"Beiras, goberna a túa casa e déixanos gobernar nós na nosa" X.M.Perez Bouza
Xosé Manuel Pérez Bouza expón nesta carta aberta a Beiras (AGE) a súa posición sobre a oferta realizada por este a unha parte de CxG. Lembra, ademais, como se xestou o proceso de AGE. Xosé Manuel Pérez Bouza, coordinador provincial en Ourense e un dos referentes políticos de Compromiso por Galicia (CxG), amosase moi crítico con Xosé Manuel Beiras polas seus "ofrecementos" a novos pactos dentro da coalición antisistema e anticapitalista de AGE. Así, nunha carta a Xosé Manuel Beiras, remitida a Galicia Confidencial, Pérez Bouza lembra todo o proceso que levou á división interna do BNG e, como despois, os distintos grupos excindidos desta formación decidiron optar por unha alternativa electoral ou por outra moi diferentes entre si. Destaca os fortes desencontros que houbo, despois, entre CxG e Anova, a pesares de que a militancia da primeira chegou a aceptar por unha puntual gran coalición electoral nacionalista. Pero, AGE, lembra o ex senador, preferiu ir coa sucursal de Izquierda Unida. Por iso, recomendalle a Beiras que "goberne" na súa casa e deixe gobernar a CxG na súa. "E así ate pode ser posible que no futuro poidamos entendermos polo ben da nosa Galicia", suliña. Nunha recente entrevista concedida a GC, tamén o líder de CxG, Xoán Báscuas, incidía nesta mesma idea. "A estas alturas da película non é críbel un ofrecemento a unha parte, cando o que existe é un todo. Se quere falar, Compromiso por Galicia, ao completo e no seu conxunto, é unha forza política que acredita no diálogo aberto con todo o mundo", sinalaba. A polémica entre AGE e CxG iniciouse tras a insistencia de Beiras -nunha entrevista na RG e no recente libro publicado sobre AGE- apostando por absorber a CxG.
Esta é a carta aberta ao divino:
.
Estimado Xosé Manuel:
Despois de escoitar a túas declaracións na Radio Galega, e de ler a a crónica sobre o máis que meritorio éxito electoral da coalición que co-lideras, puiden comprobar como nas dúas ocasións lle ofreces unha OPA a compañeiros/as que neste momento forman parte de CxG. Non son partidario de debater nos medios de comunicación, pero como, desde aquelas conversas na túa casa que quedaron en fume, non hai outro xeito de facelo, prefiro falar, aínda que sexa nos medios, que calar, por iso que din de que quen cala, outorga.
De entrada, estou de acordo contigo en que os afiliados da extinguida Máis Galiza son xente moi aproveitable. É máis, considéroos dos sectores máis lúcidos, máis nobres e máis xenerosos que tivo o nacionalismo de comezos do século XXI. Por iso estiven con eles cando estaba no BNG, e entre todos fundamos Mais Galiza e estou con eles agora en CxG. Só non estiven cando antes da Asemblea de Amio, decidiron, equivocadamente ao meu modo de ver, acudir a túa chamada, co único obxectivo de derrotar a UPG e convertirte a tí e Portavoz Nacional e a Aymerich en candidato a Xunta de Galicia.
Co que non podo estar de acordo é con algunhas afirmacións que ou ben ti directamente ou ben os autores, fan no libro, libro que eu considero unha auténtica AGEografía,.
Na breve introdución da devandita AGEografía, reitérase a versión (que os autores, coido que non se molestaron moito en contrastar) de que Compromiso non está en AGE porque “non estaban polo labor de entenderse con Esquerda Unida polo seu carácter federal”. Efectivamente, moitos recelabamos dunha alianza con EU, e non porque “Esquerda Unida” sexa xuridicamente unha ficción, que o é (por iso quen tivo que asinar as listas ao Parlamento nacional galego foi un deputado da Asemblea rexional de Madrid). Iso só sería un detalle formal se os seus militantes fixasen de forma autónoma a súa política en beneficio dos intereses de Galicia, independentemente do que diga IU ou Cayo Lara, cousa que non van facer e tempo teremos de comprobalo. Sobre o mesmo tema, Xosé Manuel, dis na túa entrevista publicada neste libro que “a última hora foron as bases as que forzaron á dirección a cambiar a posición de que “cos comunistas non”, aínda que non chegou a tempo”. A última hora, Xosé Manuel, o que sucedeu foi que as asembleas locais que quedaban por pronunciarse fixérono, por estreita marxe, a favor de integrarse en AGE, o que fixo que o cómputo global se inclinase, por marxe aínda máis estreita, nese sentido, e a Dirección de CxG, ten por costume executar os mandatos dos seus afiliados, que é un bo sistema democrático no que creo que ti tamén acreditas aínda que algunha que outra vez te tes esquecido de polo en práctica.
Se cadra é por iso que, no escenario que describen os obviamente subxugados autores da AGEografía, o papel das bases de Irmandiños-Anova é claramente outro. Describes brillantemente a creación de ANova como “o arquipélago en autoxestión, de abaixo a arriba, sen ningunha actitude de dirixismo nin de liderado do Encontro Irmandiño”, pero logo admites que na asemblea fundacional se votou para a executiva unha lista única de 75 membros (en CxG as candidaturas foron individuais). Igualmente, o transcendental paso de establecer unha alianza con EU, dado no 25 de Xullo, despois de superar a “esixencia (?) de Compromiso de ir xuntos o Día da Patria” é descrito así no libro: “Nos días previos, só os máis achegados sabían que ía facer pública esa reflexión. A esa altura xa hai constituídas unhas 40 asembleas de Anova por toda Galicia. Desde o estrado de Beiras, a proposta flúe cara abaixo ata os militantes de base, que a refrendarán por ampla maioría”. Ou sexa, despois da Rolda da Rebeldía, de centos de reunións asemblearias nas que participa tutti quanti, o de aliarse cunha forza política que ten o seu centro de decisión fora de Galicia, en contra do que tiñas predicando toda a túa vida, non se lle ocorreu a ninguén, nin se debateu “de abaixo arriba”. Afortunadamente foi a ti, Xosé Manuel, a ti si, e como dis no libro, tiñas a percepción de que había demanda e botácheste á piscina. É o que ten o carisma, que ninguén che nega. O respecto ás bases xa é máis discutible.
Todos, empezando por ti mesmo, sabemos que es un dos líderes políticos máis carismáticos que tivo e sigue tendo Galicia. Por moito que o libro estea inzado das enésimas modestas declaracións crepusculares, empezando pola que encabeza a entrevista: “Non podo ser o motor do grupo parlamentario de AGE. Xa non teño as enerxías, mentais nin físicas, para ser o motor”. Iso, o teu pasado e o teu presente, fai máis difícil de entender a estratexia que confesas aos teus entrevistadores para achegar cara Anova, a compañeiros/as que no seu día formaron parte de Máis Galiza: “E digo Máis Galiza porque é o importante en Compromiso por Galicia, onde hai Máis Galiza e hai outras cousas que eu chamo ironicamente dirixentes en procura de dirixidos. Entón, nós debemos non só ter a porta aberta, senón estimular discretamente e sen presión, mediante os contactos coas bases”. Difícil de entender por que ti en algunha ocasión e o teu “herdeiro político” noutras, sabes que vos reunistes con “eses dirixentes en busca de partido”, entre eles conmingo, para convencernos de que apoiaramos o voso proxecto político, antes de que alguén enchera a piscina esa á que te tiraches. Teño que dicirche nos 20 anos que levo na actividade política, nunca me considerei un dirixente, e moito menos tiven necesidade de andar a busca de partido, sempre me considerei dos “de abaixo”, como bos gusta dicir a vos, e sempre que tiven un cargo de dirección foi que mo ofreceron previamente, nunca me postulei e sempre contei co apoio do 100% dos afiliados/as. Agradécese, en todo caso, a “estimulación discreta e sen presión”, que lle ofreces ós meus compañeiro/as das extinguida Máis Galiza, para seguirte politicamente e aínda o meu agradecemento sería máis sentido, se lle dixeras para que, se para crear un gran Partido Nacional Galego, ou para reforzar a franquicia galega, de Izquierda Unida.
Só dúas cousas máis para rematar, que xa me estendín dabondo. A primeira recoñecerche o dereito que tes, faltaría máis, a escribir a túa propia historia, pero non a dos demais e moito menos a interpretala ó teu xeito, e a segunda e non por iso menos importante, dicirche que as pontes non se tenden tirando pedras e agardando que se encha o río delas para poder cruzalo logo. Así que goberna a túa casa, que o seu traballo dará, deixa que nós gobernemos a nosa, e así ate pode ser posible que no futuro poidamos entendermos polo ben da nosa Galicia.
Ourense, 25 de febreiro de 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario