"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







domingo, 18 de octubre de 2009

Os tristes...


Por Suso de Toro


É un día magnífico. Teñamos dificultades ou nos vaian as cousas ben o sol loce cunha medida de calor xusta, todo brilla e é un día fermoso. E debo sentarme aquí a escribir de cousas tristes, non porque non haxa problemas senón por causa de quen nos traen tristeza sen darnos nada a cambio. Este domingo camiñarán persoas polas rúas de Santiago porque hai quen goza creando problemas e traéndonos tristeza. Unha cousa é ser serio e outra ser alma triste, as persoas de alma triste non deberian gobernar nunca ningún país, tampouco Galicia. Hai explicacións para a política de Núñez Feijóo de desmantelamento da lexislación que protexe á lingua galega, desde explicacións psicolóxicas, autoodio, a cálculos para obter beneficios persoais e partidistas. é unha política moi racional para conseguir os dous obxectivos que se pretenden: o principal, dividir á sociedade galega, e o secundario actuar con decisión para acabar co galego como lingua realmente existente entre nós. Probablemente calcularon que bastalles unha xeración máis para que o galego desapareza sen volta atrás: en dúas lexislaturas, oito anos mantendo a presión, deixaría de escoitarse o galego ao noso ao redor e só se mantería como unha lingua ritual en cerimonias.


É triste esa intención. Un acaba traballando de calquera cousa pero cando se lle pregunta que quere ser de maior case ningún neno responde, "verdugo". (Nin sequera a profesión de enterrador ou incinerador, que non nos falten, ten moitas vocacións). Que estraña atracción pola soga e a tesoira. E polas labazadas, labazadas ao neno e a nena que agora son homes e mulleres. A muller das labazadas chama ao programa dunha emisora de radio coruñesa na que volven discutir, outra vez, se A Coruña se debe chamar outra vez oficialmente A Coruña. É unha voz alterada e chea de pathos, non se pode discutir con ela. Está chea de rabia e non negocia, trátase da súa vida e a súa vida non é negociable, como todo o mundo necesita que a súa vida teña sentido por iso grita que a ela lle quitaron o galego a labazadas" e que está moi ben. E non se lle pode discutir porque fala da súa ferida e a súa ferida e a súa rabia son súas. "Teño 73 anos e levo toda a vida vivindo na Coruña. Pois mira, cando eu era nena, falaba en galego, como todos os do barrio, pero cando fuí á escola, sacáronmo a base de castigos e sopapos. Pero claro, agora que falamos castelán, pois á Coruña chamámoslle así, La Coruña, en castelán; e se lle chamamos así, por que nos queren meter agora A Coruña?, pois porque nos queren meter o galego..." Esa dor e humillación e a de tantas xeracións de nenos e nenas alimenta agora de novo a caldeira da máquina de sumar votos nesa cidade e en toda Galicia.


Xeracións de galegos foron tratados como cans, como ao can castigóuselles para que aprendesen os trucos que quería o amo e aprenderon a facer as grazas que se lles mandou. Eses somos nós, nós, a muller das labazadas é a nai de todos os galegos e galegas. Só cabe dicirlle: "Non te preocupes, non che farán máis dano, descansa. E podes falar o que queiras, o que che pete. Non consentiremos que che dean máis labazadas, nin a ti nin aos teus netos. Descansa". Desa vella e triste rabia afogada no peito aliméntanse esta nova xeración dos da tesoira, confían na nosa vergoña. Confiados en que seguiriamos cargando a vella vergoña de ser quen somos, utilizaron a escola e aos nosos fillos para que trouxesen a casa a máis triste papeleta. Os nosos fillos carteiros do seu matonismo, preguntándonos de novo se queremos que os nosos fillos sexan galegos así ou asá. A utilización dos nenos foi a suprema frivolidade, a irresponsabilidade sen límites.


Con que xogan? Xogan con todo, coa convivencia, cos nenos...? Non hai límites? Mentres, na vella Casa Branca un novo presidente negro xoga na herba co seu can, chámase Bo. O seu nome é galego, vén do latín "bonum", e chegoulle desde Brasil. O mesmo Brasil onde os brasileiros falan con orgullo a mesma lingua que aquí pretenden que nos avergoñe. Pois non, non nos avergoña ser o berce desa gran lingua dos xogos olímpicos de 2016, e non van conseguir humillarnos para que nos avergoñemos. Se non lles gusta ser galegos, váianse coa súa tristura.




No hay comentarios: