"Ás catro da mañá, nunca se sabe se é demasiado tarde, ou demasiado cedo". Woody Allen







jueves, 21 de febrero de 2013

Iniciativa Lexislativa Popular contra a corrupción



A formación galeguista Compromiso por Galicia, ven de presentar no rexistro do Parlamento de Galicia un escrito para a promoción dunha Iniciativa Lexislativa Popular de medidas de prevención da corrupción política, conforme o disposto no artigo 4 da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro.

Ao acto acudiu o Secretario Xeral de CxG, Xoán Bascuas, xunto co resto de membros da Executiva Nacional, e tamén dos Coordinadores provinciais de CxG para que, en palabras de Bascuas “cumprindo os trámites legais, se admita a trámite esta iniciativa, para comezar logo a recoller cando menos as 15.000 sinaturas precisas para a toma en consideración no Pleno e subseguinte tramitación parlamentar”.

O dirixente galeguista cre que a corrupción en xeral, e nomeadamente a política, “é unha das cuestións que máis preocupan á cidadanía, e que contribúe á desafección e merma a calidade da nosa democracia”. Neste sentido, a presentación desta proposición de lei de medidas de prevención da corrupción política, “quere recoller esa preocupación, e non pretende resolver, castigar ou sancionar, senón prever”, aclara Bascuas. A iniciativa toma como referencia outras experiencias existentes noutras latitudes, e a propia proposta do Fiscal Superior de Xustiza de Galicia sobre a creación dun Consello de Prevención da Corrupción, figura esta xa existente noutros estados europeos.

Para finalizar, Xoán Bascuas cre que estas medidas deben vir acompañadas da “exemplaridade na conduta nos representantes políticos, e unha actuación pedagóxica orientada ao cambio dunha cultura política instalada no imaxinario colectivo”, así como do endurecemento do castigo a aqueles que non cumpren.




.

No hay comentarios: