"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







lunes, 8 de julio de 2013

A Peneira: Entrevista con Xoán Bascuas




Entrevista realizada por Tino Lago e publicada no xornal A PENEIRA nº20 (04.07.13)

AP - EN MOITAS OCASIÓN TEMOS ESCOITADO DE DIRIXENTES DE COMPROMISO INCLÚÍDO VOSTEDE, FALAR DA VOCACIÓN DE CxG DE SER O QUE DENOMINAN “PARTIDO NACIONAL DE GALICIA”. QUE QUERE ISTO DICIR EXTACTAMENTE? QUE COMPROMISO POR GALICIA ASPIRA A XOGAR EN GALICIA O ROL QUE EN ESCOCIA, EUSKADI OU CATALUNYA XOGAN O SNP, PNV OU CiU?

Xoán Bascuas - Exactamente, aínda que a estas alturas poda soar pretencioso, temos ese obxectivo no horizonte. Fíxese que fala de forzas políticas que no eixo esquerda-dereita ocupan posicións diferentes, pero que desempeñan ese papel nos seus respectivos países. Entendemos que, sen renunciar ao galeguismo, progresismo e socialdemocracia que nos define, cómpre unha forza política coa ambición de exercer ese rol. Só cunha organización partidaria que actúe dese xeito se poderá chegar á maioría da cidadanía galega necesaria para alcanzar maiores cotas de autogoberno.

AP – O GOBERNO DA XUNTA PRETENDE LEVAR A CABO UNHA REFORMA ELECTORAL NA QUE AFIRMA QUERER AFORRAR E PARA ELO REDUCIRÍA O NÚMERO DE DEPUTADOS NO PARLAMENTO GALEGO. CxG VEN DE PRESENTAR UNHA PROPOSTA ALTERNATIVA A ESTA DO PARTIDO POPULAR. EN QUE CONSISTE A VOSA?

Xoán Bascuas - O Partido Popular pretende converter 90 centímetros nun metro. Que quero dicir con isto? Que, coa coartada dos recortes, o PP vai perpetrar unha reforma que incremente a bonificación que xa actualmente ten a forza política nas eleccións autonómicas. Así, por exemplo, nos pasados comicios autonómicos, o PP apañou o 54,6% dos escanos cando non alcanza o 46% dos votos. Coa proposta que quere levar a cabo, podería darse o caso de que co 42% poidera alcanzar o 56% dos votos, daí que diga de que pretende converter 90 centímetros nun metro. O sistema electoral galego pasaría a ser menos proporcional que moitos dos sistemas electorais maioritarios coñecidos. O PP, que estas cousas pensáas moito, e sabe que non hai ningún sistema electoral inocente, formula a súa proposta nun contexto que sabe que unha parte importante da cidadanía pode acoller de moi bo grado a súa proposta. Despois de tanto recorte e tanto sufrimento económico, hai xente que vai ver con bos ollos que amolen aos políticos. E isto dificulta enormemente facer que acolla unha resposta alternativa. Como vai facer, xa que logo, Compromiso por Galicia para darlle resposta a isto? Primeiro enunciando unha proposta construtiva, que evidencia que o aforro non consiste en reducir deputados que van cobrar o mesmo, senón que haxa o mesmo número, pero cobrando menos. 

A nosa proposta implica un aforro de 14 millóns de euros en catro anos mediante a limitación a 3.000 euros do soldo dos deputados, a redución dun 25% das asignacións aos grupos parlamentarios e a minoración nun 30% do gasto corrente. Con este xeito de proceder, non habería que esperar ao 2016 para aforrar que é o que acontecería coa iniciativa do Partido Popular, xa que bastaría un acordo da Mesa do Parlamento para facelo efectivo, poidendose aforrar desde o minuto un. Tamén propomos mediante a reforma da propia lei, a eliminación do mailing, e a reducción da asignación por voto e por escano acadado, o que suporía un aforro de máis de dous millóns de euros. No tocante ao estritamente electoral, a proposta presentada por Compromiso por Galicia a primeiros do mes de xuño consiste basicamente en manter os 75 escanos, facendo do país unha circunscrición única, cun sistema de listas desbloqueadas e suprimindo a barreira legal e un método proporcional puro para a asignación de escanos. Con todo, insisto que a nosa proposta vai alén dos mecanismos do propio sistema de eleccións; tamén falamos de redución do período de campañaa, da regulación dos debates nos medios de comunicación, ou das listaxes brancas. 

AP – HAI ENTRE A CIDADANÍA UNHA GRAN DESAFECCIÓN COA CLASE POLÍTICA EN XERAL. A CORRUPCIÓN TEN CHEGADO A NIVEIS REALMENTE ESCANDALOSOS. QUE TEN QUE DICIR COMPROMISO SOBRE ISTO? HAI XEITO DE EVITAR A CORRUPCIÓN POLÍTICA?

Xoán Bascuas - Creo que é innegábel que esa desafección é xa un feito contundente. Dase o paradoxo que esa distancia entre partidos, institucións e cidadáns prodúcese nun momento no que máis se fala e se participa en política. A xente, pola desafección mencionada, pode ser máis apartidaria, pero non apolítica. E certamente, a falla de comportamentos e condutas éticas teñen alimentado todo iso e tamén mermado a calidade democrática.
Precisamente, en relación a esta última valoración, Compromiso por Galicia presentou no mes de febreiro unha proposta de Iniciativa Lexislativa Popular de Medidas de Prevención da Corrupción Política, que a Mesa do Parlamento, nomeadamente o PP e o consentimento do PSOE, non permitiu que fora adiante.

O obxectivo non era tanto denunciar o que pasa, senón diseñar unha serie de medidas preventivas. A iniciativa tomaba como referencia outras experiencias existentes noutras latitudes, como son o caso da ficha limpa da lexislación brasileira, os criterios marcados pola organización Transparencia Internacional e a propia proposta do Fiscal Superior de Galicia da creación do Consello de Prevención da Corrupción, figura existente na República portuguesa dende o ano 2008. Estas medidas debían ir acompañadas da exemplaridade na conduta nos representantes políticos galegos, e unha actuación pedagóxica orientada ao cambio dunha cultura política enormamente instalada no imaxinario colectivo, así como do endurecemento do castigo a aqueles que non cumpren.

AP – COMPROMISO POR GALICIA NACEU HAI UN ANO FUNDAMENTALMENTE NUTRIDA DUNHA ESCISIÓN DO BNG. PERO É EVIDENTE QUE PARA CONSEGUIR MEDRAR E SER ALGO NA POLÍTICA GALEGA SERÍA NECESARIO QUE CxG ATRAERA A MOITA XENTE QUE NON FOI DO BNG OU INCLUSO QUE FOI DO PSOE OU DO PP. QUE TEN QUE DICIR VOSTEDE A ESTES POTENCIAIS VOTANTES QUE AGORA VOTAN A OUTRAS FORZAS OU NON VOTAN?

Xoán Bascuas - Coido que na política galega hai que sacudirse certos prexuízos. En Compromiso por Galicia entendemos que non hai que preguntarlle á xente de onde ven, senón a onde quere ir.
No tocante ás procedencias políticas da nosa filiación, pois hai de todo: xente que xa participara noutros proxectos e xente que non. Mesmo diría que a maioría dos compañeiros e das compañeiras non proceden do BNG.

Hai proxectos políticos que se autocalifican de galeguistas, pero fano en fraude de lei. Non pode haber galeguismo se non se fai desde forzas políticas que estean chantadas no país, sen dependencias alleas. Esa credibilidade tena Compromiso. Nos facemos o que dicimos. Defendemos as listas abertas, sen trampas, cartóns ou planillas e así foio como se escolleu o noso Consello Político Nacional no Congreso constituínte de febreiro; defendemos o modelo de primarias para a elección de candidatos e así o fixemos, con moitas limitacións e moi mellorábeis, pero fixémolo. Defendemos o empoderamento da toma de decisións no ámbito local e así o practicamos na nosa estrutura organizativa. E tamén defendemos que as principais decisións deben ser colectivizadas e velai que teñamos preparado o mecanismo do referendo militante ou as convencións para as políticas de alianzas.

A política debería ser ante todo credibilidade e coerencia. E tamén escoita activa coa cidadanía. E estas premisas son cumpridas por Compromiso.

AP - DESDE A IRRUPCIÓN DE BEIRAS NO PARLAMENTO O BNG RADICALIZOU DE XEITO MOI OSTENSIBLE O SEU DISCURSO. NESTE ESCENARIO , UNHA OPCIÓN GALEGUISTA DIFERENTE DAS PROPOSTAS DE BNG E AGE PODE TER ESPAZO PARA DESENVOLVERSE. COMO O VE VOSTEDE?

Xoán Bascuas - No tocante ao espazo ideolóxico, no medo de perder o tren que tomou Euskadi e Cataluña, hai quen pensa que oportuno é correr máis. É unha opción. Pero ese camiño non coñece de atallos e nos temos que ir avanzando co pobo, co seu ritmo, pero sen perder o tempo, sabendo que é necesario un labor pedagóxico e que o contexto galego non é o mesmo que o dos países que acabo de mencionar. A situación en Euskadi e Cataluña é a que é porque gobernou durante 30 anos o nacionalismo. Pois iso, nós ao noso; ese tamén é o xeito de practicar o galeguismo, sen mimetismos con outras nacións.

AP – NESTA LEXISLATURA DO PARLAMENTO GALEGO A INDISCUTIBLE RAÍÑA É A CRISPACIÓN POLÍTICA CANDO NON A ABERTA HOSTILIDADE. DESDE COMPROMISO POR GALICIA PENSAN VOSTEDES QUE SE PODERÍA FACER DOUTRO XEITO?

Xoan Bascuas - Dicía Simón Bolívar que da paz podemos agardalo todo e da guerra só o desastre. Trasladado ao ámbito político e parlamentar semella que o desastre está garantido. Tirarse ao monte non val de moito, aínda que cómpre recoñecer que as cousas están como para armala. Pero a xente non só precisa un estado de ánimo. Ademais, esperando que ninguén o tome a mal, esa práctica a quen favorece é ao PP, que ve como unha parte do electorado que tiña decidido deixar de apoialo retorna a darlle o seu soporte ante o que eles ven como agresión e inseguridade para o que eles entenden que é a orde e o correcto.

Non basta só con paralos ou facerlles fronte. Tamén hai que saber propoñer, en positivo e construtivamente. O PP tamén radicalizou o seu discurso no 2009 e así estamos; sen horizontes e sen solucións. Os problemas seguen aí. Pois ben, despois da guerra, ten que vir a paz. Ademais, para facer o mesmo que os demais, xa chegan eles.

No hay comentarios: