"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







lunes, 7 de agosto de 2017

Austrian Hospice de Jerusalem


Un dos aspectos máis fascinantes de Xerusalén é a existencia, no seu interior, de distintos "mundos" ou "illas". Camiñando polas súas rúas, tanto da Cidade Vella coma da nova, o visitante pode atoparse con distintos letreiros de centros de estudo ou casas para peregrinos que foron creados polas distintas nacións europeas, dacabalo entre os dous últimos séculos, para a acollida dos seus peregrinos en Terra Santa. Algúns son moi característicos, coma o fermoso Hospicio austriaco de Xerusalén.

Na cidade vella, na esquina da rúa que conduce da segunda á terceira Estación da Vía Dolorosa, atópase a entrada a un gran palacio. Fundado en 1857, o Hospicio austriaco da Sagrada Familia foi oficialmente aberto en 1863. Ate 1918 o Hospicio serviu como residencia para o cónsul de Austria en Xerusalén, que exercía de protector dos católicos. En 1939 o Hospicio foi confiscado polos ingleses por ser unha "propiedade alemá". A mesma casa foi utilizada como prision de luxo para os sacerdotes austriacos, alemáns, italianos e membros de distintas congregacións relixiosas. En 1987 o edificio foi completamente restaurado e, un ano despois, reaberto ao público.

A súa marabillosa cafetería é de estilo marcadamente vienés, é coma entrar nunha auténtica Wiener Kaffeehaus. Nas paredes hai cadros de emperadores e príncipes de outrora. Xunto á máquina do café, na parede hai un fermoso crucifixo do século XVII. Vese que aquí aínda non cederon á febre das lámpadas brancas de baixo consumo. A luz é moi cálida. A atmósfera coa música suave é clásica. O chan, as mesiñas e as cadeiras almofadilladas con bordados vermellos. 

Hai tamén un frondoso xardín que é a parte exterior do café e como remate de luxo unha impresiobante terraza con espectaculares vistas de Xerusalén. Unha viaxe na terra e no tempo en plena capital de Israel.



















No hay comentarios: