna, algún sms de protesta, algún indicio de mobilización. Pero o aparello ficaba tan quedo coma o mar; só entraban alertas con resultados de Pequín e o positivo dunha ciclista española. Ninguén reaccionaba, mecachis.
Así que o pacifista de garda decidiu agardar. Ao día seguinte, de novo no chiringuito da praia, os xornais xa traían algo de doutrina intelixible. Falaban dun presidente de Xeorxia proestadounidense que trataba de ingresar na OTAN, de oleodutos de petróleo que fornecen á Unión Europea, de posibles vetos de Rusia ou de China no Consello de Seguridade da ONU. As instancias internacionais redactaran comunicados intimidatorios e facían xestións diplomáticas para o cesamento do fogo. E algúns artigos de fondo suxerían que Bush dera o visto e prace á incursión xeorxiana que ocasionou a resposta de Putin. A cousa íase aclarando, pero ao pacifista de garda incomodábanlle as cifras de mortes e non acababa de atoparse a gusto consigo mesmo, nin de topar en Putin a un tipo de confianza. O móbil seguía silente e a España custáballe traballo gañarlle en baloncesto a China. Entón entrou un sms: Rusia suspendía o ataque e daba por pechada a operación de castigo.
O pacifista de garda suspirou cun alivio profundo e sincero, mirou a escuma suave das ondas e pediu unhas gambas e outro tinto de verán.
2 comentarios:
Canseime de aplaudir este pequeno dardo vitríólico...
En fin.. ás veces a realidade supera a ficción.
No coment.
Publicar un comentario