"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







jueves, 4 de febrero de 2016

Hadar Cohen Z"L


Mentres as autoridades e a sociedade palestina non condene, non rexeite nidia e radicalmente o terrorismo -sinto ter que dicilo- mais non hai nada que facer. Nada. Mentres esa postura clara da AP non se produza, a sociedade israelí vivirá obrigatoriamente á defensiva. E será un estéril engano pensar no posíbel reinicio das conversas de paz entre israelís e palestinos.

Porque o prioritario para calquera Estado que teña que render contas aos seus cidadáns, é tentar garantir o seu lexítimo dereito á vida. E a actual onda terrorista palestina que leva provocado perto xa de medio cento de vítimas a súa inmensa maioría civís, anula calquera posibilidade realista de achegamento e de avance cara a imperiosa necesidade de atopar pontes que conduzan, máis cedo que tarde, a resolución do conflito coa fórmula que todos xa ben sabemos: Dous Estados nacionais para Dous Pobos. Un Estado xudeu para Israel e un Estado árabe para Palestina. Este é o resultado que resolverá o nó do conflito, mais as fórmulas para poder aplicalo fican cegadas mentres unha mínima confianza vital non impere entre as partes.

Quen pense que o problema pode resolverse por exemplo chantaxeando a Hierro para que non vaia adestrar a Israel, ou boicoteando cultural, económica, deportiva, politicamente aos cidadáns israelís, e que pense que así vaise conseguir algún avance na procura dunha paz xusta entre as partes, ou ben vive na irrealidade, ou ben realmente non ten interese en colaborar e contribuir na pacificación, só ten interese na revolta e nos neopogrom antixudeus.
Onte unha rapaza israelí, Hadar Cohen, de 19 anos, xunto con outra compañeira que está ingresada en estado moi grave, conseguiron evitar na entrada da Cidade Vella de Xerusalén unha brutal masacre planificada por tres terroristas palestinos que armados con fusiles, chalecos explosivos e machetes, pretendían perpetrar un novo acto de yihad contra os centos de civís que a esas horas entran e saen pola fermosísima Porta de Damasco da Cidade Vella de Xerusalén.

Hadar Cohen faleceu vítima das múltiples feridas que sufriu ao interpor literalmente o seu corpo entre os terroristas e os peóns que fuxían aterrorizados do lugar.

Hai persoas que merecen da nosa gratitude aínda que por vivir e morrer a milleiros de kilómetros de distancia poida parecer que o noso xesto é superfluo ou innecesario.
Hadar Cohen é sen dúbida unha delas. Imposíbel saber cantas persoas hoxe viven grazas a súa valentía, intelixencia e xenerosidade. Hai unha sentenza xudía que di que quen salva unha vida salva un mundo enteiro. Hadar Cohen é unha desas boas e xenerosas que engrandecen a malpocada condición humana.

E dende Galicia, a unha grande distancia física, pero tamén a unha grande cercanía humana, quero enviarlle aos familiares e amigos e a propia Hadar o meu recoñecemento.

Un bico Hadar

No hay comentarios: