"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







jueves, 21 de julio de 2011

Os cafés de Viena...



Por Henrique Veltman


http://www.asa.org.br/


Cando a xente le os libros de Elias Canetti, xorden os cafés de Viena, locais preferidos dos artistas, escritores e políticos de esquerda, xeralmente comunistas. No principio do século pasado, Viena era a capital do Imperio Austro-Húngaro, cunha vida cultural intensa, nalgúns casos superior á de París e Berlín. A cidade era animada por un equipo de intelectuais e artistas, na súa maioría, xudeus. Os cafés reunían xornalistas, poetas, romancistas, pintores e arquitectos famosos, moitas veces acompañados de mulleres, bonitas ou intelixentes (ás veces, bonitas e intelixentes). A ese público xuntábanse tamén médicos e psicoanalistas, políticos socialdemócratas e revolucionarios bolcheviques, mais tamén grupos de antisemitas, futuros nazis. Por exemplo, o Café Central, situado ao carón do palacio Ferstel, na Herrengasse, fundado en 1876, pechado en 1943 e reaberto, novamente, en 1982. Velaí aquí os nomes dalgúns dos frequentadores máis famosos do Café Central, da súa época dourada, anos 1900, até o advento do nazismo: Viktor Adler (1852-1918), cofundador do partido socialdemócrata austríaco. Social-chauvinista durante a I Guerra Mundial, non se entendeu ben con Trotsky, que coñecera e axudara en 1907. Era pai do Friedrich Adler, quen disentiu politicamente del. Friedrich Adler (1879-1960), político socialdemócrata e revolucionario austríaco, fillo de Viktor Adler. Foi opositor da política de guerra e, en 1916, asasinou ao primeiro ministro da monarquía Austro-Húngara, conde Karl von Stürgkh. Mais cumpriu só un ano de prisión, grazas ao término da guerra. Otto Bauer (1881-1938), político socialdemócrata, unha das figuras de proa do marxismo austríaco. Despois de participar en gobernos dos socialistas cristiáns, Bauer encabezou a resistencia ao fascismo de Dollfuss e partiu cara o exilio en París, en 1934, morrendo alí meses despois do Anschluss. Lev Davidovitch Bronstein, Trotsky, viviu en Viena de 1907 até 1917. Era cliente fixo do Café Central, onde habitualmente xogaba ao xadrez. Discutía alí política cos socialistas austríacos, mais viría a ter mala opinión deles, por non seren revolucionarios. En outubro de 1917, o presidente do goberno austríaco, conde Heinrich Clam-Martinic, anunciou aos seus pares a eclosión da revolución bolchevique en Rusia, engadindo que "o seu instigador foi, ao parecer, o señor Bronstein do Café Central". Alfred Adler (1870-1937), médico, psiquiatra, psicanalista. Rompeu en 1911 con Freud, con quen en 1902 fundara a Sociedade Psicanalítica de Viena. Alfred Adler fumaba o seu xaruto no Central, mais Freud prefería o Café Landtmann. Sigmund Freud frecuentaba ás veces o Café Central. Poderiamos imaxinalo sentado nunha mesa de canto coa súa discípula, amiga e admiradora Lou Andreas-Salomé. Theodor Herzl (1860-1904), natural de Budapest, viviu en Viena. Foi o fundador do moderno sionismo político. Foi sucedido no liderado do movemento polo húngaro Max Nordau. Peter Altenberg (1859-1919), bohemio e escritor xudeu, está imortalizado nunha estatua no propio Café Central, sentado nunha mesiña, preto da porta de entrada. Figura non convencional e extravagante, usaba sandalias, vivía en hoteis, era señor dunha xigantesca colección de postais ilustradas (máis de 10 mil) e era tido por pedófilo. Recibía o seu correo persoal no Café Central, mais tamén frecuentaba o Café Museum e o Café Landtmann. Viena.

No hay comentarios: