De Isaac Asimov
A Terra enteira agardaba que o diminuto buraco negro a levara ao seu fin. Descubriuno o profesor Jerome Hieronymus polo telescopio lunar, no ano 2125, e estaba claro que ía achegarse o suficiente como para provocar unha destrución completa mediante grandes marusías. Todo o mundo fixo testamento, chorou e despediuse con amargura dos seus parentes e amigos:
- Adeus, adeus, adeus...
Os esposos dixeron adeus ás súas esposas, os irmáns dixeron adeus ás súas irmás, os pais dixeron adeus aos seus fillos, as solteronas dixeron adeus aos seus animaliños domésticos e os namorados rumoreáronse despedidas ao oído. Pero a medida que o buraco negro se aproximaba, Hieronymus observou que non había efecto gravitacional. Estudouno con máis atención e anunciou, rindo, que en realidade non se trataba de ningún buraco negro.
- Non é nada -explicou-. Só é un asteroide corrente que alguén pintou de negro. A multitude enfurecida matouno, aínda que non polo erro. Matárono despois de que anunciase que escribiría unha comedia conmovedora sobre todo o episodio.
- Titularase -engadiu- Moitos adeuses para nada.
Toda a humanidade aplaudiu a súa morte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario