Por Juan Manuel Aragüe
Islandia debería ser noticia, portada de informativos. Por que? Pois porque en Islandia, a cidadanía tomou as rúas, cacerola en man, para mostrar a súa radical oposición ao seu goberno. E a mobilización cidadá non só provocou dúas crises de goberno, senón que forzou un proceso constituínte, a redacción dunha nova Constitución que evite que se repitan situacións como as que se produciron ao longo desta crise global.
A información foi sempre un arma de poder. Controlar a información é controlar o que a xente coñece e, polo tanto, condicionar a súa visión da realidade e, con ela, as súas accións. Nas nosas sociedades mediáticas, a información converteuse no centro da batalla política, pois o acceso dos cidadáns ao mundo, á realidade, realízase a través dos medios de comunicación. A súa potencia púidose comprobar estes días cos sucesos do Magreb, onde as mobilizacións se estenderon como a pólvora grazas á televisión e internet.
O que non aparece nos medios, non acontece. Esa é a máxima que se debeu de aplicar co estrañísimo caso de Islandia. Si, Islandia. Islandia debería ser noticia, portada de informativos. Por que? Pois porque en Islandia, a poboación tomou as rúas, cacerola en man, para mostrar a súa radical oposición ao seu goberno. E a mobilización cidadá non só provocou dúas crises de goberno, senón que forzou un proceso constituínte, a redacción dunha nova Constitución que evite que se repitan situacións como as que se produciron ao longo desta crise global. E que situacións son esas?
Os tres bancos principais de Islandia lanzáronse, ao abeiro do neoliberalismo rampante, a unha política de compra de activos e produtos fóra das súas fronteiras. Como ocorreu con numerosas entidades bancarias, eses produtos resultaron ser lixo, desa que a Rodrigo Rato lle parecía unha estupenda aposta financeira cando era director do FMI, o que levou ás citadas entidades á bancarrota polas súas débedas en Holanda e Gran Bretaña. O goberno islandés procedeu a nacionalizar os bancos e a asumir as súas débedas. Iso supuxo que cada cidadán de Islandia se vise cunha débeda de 12.000 euros. Como ocorre por todas partes do planeta, a mala xestión de entidades privadas debe ser enxugada por institucións públicas e, polo tanto, pola cidadanía no seu conxunto. A diferenza radica en que os cidadáns islandeses, ante o escándalo da situación -escándalo que é asimilábel ao que sucede en todos os países occidentais- se rebelaron contra o seu goberno. Así, lanzáronse á rúa, esixindo que non se pagase a débeda doutros. Uns outros que cando teñen beneficios non se acordan dos cidadáns e os estados, pero que recorren ansiosos a eles cando se atopan en situacións de apuro. O goberno, que insistía en pagar a débeda, pola presión do FMI e dos gobernos de Holanda e Gran Bretaña, viuse forzado a convocar un referendo, no que o 93% da poboación negouse a pagar a débeda doutros. Iso provocou unha crise política de profundas dimensións que desembocou en dúas crises de goberno e na creación dunha comisión de cidadáns do común encargados de redactar unha nova Constitución. Os islandeses fartáronse de que lles tomen o pelo e decidiron tomar o seu destino nas súas propias mans.
O caso é sorprendente. Pero o que se cadra resulta máis sorprendente é que este proceso, que se vén desenvolvendo nos dous últimos anos e que está en plena efervescencia, cunha ofensiva do Partido Conservador para declarar ilegal o proceso constituínte, que este proceso, insisto, non mereza un só comentario nos informativos. Cando os volcáns de Islandia estalaron hai meses, as súas cinzas cubriron Europa e provocaron un enorme caos aéreo. Probabelmente, o temor de que as cinzas do volcán político islandés provocasen efectos sociais en Europa é unha explicación plausíbel deste silencio. O efecto contaxio, vímolo no Magreb, é unha das características da sociedade mediática.
Os islandeses amósannos un camiño diferente para saír da crise. Tan sinxelo como dicir abonda e lembrar que a política, e quen a exerce, debe estar ao servizo da cidadanía, e non dos intereses de entidades privadas cuxa voracidade, cuxo egoísmo, cuxa falta de ética (véxase o caso dos recentes bonus por 25 millóns de euros a directivos de Cajamadrid ou 55 de Amadeus) está na orixe desta crise. En Islandia cursouse orde de detención contra os executivos das entidades en cuestión. En Islandia, arrecantando os partidos sistémicos, empeñados, como aquí, en someterse aos ditados dos mercados, a cidadanía converteuse en protagonista. Os islandeses dixérono claro: que as débedas as paguen os que as xeran, que a crise a pague os que a produciron.
Tirado de El Periódico de Aragón, do 17 de febreiro de 2011
No hay comentarios:
Publicar un comentario