Porque un condón vibrador desatou un feroz debate na India sobre se é un xoguete sexual ou é un medio de control natal. Os xoguetes sexuais están prohibidos neste país, así que o polémico preservativo causou indignación no estado de Madhya Pradesh, cando se descubriu que unha empresa estatal estaba involucrada na súa promoción publicitaria. O paquete de tres condóns, marca Crezendo, contén un dispositivo en forma de anel que funciona con baterías e seica non reviste perigo nin para o membro viril nin para o buraco que cada quen empregue. Os críticos din que de feito se trata dun vibrador, e xa que logo, debería de ser prohibido. Os aparellos eróticos e a pornografía son ilegais na India. "Máximo pracer" Hai tres meses, o condón tivo un lanzamento sen moita fanfarria en todo o país. Nese momento, os seus detractores non se decataron de que tiña respaldo gobernamental. Unha mensaxe promocional da empresa, Hindustan Latex Limited, describe Crezendo coma un produto que "ofrece o máximo pracer ao producir fortes (!!) vibracións". Iso provocou a protesta entre os sectores conservadores da India, entre eles, o propio Ministro de Madhya Pradesh encargado de Industria, un tal Kailash Vijayvargiya, quen sostén que só se trata dun xoguete sexual e nada máis. "Os xoguetes sexuais están prohibidos na India e o aparello vibrador non é outra cousa máis que un xoguete sexual que se está vendendo coma condón. "O traballo do goberno é promover a planificación familiar e medidas de control demográfico, máis que publicitar produtos para o pracer sexual", dixo o preocupado Ministro. A empresa Hindustan Latex afirma que o novo condón foi lanzado para promover o uso de condóns co obxectivo de previr a expansión da Sida. "O produto foi lanzado co obxectivo primordial de enfrontar a caída no uso do condón... Unha razón de peso citada polos usuarios era a falta de pracer cando usaban condóns. "Así que engadimos o anel vibrador como potenciador do pracer. O anel axuda a manter o condón en posición ademais de producir un efecto vibrador", dixo un voceiro da empresa. Se decidimos que é un xoguete, ben podería ser a solución ao veto da igrexa católica ao uso de métodos anticonceptivos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario