"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







domingo, 28 de abril de 2013

O minarete xa non está



Hai uns días soubemos da destrución en Siria dun minarete do século XI. Cando a diario están a morrer decenas e mesmo centenares de persoas na guerra civil siria, pode parecer unha frivolidade reparar na destrucción dun minarete. Mais se serve para redirixir un pouco a mirada cara a unha guerra silenciada onde a tendencia ao fatalismo, a resignación, o cansazo e a indiferenza é cada vez maior pode que a destrucción do minarete teña cando menos a utilidade da denuncia dunha sanguenta guerra (in)civil na que en só dous anos morreron moitas máis persoas que en todas as guerras árabes-israelies desde o ano 1948. A diferenza de atención mediática é tan abismal que non é nin preciso buscarlle explicación… O minarete da Gran Mesquita de Aleppo construído no século XI era patrimonio da Humanidade e agora é só un monte de cascallos, O Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos indicou que o derrube foi provocado polos continuos enfrontamentos nos arredores da mesquita. As dúas partes cúlpanse mutuamente do derrube. A oposición afirma que un tanque do exército sirio disparou un proxectil que destruíu totalmente o minarete. Mentres que a axencia oficial de noticias, responsabilizou pola súa banda á oposición. O único realmente certo é que o minarete xa non está.

No hay comentarios: