Miguel Barros (primeiro pola dereita) no Parlamento galego a carón de Ceferino Díaz, Carlos Casares e Ramón Piñeiro
.
Por Miguel Barros
Gran parte da miña vida política no partido socialista estivo
marcada por un diálogo nunca concluido con Ceferino Díaz.
Personalidade especialmente hábil para a negociación conseguía
sempre salvar os seus obxectivos sen perder a credibilidade
ideolóxica dos seus principios.
Procedente do socialismo galeguista pódese
considerar a Ceferino o último mohicano político que mantivo no
PSdG-PSOE ergueita a bandeira dunha causa perdida na organización
estatal do partido.
Quedou so agarrado ó mastro da súa esperanza sen
límite, persuadido sempre de que na política, mentres se está,
pódese actuar e ser útil.
Ceferino sufreu tódolos golpes e empurróns
asistido pola súa vocación incombustible e pola firmeza das súas
conviccións. Acariciou a ilusión dun socialismo hispano
federalizado. Tentou un socialismo galeguista que sobranceara ó
poder institucional de alcaldes e deputados. Loitou por unha
organización ideoloxizada e democrática.
Flexible coma un xunco, adaptouse á realidade cruel
da correlación de forzas e tivo unha capacidade de sufrimento
inagotable para soportar o custe moral das maniobras e troques que
implica manterse no precario equilibrio do alambre do poder.
Apesares de reviravoltas e manobras, nunca ninguén
insinuou que as súas decisións tiveran outras motivacións que as
estrictamente políticas. Sobrio, austero e incorruptible, Ceferino
representaba á pureza das virtudes cívicas.
Participamos ardorosamente no debate sobor da
capitalidade. O seu traballo foi eficacísimo na negociación da fase
final do Estatuto de Galicia. Defendemos convencidos a primeira
moción de censura esgrimindo a primacía da institución
parlamentaria de Galicia. Estivemos xuntos no congreso de Lugo e
tristemente de costas no de Ourense. Fomos con Benito Dorgambide a
visitar e coñecer a estructura e funcionamento do parlamento de
Cataluña. Defendemos a autoridade do PSdG frente ós embates dos
localismos municipalistas. Ante a refundación do PSdG, proposta nos
últimos anos da década dos noventa, a nosa colaboración acabou de
quebrarse, pero nunca desmaiou a miña confianza na granítica
firmeza dos seus principios.
Ramón Piñeiro no alén recibirá a Ceferino para
acompañalo no camiño sinuoso das densas sombras do Hades. A
executoria inmarcesible das súas respectivas andainas políticas
quédannos como patrimonio moral da nosa comunidade nacional de
Galicia. Salve compañeiros!
No hay comentarios:
Publicar un comentario