Xoán Bascuas, Secreatario Xeral de Compromiso por Galicia - CxG
.
Unha entrevista de Xurxo Salgado para Galicia Confidencial
Santiago de Compostela - 22/02/2013
Xoán Báscuas ten moi claro que a actual división do nacionalismo galego fai difícil a unidade, aínda que sinala que "AGE e o BNG, aseméllanse cada vez máis" á hora de facer política. Destaca a fortaleza do proxecto de CxG e non pecha as portas a xente de Abrente "coa que hai moitas afiidades".
É o líder de Compromiso por Galicia. Unha formación "galeguista, progresista, da esquerda moderada e do nacionalismo posible". Nesta entrevista fala da iniciativa contra a corrupción que veñen de presentar na Cámara pero tamén da situación política actual. Advirtelle claramente a Beiras que ten que facer ofrecementos a todo CxG e "non a unha parte" e destaca que, aínda que o líder de AGE leva "ventaxa" na Cámara "non se visualiza" unha alternativa ao Goberno do PP.
Sobre posibles alianzas futuras, prefire non aventurar nada, aínda que lembra que entre os dirixentes de Máis Galiza que decidiron quedar no BNG "hai afinidades". Tamén apunta a que non ve que a unidade de todo o nacionalismo "sexa algo positivo".
Iniciativa novidosa e chega da man dun partido que non está na cámara. Cres que aos que están no Parlamento non lles interesa esta cuestión?
Quero pensar que si, pero non sei se lles interesa, se lles preocupa ou se lles ocupa. O feito comprobado até o de agora é o que se ten feito e o que se ten proposto, a constitución dunha comisión de estudo, de carácter non permanente. A nosa proposta de Iniciativa Lexislativa Popular é unha oportunidade para intentar unha reconciliación da cidadanía coa política.
Que pretendedes con esta medida?
Pois dar resposta a unhas das principais preocupacións manifestadas pola cidadanía. Somos moi conscientes de que o problema da corrupción non se vai resolver simplemente cunha normativa, senón cun cambio de cultura política e cun exercicio de exemplaridade por parte das persoas que representan á cidadanía.
E credes que chegará, finalmente, a ser debatida na Cámara?
O razoábel é ir pasiño a pasiño. Agora a Mesa do Parlamento decidirá se nos autoriza a recoller sinaturas. Se é así, dispoñeremos dun prazo de catro meses para conseguir un mínimo de 15.000 sinaturas. Chegado ese momento será no que se poda calibrar se será ou non debatida no Parlamento. Con todo, creo que non se entendería entre a cidadanía galega que esta proposta non chegase, cando menos, a ser debatida no Parlamento.
Houbo algún contacto con outras forzas parlamentarias para abordar esta cuestións?
Non, aínda non. Tampouco é o momento procesual. Se o Parlamento galego nos dá o visto e prace para a recollida de sinaturas, entón falaremos co conxunto da cidadanía e os seus axentes sociais, e non só cos grupos parlamentarios, cos que tamén falaremos, xa que unha medida destas características debería ser o froito dun acordo amplo, se non unánime, do conxunto da cidadanía galega e xa que logo, dos seus representantes.
E non cres que a erradicación da corrupción debe de ser un tema que una a todas as forzas políticas?
Si, claro, a toda a sociedade e, polo tanto, a todas as forzas políticas.
"Non todos os políticos son corruptos"
Ultimamente, política e corrupción están moi asociados. A imaxe do político está moi deteriorada. Non dá un pouco de vergoña dicir que un se dedica á política?
Si, certamente. Pero isto merece unha serie de matices. Primeiramente, está moi estendida a confusión entre a actividade partidaria e a actividade política, cando tamén hai moita política fóra dos partidos políticos. En segundo lugar, non todos os políticos son corruptos, de igual modo que non todos os políticos son iguais; quen afirme o contrario está claramente favorecendo á dereita, máis conservadora e permisiva con este tipo de condutas, desmobilizando ao electorado da esquerda e favorecendo a permanencia dos primeiros no poder. E terceiro, hai que devolverlle á política a súa concepción orixinal, máis republicana, a da cidadanía preocupada polo ben común e pola cousa pública; acaso hai algo máis nobre para un veciño ou veciña que loitar polo interese xeral da súa colectividade? Esa é a honorabilidade que hai que recuperar.
O outro día dicíame un veciño: "fóra con todos eles. Necesitamos xente nova". Cres que a rexeneración da política pasa por xente nova ou por novos xeitos de facer política?
Non creo que a idade teña que ser un factor necesario para a rexeneración; con todo, unha persoa que leva máis de 20 anos na primeira liña da actividade política dificilmente pode ser ningún sinónimo de rexeneración ou de novas formas de facer política. Pero tamén é certo que hai mozos moi carcas que non van ser identificados nunca coa renovación e a recuperación da política.
Logo das autonómicas do 21-O moitos pensaron que GxG desaparecía, pero aí está, e con máis forza, semella. Cal é a súa situación actual?
Para sermos sinceros, non tiven nunca a impresión de que houbera quen tivera a idea de que Compromiso desaparecería despois dos malos resultados as eleccións autonómicas. Máis ben recibín mostras de apoio e ánimo, sinalando que as “municipais son as vosas”, e que a nosa é unha forza política necesaria. E teño que engadir que unha boa parte dos que isto afirman son xente que recoñeceu abertamente que desta non votaron por nós.
Ao mesmo tempo tivemos un proceso constituínte o pasado 16 de decembro, que resultou impecable, no que nos configuramos como organización unitaria, e que na actualidade estamos a crear as Agrupacións locais e as comarcais, cun resultado ben satisfactorio.
Os ofrecementos de Beiras
Hai unhas semanas Beiras facía un chamamento a unha parte de Compromiso a integrarse en AGE. A que pensas que responde este convite?
Supoño que esta pregunta quen a pode responder é Beiras. El saberá por que o fai; probablemente teña moito que ver co pasado con anterioridade ás eleccións autonómicas e a búsqueda de autoxustificación. A estas alturas da película xa non é críbel un ofrecemento a unha parte, cando o que existe é un todo. Se quere falar, Compromiso por Galicia, ao completo e no seu conxunto, é unha forza política que acredita no diálogo con todo o mundo.
E logo de catro meses das eleccións, como ves o tensionamento da vida parlamentaria?
Nada que non se vira ao longo da década dos noventa. Mesmo creo que calquera analista un pouco avezado e cun mínimo de memoria darase de conta de que isto é a retroalimentación entre os polos opostos. Sabemos que agora hai unha pugna por liderar a oposición, na que Beiras leva vantaxe, ..., pero, con todo o respecto, non hai quen se visualice como alternativa de Goberno ao PP.
Unidade do nacionalismo
Tamén se abriron novos debates sobre a reunificación do nacionalismo. Cres que hai posibilidades nun futuro cercano ou haberá que agardar unha "longa noite de pedra"?
Nin unha cousa nin a outra. Primeiramente non creo que a unidade de todo o nacionalismo sexa algo positivo en todo momento e a calquera costa. A unidade implica a práctica duns valores democráticos, de fraternidade, de consenso, de amplitude ideolóxica. E hai ben tempo que non vexo, xa non digo esa práctica, senón nin tan sequera a mínima vontade. Con todo, aínda sendo moi cedo para falar de unidade, si vexo, na miña modesta impresión que AGE e o BNG se asemellan cada vez máis nas demandas, nas posicións políticas e nas formas de expresar a acción política. Porén, a alianza de Anova con IU dificulta esa posible unidade. Supoño que tamén haberá que ver como se encaran os sucesivos procesos electorais e se a alianza de AGE permanece no tempo.
Semella que o BNG vai cara o independentismo, que AGE aposta pola loita de clases. Ambas as dúas pugnan polos espazos de esquerda xunto co PSdeG. E cal é o espazo de CxG?
Compromiso por Galicia acaba de definirse como unha forza política galeguista, socialdemócrata e progresista. Xa que logo somos unha forza política que se manexa nos parámetros da esquerda moderada e do galeguismo posible. É Compromiso por Galicia quen se define a si propia e os nosos actos os que nos identificaran. Nós non imos ser o que outras forzas políticas queren que sexamos. Nós imos ser o que nós queiramos ser.
O centro, "un non espazo"
E pode ser a grande forza de centro nacionalista que moitos piden?
Eu non sei quen o pide e se son moitos ou poucos. Insisto en que vimos de definirnos nos parámetros que acabo de indicar. O centro en política é un non espazo, non existe como tal.
E hai espazo nesta forza para esa parte de Máis Galiza que quedou no BNG e que agora recelan da viraxe soberanista da UPG?
A resposta a esa pregunta é demasiado obvia: Compromiso por Galicia é unha forza política de portas abertas, que non lle pregunta a xente de onde ven, senón a onde quere ir. As afinidades entre Abrente e Compromiso son moitas. Con todo, cada quen ten os seus ritmos e os seus tempos, e decidan o que decidan sempre terán o respecto de Compromiso por Galicia.
Semella que o voso obxectivo son as municipais. Que agardades acadar neses comicios?
Poder consolidar a nosa proposta política. Estamos a asentarnos organizativamente no territorio e fica moito traballo por facer até chegar ás eleccións locais. En función de cómo vaiamos asentando Compromiso no País e desenvolvendo o noso traballo municipal, teremos máis claras uns obxectivos máis aproximados á realidade. Para empezar no noso Congreso fundacional decidimos dotar de máis capacidade de decisión ás Agrupacións locais e darlles máis protagonismo político e organizativo. Se somos quen de chantarnos a nivel local, poderemos dar máis pasos na construción da nosa proposta nacional.
No hay comentarios:
Publicar un comentario