"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







viernes, 11 de abril de 2008

Non somos nin socialdemócratas...

Por Xavier Rupert de Ventós

Eu avergóñome dos meus pecados, está claro, pero tamén dos da miña especie, da "natureza humana" que carrexo. Desa especie, por exemplo, que foi incapaz de dotarse dun sistema económico un pouco menos besta que o puro e duro darwinismo social, onde prospera sempre o máis forte. E que cando o intentou -co comunismo, por exemplo- pronto se transformou nunha burocracia tan cruel como ineficiente: niso acabou o marxismo nas nosas mans. A nosa natureza humana non está á altura dos nosos ideais. Hoxe, a touro pasado, resulta fácil dicir que é lóxico que fracasase aquela cura de cabalo marxista dogmática e mesiánica. Pero non é só iso o que fracasou. Igual sucumbiron neste mundo os intentos máis "realistas" e comedidos como as curas paliativas keynesianas, socialdemócratas ou reformistas, que só prosperaron para seguir alimentando esa especie de neoliberalismo que padece a nosa especie. Na miña época universitaria aos socialdemócratas chamábaselles "socialtraidores". Logo, cando se comprobou que a Revolución non era unha necesidade científica nin histórica, moitos comunistas comezaron a chamarse, eles agora, socialdemócratas, á vez que engadían o verde ao vermello. E non pode faltar moito, penso eu, para que eses que se atreven aínda a chamarse "progresistas" veñan a identificarse simplemente como "optimistas". Cándidos e voluntaristas uns, cínicos ou resentidos outros, pero á fin e ao cabo non máis que optimistas. O que en calquera caso parece é que a nosa constitución, iso que chamamos a natureza humana, non está á altura dos ideais que ela mesma foi secretando e proclamando. A nosa inercia emocional, formada ao longo dos séculos, segue sendo o que é, segue estando onde estaba, e non parece sintonizar facilmente cos nosos proxectos racionais ou morais. Tratarei de explicarme tomando como exemplo: 1) o noso comportamento como pais e 2) o comportamento do propio Marx como sogro.
1. deixaramos de crer na utopía dunha sociedade xusta, equitativa e saudable onde todos os homes serían iguais por decreto. Pero eramos, aínda eramos, polo menos eramos socialdemócratas. rebaixaramos o nivel dos nosos ideais pero non renunciaramos a eles. Se non era posible a absoluta xustiza e igualdade entre os homes -"a cada un segundo as súas necesidades, etcétera"- si cabía aspirar a unha igualdade de oportunidades: a que a saída polo menos fose igual para todos, que todos tivesen a mesma educación, as mesmas oportunidades, as mesmas chances. Pero aí estaba esa natureza humana disposta a defenderse con uñas e dentes: para desmentir coa nosa conduta, punto por punto, a máis mínima convicción socialdemócrata. Seica non investimos na educación dos nosos fillos para que saiban máis que os outros? Para que non saian do mesmo punto de partida nin nas mesmas condicións; para que dispoñan dunha "vantaxe competitiva"; para que obteñan uns títulos cuxo valor, como sempre, é precisamente a súa escaseza. Cando todos teñen xa a licenciatura, os nosos han de ter un máster; cando os outros teñan xa o máster, enviarémoslles a especializarse a Estados Unidos. Aínda queremos que aprendan inglés porque a maioría non o falan, pero por pouco que teñan éxito os proxectos de xeneralizar esta lingua, ensinarémoslles aos nosos alemán, árabe ou chinés: calquera cousa que os outros non teñan aínda; o que sexa para que os outros non dispoñan do mesma provisión de recursos e munición que os nosos. Pensamos como socialdemócratas, en efecto, pero actuamos como ventaxistas.
2. A relación de Marx co seu xenro Paul Lafargue sérveme de segundo exemplo. Paul Lafargue é o autor dun libro magnífico titulado "Eloxio da preguiza": o único texto marxista que se atreveu a enfrontarse ao culto ao traballo -"o heroe laboral fronte ao malvado capital"- que impregna desde o principio a ideoloxía marxista. Lafargue resultou ser un mozo mestizo antillano que se namorou dunha filla de Marx coa que acabaría casándose, conspirando en Barcelona e por fin suicidándose a carón dela. Pero de momento era só un pretendente que solicitaba a Marx permiso para saír coa súa filla. E se non recordo mal, a resposta por carta de Marx, tan besta como enternecedora, vén dicir: "Non crea vostede, señor meu, que eu teña nada contra os mestizos, pero debe vostede comprender que a miña filla é unha señorita decente e decorosa, afeita ás relacións formais e morixeradas que caracterizan aos países civilizados. E eu temo que a excesiva paixón propia de países máis quentes e con maior promiscuidade que en Europa poidan chocar á miña filla e atentar á súa natural modestia". Descubrimos aquí un papá preocupado pola doncellez da súa filla, igual que andamos nós preocupados en dar aos nosos fillos máis recursos e oportunidades que aos demais. E non, nin Marx é xenófobo nin nós de dereitas; nin el é un puro vitoriano, nin nós meros neoliberais. É a nosa maldita condición, a nosa tan enternecedora como cruel obsesión polas crías, as que falan e sobre todo actúan por nós.
Xavier Rubert de Ventós é filósofo.
El País 07.04.08

2 comentarios:

Sr. J dijo...

Textualmente a carta de Marx a Lafargue dizia:

1. Se quer continuar as suas relações com a minha filha [Laura] terá que reconsiderar seu modo de "cortejar". Vosté sabe que nom hai compromisso definitivo, que todo é provisório; inclusive se ela fora a sua prometida em toda regra, nom deveria esquecer que se trata dum assunto de longa duraçom. A intimidade excessiva está, por isso, fora de lugar, se se leva em conta que os namorados terám que habitar a mesma cidade durante um período necessariamente prolongado de duras provas e de purgatório [...] Ao meu juízo, o amor ver­dadeiro manifesta-se na reserva, a modéstia e inclusive a timidez do amante ante o seu ídolo, e nom na liberdade da paixom e as manifestações de umha familiaridade precoce. Se vosté defende o seu temperamento crioulo, é o meu dever interpor a minha razom entre esse temperamento e a minha filha [...]

2. Antes de estabelecer definitivamente as suas relações com Laura necessito sérias explicações sobre a sua posiçom econômica. Minha filha supom que estou ao corrente dos seus assuntos. Trabuca-se. Nom tenho colocado esta questom sobre a mesa porque, ao meu juízo, a iniciativa deveria ter sido sua. Vosté sabe que sacrifiquei toda a minha fortuna nas luitas revolucionárias. Nom o sinto, no entanto. Se tivesse que recomeçar a minha vida, agiria da mesma forma [...] Mas, no que esteja nas minhas mãos, quero salvar a minha filha dos empecilhos com os quais se encontrou a sua mãe.

Sr. J dijo...

... e por suposto que nom hai nada de direitoso nem de racista nessas frases. Hai simplemente a preocupaçom dum pai pola sua filha, e tenho que dizer que com toda razom. Cae-me bem o Lafargue, mais era um elemento de coidado, e de feito levou a Laura a um triste final: suicidando-se conjuntamente quando se lhes acabárom os cartos e a saúde. Ser socialista nom tem nada a ver com ser punki ;-)

Por certo, a obra de Lafargue pode-se atopar, traduzida ao galego-português, em dous posts de OutraEsquerda:

http://outraesquerda.blogspot.com/2007/10/paul-lafargue-o-direito-preguia.html

http://outraesquerda.blogspot.com/2007/11/paul-lafargue-o-direito-preguia-e-ii.html

Ah, por certo, um que si era "socialdemócrata" era o Lenine, ou polo menos se alcumava de tal jeito ao começo...