"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







martes, 31 de marzo de 2015

Un xogador de baloncesto




Dicía o mestre John Ford, que a grande diferencia entre o cinema americano e o resto das cinematografías, eran os actores secundarios. Eses personaxes de pouco brillo, poucas palabras, poucas esceas, pouco protagonismo, pero esenciais para completar as pezas do máxico puzzle co que se constrúe unha película. No basket sucede exactamente o mesmo. O brillo, as vitorias e o éxito dos grandes equipos da historia e de hoxe, susténtase nun dificil e complexo xogo de mecano no que os xogadores secundarios, xentes de oficio, serios, currantes, bos profesionais, pouco eco mediático e sen o glamour das estrelas, son absolutamente indispensables. 

Hoxe a tarde, despois de 27 días desaparecido atopouse o cadáver de quen fora toda a súa carreira, xogador no Club Baloncesto Valladolid, no histórico Forum, Lalo García. Non sei que puido pasar pola súa cabeza para tomar a dramática decisión de pedir o cambio, deixar o balón sen bote e abandonar a cancha. Non o sei. En todo caso, fora cal fora o motivo, o meu respecto, o meu sincero agradecemento polas horas e anos de basket das que puiden desfrutar grazas a xogadores secundarios coma el. 

Descanse en paz Lalo Garcia. Un xogador de baloncesto.

jueves, 19 de marzo de 2015

Álvaro Cunqueiro e os xudeus galegos


(...) As xuderias galegas tiveron unha grande importancia na Idade Media e o galego, o xudeu, ficou no país. Poucos xudeus sairon cando a expulsión na época dos Reis Católicos.

E un ás veces soña se nestes xudeus galegos de Tesalónica, tan pobres e humildes, xentes de pena -que dicía o Profesor Molho- dedicados a carrexar leña e auga... se ficará algunha morriña de Galicia, destas vilas nas que el viviu, Monforte, Ribadavia, á beira dos ríos, terra do viño, onde debeu vivir moi ben e moi tranquilo durante moitos anos.

Entón eu penso que a estes xudeus podiámoslle dicir un pouco que tamén en Galicia queda unha certa saudade daquelas xentes, daquelas mulleres de nomes tan insospeitados, dona Niebla, dona Sol, dona Sorprendida -que debeu ser moi fermosa, claro!-.

Álvaro Cunqueiro (1911-1981)

Tirado da entrevista realizada a Álvaro Cunqueiro en 1978 para o programa "A FONDO" de TVE

lunes, 9 de marzo de 2015

New York aínda máis espectacular

“Gotham 7.5K” é o título dun traballo do fotografo Vincent Laforet. Para presentalo, abonda unha frase do autor: “Imaxínese asomado á porta aberta dun helicóptero a 2.200 metros sobre a cidade de Nova York nunha noite moi escura e moi fría”. 

O que puido ver Vincent é o que vemos nestas fotos súas. O que desde logo non se pode ver é o vento que azoutaba o helicóptero aquela neoiorquina noite escura e fría. Tivéronlle que atar cun arnés para poder asomarse ao baleiro e lograr así unha perspectiva espectacular da cidade de por si espectacular de Nova York. Na súa web podedes ver todas as imaxes do traballo: https://www.storehouse.co/stories/r3rcy-air-gotham-7-5k







domingo, 8 de marzo de 2015

Día da muller en Kabul


Un pequeno grupo de homes manifestáronse onte en Kabul ataviados con burkas en defensa dos dereitos das mulleres de Afganistán. “Vai ser o Día Internacional da Muller e o mellor xeito de entender como se senten as nosas mulleres é pasear levando un burka enriba” Quen así falou chámase Bashir, un dos manifestantes. Dende a miña comodidade de estar sentado tecleando diante dun computador en Vigo, o meu recoñecemento, a miña admiración e todo o meu ánimo para eles e por suposto fundamentalmente, para elas, as mulleres. Que son as que padecen a brutalidade inhumana dos cárceres en vida dos burka, nikab, chador, hiyab, veo... 

Hoxe, día internacional da muller unha lembranza moi especial as que non van poder manifestarse e tampouco recibirán a nosa solidariedade para -seica- "non caer na islamofobia" criticando esta inaceptábel situación das mulleres sob o islam.