"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







sábado, 27 de noviembre de 2010

Piano bar...


Ramiro Fonte (1957-2008)

.
Desde os recantos ve moito mellor o mundo,
Por iso nos locais onde teñen piano,
Brillan os instrumentos nos ángulos agudos
Para que a pianista poida xulgar o mundo.

Desde os recantos ve moito mellor o ambiente,
E as máscaras que cobren o rostro dos fracasos,
Poi iso a pianista toca desde un recanto
Pezas que son coartadas para xulgar o ambiente.

Desde os recantos caza misteriosas historias,
Os tácitos desexos que un garda na memoria:
Tódalas pianistas son verdadeiramente
Cazadoras furtivas de historias misteriosas.

E a pianista sabe que desexo a muller,
Que, buscador da prata dunha melena loira,
E duns ollos de gata, dos que tiña memoria,
Eu entrei no local perseguindo a muller;

Que, estratego, escollín este lugar na barra,
Que se pedín un whisky foi para vela ben,
Traidora a case todos nunha soa mirada
Que cruza, río secreto, e morre nesta barra.

Sospeita que os espellos son lagos traizoeiros,
Que acaban aboiando sobre as augas paradas
Os devezos pactados e rotos, sen palabras,
Que eu son ese afogado nun lago traizoeiro.

Mais, se cadra, ela ignora que somos os poetas
Detectives urbanos que pescudan nas vidas,
Curmáns de Baudelaire, destas descoñecidas,
Que chegamos a amalas porque somos poetas.

Seres da multitude, nós amamos a tódalas
Que escriben, coa mirada, unha novela negra:
Sobre ilícitas músicas, nós poñemos a letra
E, ó lermos a novela, esquecemos a todas.

Un estraño instrumento chamado corazón
Que soe ter as cordas algo desafinadas,
Pode aquelarlle ritmo á clandestina ollada
Coa que a muller me entrega, escuro, o corazón.

A pianista pensa que o final desta historia
É un verso de bolero, entre inxenuo e fatal,
Por iso busca as notas que cortan, melancólicas,
O fío das historias sen final.

No hay comentarios: