"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







viernes, 12 de abril de 2013

Actúa Beiras na casa común...



Non falarei por evidente, de que se un xefe de goberno, en calquera parte do mundo democrático aparece fotografíado na compaña dun delincuente, este gobernante debe dar moitas, clariñas e rotundas explicacións. E chegado o caso, depurar responsabilidades (se houber). Acho que nisto todos estaremos dacordo, estou certo de que incluso os propios compañeiros de partido do gobernante fotografiado, aínda que loxicamente non o poden así manifestar en voz alta.

Repararei só, nada máis e nada menos, no patético, triste papelón da oposición no noso (tamén noso) Parlamento de Galicia. Que Xosé Manuel Beiras non é un político, no bo sentido da palabra, é algo que todos os que o coñecimos no BNG temos claro. Beiras é un actor, en exceso histriónico, repetitivo, e cun ego máis grande que a casa grande do galegos. Ver, escoitar a súa intervención hai uns días no pleno das “fotos douradas” é, ademais dun exercicio desde logo pouco woodysta, a demostración definitiva do que veño de dicir. 

Por moito que berre, chore ou ladre, as súas palabras soan ocas. A posta en escea, a teatro. Creolle si, por suposto, cando di estar doído polas mortes que a droga provoca e provocou, Sería desde logo unha mala besta de non estar doido.

Mais pregúntome por que non lle doeron entón hai só uns días, os millóns de europeos gaseados, cremados nos campos de experminio nazi? Como é que a morte brutal de centos e centos de galegos republicanos e galeguistas nos campos de Mauthausen, de Gusen ou Buchenwald...deixan a súa señoría indiferente? 

Estamos lamentablemente nunha lexislatura perdida. Carísima, pagada por todos e todas nós, pero perdida. O goberno seguirá no seu papel, onde a grande maioría dos galegos o colocaron, faga ben ou faga mal, e a oposición (con perdón) seguirá perdendo o tempo e gañando os cartos sen achegar case nada. Nin propostas, nin iniciativas útiles, nin intelixencia, nin tan sequera sentido común. 

Como dicía o inesquecíbel poeta verinés Xaime Noguerol...”que tristeza o cerebro”...

No hay comentarios: