"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







miércoles, 12 de diciembre de 2012

Interesante entrevista con Xoán Bascuas...

A só tres días do Congreso Constitinte de Compromiso por Galicia onte o xornal dixital Praza.com publicaba esta entrevista que coido ten interese non só polas previas a cita congresual senón tamén polo futuro de CxG como forza galeguista na procura da súa consolidación.

"Queremos transformar este país e o primeiro é configurarmos unha alternativa de Goberno"

Unha entrevista de David Lombao - 12.12.2012

Compromiso por Galicia atópase nun momento de "definición" do que "quere ser" no futuro. Ás portas do seu primeiro congreso no que, o vindeiro día 16, se constituirá como partido político, o seu líder, Xoán Bascuas, reflexiona sobre o camiño a seguir. Dende a asunción dos "malos resultados" colleitados no seu primeiro paso polas urnas, o pasado 21 de outubro, Bascuas mantén que CxG ten futuro e marxe para afianzarse no panorama político do país, tamén para ser "alternativa" ao actual Executivo do PP.

Tras as urxencias para concorrer ás eleccións e despois da análise máis 'en quente', que balance fai dos resultados de Compromiso o 21-O?

Os resultados non é que non fosen satisfactorios, é que nin por asomo se aproximaron ao esperado, nin sequera na última semana de campaña, na que houbo unha dinámica bipolarizada entre o PP e Xosé Manuel Beiras. Foron malos. Que contribuíu a ese resultado? Os nosos referentes, sendo coñecidos, non o son tanto como outros líderes. Esa dinámica bipolar non nos favoreceu a nós e a ningunha outra forza máis que ao PP e AGE. Pero nós tamén temos responsabilidades, temos que ser autocríticos: non dispuxemos dunha definición clara ou, mellor dito, non fomos quen de que a xente percibise que tiñamos unha definición clara, ao que se engadiu a etiquetaxe que outros facían por nós.

De cara ao seu congreso ese é un dos obxectivos, clarificar as liñas básicas do que é CxG e ubicar o partido dentro dos eixos clásicos de esquerda-dereita, do nacionalismo?

Interésanos moito deixar claro onde nos ubicamos nos parámetros clásicos da cuestión ideolóxica. E aí hai un debate tan intenso como interesante. Todo apunta a que nos imos manexar nos eixos do galeguismo e do progresismo e tamén da socialdemocracia. Hai emendas que non queren unha definición tan clara no eixo esquerda-dereita e hainas de quen quere profundar moito máis nese sentido. A sensatez, a vontade integradora e a xenerosidade terán que facer que academos un espazo no que todos nos sintamos cómodos. Viñemos dicindo que non nos importan as etiquetas, pero quizais importen moito máis.



Esa definición pode axudar a realizar unha travesía que, se cadra, pode ser considerada no deserto ou, cando menos, de inicio dun novo camiño ata vindeiras convocatorias electorais?

Non me gusta moito a expresión "no deserto", porque ten unha orixe bíblica vinculada a Moisés, que non milita en Compromiso [ri]. Este congreso é para que nós saibamos que queremos, como o queremos e onde queremos chegar. De aí que sexa importante non só a participación da xente, senón que exista un amplo grao de satisfacción co que se acorde, porque con eses vimbios temos que construír o noso futuro. Hai un elemento engadido que hai que poñer en valor: nestas eleccións non hai ningunha forza política con vontade de constituír unha alternativa de Goberno real a Feijóo. Houbo unha que non gozou de confianza suficiente e mesmo baixou en votos e escanos, o PSOE, e as outras dúas presentáronse como forzas de oposición aguerrida e contundente, pero non como alternativa de Goberno. A nós, humildemente, gustaríanos non só presentarnos no eixo ideolóxico, senón presentar o que queremos facer e como o queremos facer, acreditando en que para transformar este país o primeiro é configurar unha alternativa de Goberno. Non pode ser que alguén diga que nunca vai participar nun Goberno galego, porque unha forza política non pode ter vontade unicamente de oposición.

Isto acontece nun momento de reflexión interna en varias forzas políticas, tamén no propio PSdeG-PSOE. Compromiso aspira a ser o referente de parte do electorado e da base social dos socialistas?

Hai movementos no PSOE que a propia militancia debe xulgar. Por enésima vez hai un segmento que, inasequible ao desalento, persevera na idea de transformar o PSdeG-PSOE nun partido galeguista e socialdemócrata. Creo que os feitos demostran de forma redundante que iso é materialmente imposible, como ten amosado a súa conduta no Congreso dos Deputados, votación tras votación, sempre que se puñan en xogo os intereses de Galicia. Se aí hai quen, seguindo preceptos ideolóxicos, se define baixo os parámetros do galeguismo e da socialdemocracia, ten que saber que ten sitio para ser construtivo e proactivo en CxG, ese é o seu lugar. É lóxico que o ámbito de traballo sexa ese.

Os textos que están a debater estes días sintetizan a aposta política de Compromiso en termos de “revolución tranquila”. Como a concretaría?

Hai tres modelos de acción política: a reforma, a reacción e a revolución. E a reacción e a revolución poden ser cruentas. Pero, que hai máis revolucionario que o sentido común? Agora mesmo estamos na contudencia verbal, quéresenos retraer a épocas pretéritas nas que a palabra era empregada como arma arreboladiza, nas que a proclama incendiaria se pretendía utilizar como argumento político... Propoñer sensatez, medidas en construtivo, co diálogo como ferramenta principal en democracia, para min é unha revolución feita dende o apouso, a serenidade, o sentidiño e a tranquilidade.

O primeiro gran horizonte de Compromiso serán as municipais de 2015?

Se todo vai co ordenamento previsto, as eleccións de principal impacto serán as municipais. Tamén vai coincidir cunha iniciativa coa que empoderamos as agrupacións locais, que van ter unha ampla autonomía á hora de manexarse, poderán tomar elas principalmente as súas decisións. Temos vocación municipalista sen perder o horizonte de que Galicia e unha nación; tense entendido que ambas cousas son contraditorias, pero non é así. Temos tempo para implantarnos territorialmente nas localidade nas que non temos presenza e é no que traballaremos.



Apostan por implantarse directamente ou seguir na liña inicial, de cooperar con outras forzas de carácter local?

A cooperación é para nós unha máxima que queremos incorporar ao noso acervo político. As municipais van depender moito das decisión de cada agrupación local, outra cousa é que poidamos dar orientacións a nivel xeral. Na miña opinión o que é importante que saiba a xente é que o nome de Compromiso por Galicia irá nas papeletas das municipais. Nós non somos aínda unha marca coñecida, temos que traballar moito nese sentido.

Todo este proxecto terá que estar encabezado por persoas concretas. Todo apunta a que vostede seguirá á fronte...

O noso procedemento vai ser por listas abertas e haberá que ver como se desenvolve. Haberá xente que participou no proceso constituínte e que continuará nos vindeiros anos de traballo

No hay comentarios: