Por Rafael Cuíña
El Correo Gallego - 27.10.12
A sociedade galega vive nun permanente vórtice que arrastra cara o seu centro as aspiracións de moitos, democraticamente postas no seu sitio. Temos unha certa tendencia a negar a evidencia do fracaso e a esaxerar triunfos viciados pola dura realidade do sufrimento dunha poboación soberana que ten dereito a expresar un desexo de continuidade en determinadas políticas, antes que arriscar con outras que contemplan cun medo non xustificado. É certo que o PP perdeu máis de 100.000 sufraxios, mais tamén o é o desastre sistemático dunha oposición máis preocupada en xestionar unha previsible derrota que en aparecer aos ollos da sociedade como unha alternativa crible.
É lamentable o ínfimo nivel de autocrítica nalgunhas formacións políticas e a preocupante visualización das "navalladas" internas en organizacións teoricamente maduras. Botar a culpa a Beiras dos pésimos resultados das formacións nacionalistas non é máis que seguir investindo en futuros fracasos, e non cortar de raíz o problema. A pesares da súa irrupción con forza no Hórreo, Alternativa Galega de Esquerda (Anova+IU), fracasou no seu obxectivo fundacional; pasouse dunha intención maximalista do "hai que botalos" a unha realidade que di que "aínda hai máis agora que botar". Quen non vexa esta realidade irrefutable tense que dar conta que ao mellor determinadas celebracións escondían máis cuestións persoais que convencementos reais de obxectivos case místicos para a gobernabilidade desta terra. O futuro dirá se só hai fume nesta batalla ou un longo percorrido, como lles desexa este modesto columnista.
Outras formacións galeguistas como Compromiso por Galicia, non estivemos á altura do necesario para competir nun campo de batalla enlamado, pregoando unha necesaria sensatez que só a moi poucos pareceu interesar. O evidente fracaso puido vir inducido por unha enfermidade conxénita nacionalista que trouxo este nasciturus, chamada "descoñecemento de marca". O futuro ten que vir de organizacións con programas serios que poñan dita sensatez ao servizo da cidadanía, mentres outros nas súas trincheiras prefiran escoitar a Victor Jara e reafirmarse endogamicamente na pureza dos seus postulados.
A única alternativa que ten este país para pór freo a políticas de recortes que moitos semellan asumir coa súa abstención é que moitos votantes dos populares entendan que dende outras formacións poden seguir sentíndose representados en postulados galeguistas, usurpados polos mesmos que permanentemente os atacan, porque do contrario seguirán per saecula saeculorum mandando os mesmos que en troques de xestionar o noso progreso, están xestionando a nosa miseria. Ou non?
No hay comentarios:
Publicar un comentario